Tetraloxía de sons

1955 - 1958

(O principio)


Na orixe; silencio habitual, esgazado polo zoar do vento, o berro da curuxa, o canto do carro de bois cargado de monte, o parrafeo dos veciños, o asubío do tren, os sons dalgunha radio acesa ou as notas dunha orquestra no campo da festa, aínda que todo iso son recordos que moitos anos despois volven en relación con aquel tempo de pingadas de vida no agro onde a xuventude fuxía cara cidades lonxanas.



Daqueles catro anos, elixo, seis décadas despois, algúns discos que podían ben acompañar a banda sonora da data do meu nacemento e os tres restantes, repertorios que se completan con algunhas "nanas" en galego das que tampouco teño recordo claro se non é por quenes as cantaron, pero agora xa non o poden facer. Daqueles cantos, resoan morriñeiramente versos perdidos en tardes de calima: Uno murió en la guerra, otro en el arsenal, y el más joven defendiendo la nación del Paraguay. 

1955. Viaxo ao sur de América, como algúns dos meus antepasados. O tango sempre está presente entre as miñas preferencias musicais, e non me gusta estenderme nos mil e un nomes que poboan ese vasto territorio que é Patrimonio Inmaterial da Humanidade. Escollo unha obra rachadora do gran Astor Piazzolla, quen sen dúbida universalizou aínda máis ese xénero musical nacido ao redor das grandes poboacións do Mar de Plata. 



O álbum chámase Sinfonía de tango. Agavilla un bo número de pezas cuxos títulos din bastante da intensidade que o compositor e bandoeonista arxentino poñía cando se abría a outros ritmos para misturalos coa tradición musical porteña. Astor consolidou ao artista que non dubidou en acoller en centos de composicións o mellor da música clásica do vello continente que se misturou coa linguaxe popular dos arrabales de Buenos Aires e Montevideo, pero sen esquecerse dos sons do Norte que se espallaban a todos os continentes baixo cuño do jazz.



E que me dis daquel rapaz de Tupelo cando entrou nos estudos de Sun Records, en Memphis, Tennessee,  para gravar un par de canzóns como agasallo a su nai no día do seu cumpleanos. Quen me iba a dicir, a min, eu un roqueiro máis anglófilo no meu despertar musical dos primeiros sesenta do século pasado, que gardo como ouro do Sil aquelas cancións primeiras dun camioneiro noviño con ínfulas de artistas e gorxa privilexiada. That's allright mama, blue moon, blue moon of Kentuky, Well, we're gonna rock, We're gonna rock, Let's rock, Come on and rock, We're gonna rock all our blues away...

En fin o branco que mellor se apropiou dos r&blues en tempos de frío nuclear. Sería improcedente esquecer outros que fixeron moito por ese rock and roll nacente: Chuck Berry, Little Richard, Ike Turner, Larry Williams, Fats Domino, Bill Halye, Jerry Lee Lewis, Carl Perkis, Charlie Rich, Wanda Jackson, Johnny Cash, Roy Orbison, Johnny Burnette, Eddie Cochran...



De Arxentina vou a Venezuela, pois de alí era o pianista, compositor e director de orquestra Aldemaro Romeu (1928 - 2007) que está considerado como un dos máximos expoñentes da música latinoamericana que desde o seu país natal desenvolveu unha frutífera e inspirada carreira apoiada tanto nas sonoridades tradicionais como nas novas formas musicais que lle tocaron de cheo desde moi novo. No ano 1955, a compañía RCA Victor poñía dentro das novas ofertas musicais o disco de longa duración Dinner in Caracas, un traballo que se apoiaba no folclore musical de Venezuela, é dicir acorde con pezas fundamentais como Alma llanera, Luna de Maracaibo, Adiós a Ocumare ou Serenata, entre outras, que baixo os arranxos orquestrais de Romeu, innovadores en moitos casos, transcenderon máis aló dos confíns onde foron creados e tiveron unha importante repercusión a nivel internacional.



1956. Vía Nova York aparece Cuban Carnival, un disco grande no que un descendente de latinos (Puerto Rico) nacido na cidade dos rañaceos daba renda solta aos ritmos afrocaribeños que tanto seguimento tiñan no alicerce musical de Tito Puente (1923-2000), quen sentou as bases da percusión aberta a diferentes sons, como se pode comprobar en varias cancións do disco, no que, por certo, tocan outros destacados instrumentistas que achegaron moita ao repertorio do mencionado álbum. Da longa lista, hai que salientar sen menosprezo dos demais, Bobby Rodríguez, Cándido Camero, Carlos Potato Valdés, Eddie Caine, El Viejo Macucho, Mongo Santamaría, Santo Russo ou Willie Bobo. Títulos como Elegua chango, Pa' los rumberos, Oye mi guaguancó, Yambeque, Mambo Buda  e  Cha-Cha de pollos din moito dese fresquío esmagador do repertorio de Cuban Carnival. Este disco de longa duración facilitou o camiño a salsa, como xénero musical urbano e universal, amais de espander os ritmos afrocubanos polo mundo ata o punto de misturalos con jazz, rock, bossa ou pop con acerto en determinados casos, como no da universal peza Oye como va



1957. Aínda que belga, as cancións de Jacques Brel asócianse a Francia, un país no que o cantautor desenvolveu unha impresionante carreira musical que o converteu nun clásico do século XX grazas pezas como Quand n'a que l'amour ou imperecedeiro Ne me quitte pas, que fan do belgafrancófono un dos máis senlleiros poetas da música popular da segunda metade do século vinte. Agudo observador de vidas, sentimentos, situacións e tamén desas pequenas cousas que fan posible a existencia. Como dixese alguén: "Un xigante, un pura sangue da canción: Non perdeu xamais o respecto a si mesmo e ao seu público. Escribiu e cantou as súas cancións porque sentía, porque tiña necesidade de dicir algo, de dicilo en voz alta" .



1958. E esta primeira  tetralogía péchase cun gran cantaor, un artista que na súa nenez mesmo chegou a ilusionar a Manuel de Falla e Federico García Lorca no Concurso de Cante Jondo de Granada, que gañou con 12 anos. De Manolo Caracol (1909 - 1973) recupero daqueles anos en grises mouros o LP titulado Una historia del cante flamenco, no que se atopan diferentes paus que non lle eran alleos ao sevillano, desde os liviáns aos máis jondos, pero todos tocados polo trasgo implícito nas gorxas, guitarras e danzas dos grandes como Caracol. Co tempo converteríase no creador dos espectáculos aflamencados, todo unha herexía para os puristas, onde escenificaba cancións non só con acompañamento de guitarra senón con piano e mesmo orquestra e un elenco de bailaoras e bailaores que obtiveron un amplo recoñecemento en España, Portugal e Latinoamérica a partir da década de 1940. Heterodoxia, figura mediática e empresario de espectáculo, rexeitado a destra e sinistra, non impediron con todo que figure no panteón dos grandes do cante de todos os tempos.










Comentarios

Publicacións populares