EVARISTO DE SANTA MARIÑA


Evaristo de Santa Mariña



X. Pérez Mondelo



Hai pouco tempo que nos deixou Evaristo López Pereiras, unha das figuras máis admiradas de entre todos os músicos da montaña. Nacera en Santa Mariña, berce de tantos instrumentistas, comezando polos que integraron a recordada Banda de Santa Mariña, unha agrupación que se remonta aos anos vinte do pasado século. Unha banda que seguía os pasos da outra gran formación de músicos daquelas latitudes: Os Padernes. Sobre a orixe desta orquestra non se pode aventurar nada certo, mais é probable que xa se remonte a décadas anteriores e mesmo a finais do século XIX. Algo semellante podíamos dicir da orixe da Banda de Santa Mariña, que con toda probabilidade sería uns anos posterior. E, mesmo, hai que pon unha data concreta ao nacemento destas dúas formacións dunha e doutra banda da serra: o ano 1914 nacerían os de Courel e nos anos vinte os de Lóuzara.



En calquera caso, en ambas as dúas sabemos da presenza de Evaristo, sempre acompañado do seu saxo alto. Sendo moi noviño, o noso saxofonista xa deu os seus primeiros pasos na banda dos de Santa Mariña, o lugar no que nacera. Un privilexio, certamente, partillar aprendizaxe cos máis adultos e experimentados. A estes rapaces aprendéraos un señor de non moi lonxe, outro músico de Vilar da Torre, seica que moi severo. E aí foi onde Evaristo comezou a súa longa andaina musical. Un camiño que logo o había levar a integrarse nas outras dúas formacións que habían xurdir naquela contorna: Os Louzariños e Os da Rexoá. Non estaba nada mal a súa carreira musical: compartir palco e sons coas tres formacións máis reclamadas naquela altura: os de Santamariña, os Louzariños e os da Rexoá! E a cousa non ía acabar aí, pois na súa derradeira etapa como saxofonista en activo pasaría a ser un novo membro da gran orquestra da montaña, a lendaria orquestra de Os Padernes. Alí atoparía o espazo e os compañeiros perfectos para desenvolver toda a súa arte. Unha formación que, aliás, contaba cunha sección de instrumentos de vento e percusión excepcionais: grandes trompetistas, trombonistas, saxofonistas… Unha marabilla. O mellor conservatorio musical que Evaristo puido encontrar para dar conta da súa paixón.

A orquestra vai seguir o seu curso até vén entrados os anos oitenta, mais xa sen o concurso de Evaristo López. As cousas non sempre son como un quixera e circunstancias diversas fan que moitos dos nosos músicos teñan que ir abandonando unha actividade que era unha fonte suplementaria de ingresos dentro da economía familiar: a familia que medra, a mocidade que dá en marchar lonxe, o despoboamento dos lugares… Unha serie de factores que fan que as vidas collan outros camiños e a música dea en calar. E iso foi o que levou a Evaristo -e a moitos dos seus compañeiros- a deixar arrombado o seu saxo na casa. Seguro que a ollalo con saudade no seu silencio, orfo de sons, daquelas melodías de outrora. O seu saxo Selmer… que acabaría vendendo por inútil. Cantos instrumentos fermosos non levaron esa vida! E así foi como se produciu a retirada do saxofonista, en 1963 exactamente.



No futuro, Evaristo alternaría os seus traballos de campo coa súa faceta de emprendedor no eido da restauración, rexentando un concorrido asador en Paredes de Lóuzara. Un establecemento que ao tempo era un aberto museo musical que Evaristo decorara con delicadas fotografías das vellas bandas da montaña, un verdadeiro memorial das músicas da serra. E alí era onde el exercía o seu maxisterio, sempre disposto a acoller a todos aqueles que subían desde toda a parte as montañas de Courel e Lóuzara á procura da historia desas formacións e das vidas dos vellos músicos. Era a memoria viva desta longa e emocionante historia da nosa cultura popular. Tantas lembranzas: como a daquela vez que foran andando desde a Casa do Vello, pola banda de Quiroga, onde tocaran na festa, até Cervantes, xa polos Ancares. Dous días a pé, parando en casas de amigos ou parentes, unha noite aquí e outra noutro lugar. Había que chegar para a alborada. Xa estaba a mocidade a agardalos de véspera. Vaia se pagaba a pena a espera! Ben sabían que esa mesma noite habería baile…



Entre unha cousa e outra, de novo deu en prender en Evaristo o desexo de tocar. Nos anos oitenta mercou un novo saxo alto (esqueceramos dicir que el comezara coa gaita) e para matar o verme da música deu en soprar para animar o ambiente no seu local e no propio lugar e xa non puído parar. Ningún dos músicos que viñan polas festas de Paredes ou que viñan visitalo, eran quen de lle seguir o ritmo. Tiña aínda moito swing nas veas.


Un ano antes de falecer aínda tocara. Evaristo, que nacera no ano 1924, faleceu no 2015, entre o recoñecemento dos veciños e admiradores de toda a redonda, da montaña ao val. Os seus últimos anos viviu coa ledicia de partillar palco con algúns compañeiros, superviventes do seu tempo, e con rapaces novos que viron na súa figura esguía e no seu ademán, nesa súa maneira de acariñar o instrumento e facelo florear, un exemplo de humanidade e profesionalidade. Un espello a reflectir o verdadeiro espírito da festa e o rostro máis verdadeiro do noso país.



Uns anos antes, no 2006, morrera aos noventa e seis anos, Antonio Blanco, da casa do Cereixo, o único dos seus vellos compañeiros dos Louzariños que permanecía con vida. O señor Antonio era outra lenda, unha figura inesquecible, o cinto de coiro gasto a cinguirlle o ombreiro, a caixa apoiada no van. Elegante, ergueito como unha candea. 

Evaristo e Antonio, saxo e caixa, un brindo de gratitude para todos vós!



Fotografías

1. Orquestra da Rexoá. Na primeira fila, Evaristo co seu saxo Selmer.
2. Banda de Santa Mariña, sobre o ano 1935. O segundo pola esquerda, Antonio Blanco, da Casa do Cereixo, coa caixa.
3. Os Padernes. ® Foto Carlos
4. Evaristo de Santa Mariña. ® Fotografía de Músicas do Caurel
5. Antonio Blanco (caixa), Evaristo L. Pereiras (saxo) e Domingo Celeiro (trombón), no Filandón de Caurel.
6. Antonio Blanco coa caixa. Fotografía de ® Federico García Cabezón.

Comentarios

Publicacións populares