Ética e estética da violencia


Os xornais de hoxe recollen con profusión de imaxes e datos noticias sobre a violencia que campa ás súas anchas polos cinco continentes, pero que, nos últimos anos, impactan máis polos casos de guerras que por proximidade xeográfica invaden a nosa intimidade con imaxes estremecedoras que superan en crueldade ás que ata hai pouco tempo coñeciamos e definiamos doutra época. Cando fai 74 anos rematou a II Guerra Mundial, a xente de entón ante os rescaldos quentes aínda pola destrución, o cheiro fresco do sangue derramado e o desespero en millóns de miradas perdidas que tolearon ante tanta barbarie, exclamou: nunca máis! Pero a historia repítese unha e outra vez, e xeración tras xeración revive por desgraza os horrores do que foi arrepío superlativo.

Das guerras que se desenvolven en determinados países de Oriente Próximo e África, así como as larvadas e escondidos noutras ducias de lugares, as que máis nos preocupan e salpican ofrecen a dolorosa realidade de mozos de distintas procedencias, relixións ou credos políticos que se apuntan a matar outros seres humanos. E é que o ser humano, o animal máis asasino dos quedan na Terra, non escarmenta. Mesmo, moitos homes e mulleres morren no campo de batalla coa conciencia tranquila de ter loitado por unha causa xusta. 


Creo que hai moito de ética belicista e de estética guerreira nos que apuntanse a un bombardeo como se de unha festa se tratase. Uns polos outros no fan máis que contribuir a que a humanidade vaia cara atrás.

Entón, por que nos sorprendemos do que está a acontecer con esa xente que hoxe ocupa un lugar destacado nas noticias do día sobre mozos que se apuntan á guerra de lugares afastados ou ao jihad. Desafortunadamente as súas botaporelas sanguentas causan máis ruído que o das bandas sonoras das miles de películas que pingan sangue en canto empezan, e nos meten polos ollos en cines, televisión e outros medios de comunicación. Se ata en internet, hai unha tendencia a glorificar as fazañas dos que criamos que só existían nos pesadelos ou pertencían ao pasado, cando non dúbidan en ensinarnos con profesionalidade forense as vísceras dos que morren de forma violenta.

Tampouco me produce estrañeza que o veciño que sobe comigo ao ascensor non conteste ao meu saúdo. Quizais vexa en min unha persoa con uniforme, cananas e fusil metrallador ou un individuo con turbante e gran coitelo para degolar. Son cousas que pasan pola tan cacarexada globalización que máis que unirnos, semella que nos aísla.

Comentarios

Publicacións populares