ELOY LUÍS ANDRÉ


Outro filósofo galeguista


Armando Fernández Mazas


Alá polos anos 1918-19-20, cando eu cursaba estudos de Bacharelato no Instituto de Ourense, comentábase entre os alumnos e o claustro de vellos profesores o paso polas aulas do noso centro dos catedráticos de Psicoloxía, Lóxica e Ética: Julián Besteiro, Eloy Luís André e Antón Losada Diéguez. Especialmente Eloy Luís André deixara un rastro de sabedoría e de autor de numerosos artigos xornalísticos e libros de Filosofía.

Naceu en Mourazos (Verín) en 1876. Pasou a súa infancia, e durante as súas estancias en Galicia, na casa do seu tío en Vilardevós. Os estudos de Ensino Medio fíxoos nos Escolapios de Celanova e no Instituto de Ourense. Os universitarios en Santiago, Salamanca e Madrid. A Universidade de Salamanca lle pensionó para estudar Filosofía en Lovaina, Bruxelas e París (1899-1900). Fai oposicións á cátedra de Psicoloxía e Lóxica, é nomeado para o Instituto de Soria (1904). Pronto trasládase ao Instituto de Ourense. Aquí escribe e publica entre outros un traballo xornalístico importante titulado "Solidaridad y galleguismo". Sobre estes sentimentos colectivos móstrase moi realista e pesimista.

Di: "...Hai moi poucos rebeldes de espírito nesta terra.... "Avergoñámonos de falar galego". Aparece como home moi independente, sen partido; pero de ideas moi democráticas.

É pensionado polo Estado para continuar os seus estudos nas universidades de Leipzig e Jena (1909-1910). En 1912 asiste á Asemblea Agraria Galega de Ribadavia. Escribe en varios xornais de Galicia e de Madrid. Publica: "El  histrionismo español" (Barcelona, 1906); "Ética española" (Madrid, 1910); "Mentalidad alemana" (Barcelona, 1914). 





Desexoso de trasladarse a Madrid ou ás súas proximidades, e aproveitando que outro ourensán Antón Losada Diéguez, fixera oposicións e gañado a cátedra de Psicoloxía e Lóxica do Instituto de Toledo, permutou con el -debeu ser no ano 1913, pois Losada Diéguez aparece desempeñando a súa cátedra en Ourense durante o curso 1914-1915-.

Pronto Eloy Luís André pasa a Madrid ao Instituto Cardenal Cisneros (1919).



En Madrid, xa desde 1915 figuraba entre o grupo de "Estudos Galegos" con Basilio Álvarez, Portela Valladares... Escribe numerosos artigos na prensa e intervén moi activamente no Ateneo. Continúa afastado dos partidos políticos e  obervando como galeguista unha actitude independente.

Publica numerosas  obras: "Educación de la adolescencia" (Madrid, 1916); "Dos idearios y dos democracias" (Madrid, 1919); "Ética" (1923); "Lógica" (1924); sobre "Moral y Derecho" (1925-26-29-30); "Ideario político de Espinosa" (Madrid, 1930)... e o máis importante e característico da súa formación humana e política "Galleguismo, lucha por la personalidad nacional y la cultura" (Madrid, 1931).


Non ollei o libro: "Galleguismo" que podía explicarnos o porqué do afastamento deste profesor dos seus ilustres colegas e paisanos ourensáns; pero teño á vista, entre outros antigos xornais que coservo, o número 2 de "La República" (31 de maio de 1930) semanario ourensán dirixido por Jacinto Santiago. Este exemplar insere en primeira plana e no lugar máis destacado un artigo de Eloy Luís André titulado "Psicología de las fuerzas vivas" (atribuímos esta colaboración en lugar preferente á vella amizade que unía a Jacinto e Eloy, ambos de Vilardevós). 

Copio algúns parágrafos do citado artigo: "...a forza viva galega e o encasillado galego, son fillos da mesma familia dos parasitos políticos, dos amos, dos tiranos, que manteñen o pobo á marxe de toda acción sinérxica e que se arrogan o dereito para pensar, sentir e querer pola súa conta... "Pobre campesiño ourensán! Pobre mundo rural! Ti es Nazareno dos tempos novos"..."Sentes o  trallazo da opresión no teu rostro e tes que calar porque a queixa é va..."Arrebatáronche o pan dos teus fillos e resígnasche a emigrar"... "sementas o carreiro da túa vida de canalladas, de  ignonimia, de falsía e tes que pisalo, cheo de  abrollos, pero sen Calvario. Pobre pobo! Pobre pobo!... "Pero camiña firme. Non perdas a fe en ti mesmo... esa vil ralea dos profesionais da opinión, dos innominados rodrigones das forzas vivas, esa caste da vella política que hai que varrer como  cochambre indigna dun pobo valente e libre, como chusma soez, porque é a mascarada sanguenta da democracia"...  a nosa divisa na cruzada é esta: "Democracia e República. Pan, terra, traballo, amor e liberdade".

Agora comprendemos a actitude independente e o afastamento e a non participación de Eloy Luís André cos seus colegas galeguistas ourensáns. As súas emotivas, vivas e rebeldes interpretacións da vida campesiña galega, por forza tiña que chocar coas descricións e fantasías líricas e bucólicas dos dirixentes galeguistas do grupo Nós, conservador e  tradicionalista.



Os últimos anos da vida do noso biografiado pasounos empeñado nunha campaña  periodística de facer pasar por Verín o proxectado ferrocarril Ourense-Zamora. Loitou contínua e denodadamente no trazado e na execución das obras. A crítica da súa  planteamento e a súa famosa "variante André" foi moi discutida na prensa galega. Fracasou no seu intento. Faleceu en Madrid o 24 de maio de 1935.

Escrito de novembro de 1986
Posteriormente enxertado no libro Ourense: Atenas de Galicia
Ediciones Andoriña
Ourense
1989





Artigo Eloy Luís André no xornal ABC. Recollido da Hemeroteca do citado diario 
 Data: 10 de xullo de 1911


Comentarios

Publicacións populares