MEMORIA DOS MÚSICOS GALEGOS EN EEUU
Memoria dos músicos galegos en EEUU
Os gaiteiros Terra a Nosa da Casa Galicia de Nova York
“Nova York é noso!”
Rafael Dieste, Dos arquivos do trasno
É un deber moral, un relato sempre inacabado, mais irrenunciable, dar conta dos traballos e dos días dos nosos compatriotas en tantos países de alén-mar ao longo da historia contemporánea de Galicia. Lembramos desta volta o labor dos nosos músicos en América do Norte, e máis en concreto na cidade de Nova York. É certo que cada día temos máis información sobre este aspecto da nosa cultura, sobre a interrelación musical de Galicia e América –esa viaxe de ida e volta–. Porén, este saber céntrase fundamentalmente no labor desenvolvido polos nosos creadores e intérpretes en países do continente como Arxentina, Cuba e Uruguai, mesmo en Brasil ou Venezuela, aínda que en menor medida. Semella que esquezamos a importancia que unha cidade como Nova York tivo na divulgación e no cultivo da nosa musical tradicional.
Non se pode entender este labor sen facer mención da intensa actividade artística da Casa Galicia, unha institución fundada no ano 1940 na que moitos músicos galegos chegados da emigración e do exilio atoparon un espazo de acollida no que desenvolver toda a súa sensibilidade musical. Un lugar de encontro, de sociabilidade, de resistencia e entusiasmo republicano e galeguista, no que se ergueron fermosas quimeras, torres no ar tan altas como o Empire State. Soños que tamén axudaron a tecer, entre outros, personalidades ilustres como os profesores Emilio González López, os irmáns Leonardo e Enrique Santamarina, Amado Ricón, o cronista da institución Manuel Zapata... e o propio Castelao, que nunha derradeira estadía en Nova York no ano 1945, camiño de Cuba, cara ao seu destino último en Bos Aires, foi nomeado Primeiro Socio Honorario da institución, ao que respondeu con estas palabras de gratitude: "Volvo a Bos Aires asombrado da obra que fixéchedes. Esa casa é unha xoia".
Ben seguro que, no seu íntimo, en vendo o público en pé, en recibindo o seu aplauso, habían sentirse ben orgullosos de teren conquistado o centro mesmo do imperio, e diciren para os seus adentros, como o neno protagonista do relato de Dieste:
—Nova York é noso!
Eugenio Lestón foi un dos piares musicais da Casa de Galicia e un dos intérpretes galegos máis respectados nos ambientes musicais da comunidade hispana, alternando o seu labor dentro da coral e do grupo de danza e gaita, coa súa participación en distintas orquestras que estes mesmos músicos galegos crearían en Nova York.
Mais un salto cualitativo dentro da vida musical da Casa Galicia produciríase coa chegada á institución, procedente de Galicia, no ano 1951, do clarinetista, saxofonista e gaiteiro quirogués Carlos Rodríguez Martines, un instrumentista de sólida formación, que formara parte dos Celtas de Paradaseca e da orquestra A Ideal de Monforte de Lemos, entre outras agrupacións galegas. Será Carlos Rodríguez o que un ano despois, no 1952, funde o grupo de música tradicional Terra a Nosa da Casa Galicia (desde 1945 viña funcionando de maneira moi irregular un primeiro grupo de gaitas e canto na sociedade) que dirixirá durante trinta anos ao tempo que se encarga da programación de toda a actividade das diferentes seccións de canto e baile. Unha longa vida de espallamento da música galega en Nova York, con presenza nos máis recoñecidos espazos escénicos da cidade, en todo tipo de institucións e nos medios de comunicación (sendo habitual a súa participación en distintos programas de televisión), que culminará coa gravación do disco Fiesta Gallega, un documento sonoro fundamental para entender a historia da música galega nos Estados Unidos.
O disco foi un dos fitos máis importantes na traxectoria dos gaiteiros de Terra a Nosa. Gravouse contra finais dos cincuenta e primeiros dos sesenta, como unha mostra ou carta de presentación da Casa Galicia, facéndose unha edición moi limitada, duns mil exemplares, que axiña se esgotou, adquirido principalmente polos socios da institución. Unha obra hoxe de coleccionista, que cómpre reeditar, feita sen outra pretensión que non fose a do amor pola nosa música tradicional e a súa pervivencia entre a comunidade galega do Norte.
Foi editado por Gabriel Oller produtor portorriqueño de musica latina, no selo SMC Pro-Art (Spanish Music Center), dentro da colección Estampas de España. Ao redor deste proxecto agrupáronse os mellores músicos galegos da cidade naquela altura, tanto os integrantes de Terra a Nosa como outros indirectamente relacionados coa Casa Galicia e que estaban desenvolvendo a súa vida musical en ambientes latinos, sempre en contacto cos seus compañeiros galegos cando se precisaba da súa colaboración, como no proxecto da gravación deste disco. Mais, nesta ocasión, o grupo Terra a Nosa vai contar cunha colaboración excepcional, a do cantor de tonadas asturianas Orestes Menéndez, un dos grandes clásicos da canción asturiana, cantante en diferentes orquestras latinas e un habitual das veladas musicais das sociedades hispanas, que, igual que outro dos colaboradores na gravación, o gaiteiro mariñán Antonio Mosquera, tamén publicaría os seus propios discos no mesmo selo. A participación de Orestes Menéndez foi un feito insólito en canto á fusión de musica instrumental galega e canto de fonda resonancia asturiana, creando unha atmosfera vibrante na que a canción galega na voz de Orestes Menéndez acada unha dimensión descoñecida por singular e novidosa ao tempo que emocionante. A súa interpretación de temas populares galegos con cadencia de tonada asturiana é un dos grandes acertos da gravación, facendo de Fiesta Gallega un testemuño sonoro fundamental da historia da nosa música tradicional.
E non podemos esquecer a interpretación que o cantor asturiano fai de "Unha noite na eira do trigo" noutra gravación do mencionado selo SMC titulada Orgullo español, na que cabo deste pasodoble, como cara B do disco aparece a súa interpretación do poema de Curros, acompañado pola Orquesta de Alfredo Méndez, unha das moitas formacións de música tropical da cidade, orquestras que non deixaban de satisfacer os gustos musicais das comunidades hispanas e latinoamericanas. Ese era o ámbito no que se movían os nosos músicos e o feito de escoller o poema mítico do poeta celanovés dános unha idea da súa popularidade dentro e fóra da comunidade galega e do extraordinario éxito deste tema desde os tempos nos que o musicara o mestre Chané.
Voltando a Fiesta Gallega, no tocante á parte instrumental, feren a alma as gaitas dos tres grandes gaiteiros de Terra a Nosa: Carlos Rodríguez Martínes, o líder do grupo –que tamén toca o clarinete en distintas pezas–, o seu compañeiro de tantas andainas na Casa Galicia, Marcelino Villanueva, de terras de Guláns, ese ámbito de tanta tradición musical, e de Antonio Mosquera, un sadense cuxa presencia é ineludible ao falarmos da música tradicional de Galicia nos EE UU naquela altura do pasado século. Cabo dos gaiteiros, cómpre lembrar a participación Antonio Candal, mariñeiro, xa de certa idade, coa pandeireta, Carlos e Jaime Rodríguez Jr na caixa e no bombo, a namorada do propio Orestes Menéndez coas castañolas e por último, a colaboración doutro artista galego, Juanucho López, de Carnoedo, con toda a forza da percusión. O timbalista mariñán tocaba música fundamentalmente caribeña: guarachas, mambos, merengues, gravando varios discos coa súa orquestra de músicos latinos e americanos e chegando a se converter nun dos reis da pachanga, un xénero musical que estaba a causar sensación nos ambientes latinos da cidade. Juanucho López, hoxe no esquecemento, está agardando por unha biografía certa, así como por unha edición da súa discografía, que dea cumprida conta da vida deste artista galego que chegou a acadar un éxito sen precedentes na comunidade musical latina dos EE UU.
Polo que respecta a Antonio Mosquera, o Perillán, a súa contribución no disco limítase a dúas ou tres pezas, sendo convidado a participar na gravación por mediación de Marcelino Villanueva. Tiña colaborado cos gaiteiros de Terra a Nosa en distintos eventos festivos, mais non era un membro fixo da formación. Non se aviña demasiado a tocar en grupo, actuando preferentemente só, segundo as súas propias inclinacións musicais. Gustaba de tocar rumbas e pasodobles... (unha música que en orixe non fora creada para tocar na gaita, mais que se adaptou perfectamente ao instrumento, incorporándose ao repertorio habitual das agrupacións tradicionais), interpretando ese tipo de música bailable acompañado de caixa e bombo, co seu propio grupo, onde contaba coa presencia de José Suárez, Jaime Cabanas e o seu propio fillo, Antonio Mosquera Jr. Era moi bo solista, tocaba de marabilla a gaita, malia que non sempre se prestase a compartir a súa arte cos compañeiros gaiteiros. En calquera caso, un músico singular, que no mesmo selo SMC Pro Arte, deixou unha gravación histórica na nosa música tradicional, Juerga Gallega, que xunto a Fiesta Gallega dos Gaiteiros Terra a Nosa, son a gran contribución dos músicos galegos da cidade de Nova York na etapa dourada da Casa Galicia, aquela que vai desde os primeiros cincuenta e atravesa as décadas dos anos sesenta e setenta, cando o seu máximo impulsor vai cedendo na súa actividade entusiasta e deixa a responsabilidade da actividade do grupo de gaita e baile Terra a Nosa en mans de seu fillo Carlos Rodríguez Jr e do veterano gaiteiro Marcelino Villanueva de Guláns, que manterán aceso o facho da música galega desde finais dos setenta e durante anos oitenta, a partir dos cales a vida musical da institución ha seguir renovándose e ampliando a súa oferta musical, agora baixo a responsabilidade de novos mestres da Escola de música e danza da Casa Galicia.
Estes son os nomes dalgúns dos nosos músicos en Nova York, unha cidade que danzaba ao son dos máis variados ritmos do mundo, chegados desde todas as latitudes: latinos, afroamericanos, célticos, jazzísticos... cos que os nosos interpretes habían de convivir e mesmo integrar no seu repertorio, unha fusión de músicas e intérpretes chegados de todas as latitudes, que encherían de goce e danza os máis variados locais de lecer da cidade, dun a outro barrio, de Harlem a Manhattan. Son os fíos invisibles cos que se vai tecendo o grande nobelo das músicas do mundo, unha madeixa ganduxada tamén cos nosos propios fíos músicais, unha construción sonora que seduce alén das nosas fronteiras, ao tempo que é seducida, nun feedback secular, desde as vellas cantigas cortesáns até os nosos días.
Visto desde esta perspectiva, achamos natural a voz galega de Orestes Menéndez, o xílgaro asturiano, no disco de os Gaiteiros de Terra a Nosa, a querenza de Antonio Mosquera polos ritmos bailables de rumba e pasobobles, ou aqueloutra de Juanucho López polos sons caribeños saídos da súa propia orquestra de músicos latinoamericanos. Era, polo demais, unha cuestión de adaptación e renovación nun momento de aparición de grandes intérpretes de ritmos latinos e de creación de orquestras de enorme éxito (Tito Puente, Pérez Prado, Xavier Cugat...), un ambiente nos que os músicos galegos habían de introducirse en canto era medios cercanos, alén dun mercado en alza. Nesas sociedades e institucións hispanas e latinoamericanas era onde tocaban preferentemente, creando as súas propias orquestras ou integrándose nas existentes, cun repertorio no que ademais de música de raíz española e latinoamericana, tamén procuraban incluír pezas da nosa tradición musical en función dos diferentes ambientes. Son diversas as formacións orquestrais nas que os nosos músicos desenvolveron a súa arte e, como exemplo, lembramos agora os proxectos de Carlos Rodríguez, que ao tempo que lideraba o grupo de gaiteiros da Casa Galicia, creou dúas orquestras, Trovadores de España e Ecos de España, cun versátil repertorio onde a música de carácter español e latino se mesturaba coa adaptación de temas clásicos galegos, algo que seguiría facendo en The Golden Echoes, unha big band de músicos americanos amantes de interpretar a nosa música, pezas de Gustavo Freire, Bernardo del Río ou Pascual Veiga.
En lembranza destas formacións orquestrais e dos seus intérpretes, velaí os integrantes de Ecos de España: Carlos Rodríguez (clarinete e saxofón), Antonio Salorio (trombón) Emilio Lestón (trompeta) Aurora Rodríguez (piano), Carlos Rodríguez, Jr (batería), Eugenio Lestón (saxofón) e Ángel Cortinas (vocalista). Este último, un apelido que resulta familiar, na medida en que Ángel Cortinas é fillo de Arsenio Cortinas, o trompetista de Os Padernes de Courel, da outra banda das augas. E canda eles, outro histórico músico mariñán, Beny Pedreira Fernández, un saxo tenor que ademais tocaba na Casa Galicia con Carlos Rodríguez e Juanucho López, cando o reclamaban para animar as festividades da institución. Benny formárase de moi noviño na orquestra de Lelo de Ouces e axiña se integrou na Orquestra Dans (netos de Barrales, os da orquestra Os Barrales de Cecebre) onde tocaba o clarinete, e na Orquestra Pedreira de Bergondiño, onde o facía co saxo tenor, pasando por Os Esparteros de Sada e Os Rambalas de Betanzos, marchando logo a Brasil onde se integraría na Banda Municipal de São Paulo e na orquestra arxentina Don Castrito, coa que viaxou por todo o país brasileiro. De volta a España, formou parte da orquestra Sintonía e da Oriente da Coruña, chegando a colaborar cos Trovadores e Os Satélites, onde coincidiu con Alvarito Pita, Pucho Boedo e outros mitos da época. Foi nos sesenta cando marchou a EE UU e comezou a súa relación con Juanucho López, con Carlos Rodríguez e os gaiteiros de Terra a Nosa e con outros músicos galegos de diferentes formacións orquestrais de música española e latina, cos que participou nos diversos eventos festivos das sociedades hispanas.
Músicos de Paradaseca e de Guláns, de Carnoedo e da Ponte Nafonso, do Courel e das Mariñas… de tan grata memoria, historia sonora de Galicia:—Nova York foi voso!
X. Pérez Mondelo
Fotografías:
1. Primeira sede na Rúa 59, de Nova York (1942).
2. Sede actual desde 1994, en Astoria, Queens, de NY.
3. Xuntanza festiva de socios (21 de xullo de 1951)
4. Coro Airiños, co seu director Fausto Esteves.
5. Rondalla, co seu director Joaquín Alcalá.
6. Gaiteiros e grupo de danza Terra A Nosa, co director Carlos Rodríguez.
(Fotos: Anuario Casa Galicia)
7. Grupo de danza Terra A Nosa nunha actuación en televisión.
8. Carlos Rodríguez e Marcelino Villanueva, gaiteiros históricos de Terra A Nosa.
9.Actuación do grupo de gaita e danza Terra A Nosa, na televisión.
10. Portada do LP titulado Fiesta Gallega, dos Gaiteiros de Terra A Nosa con Orestes Menéndez.
11. Libreto con cancións interpretadas por Orestes Menéndez.
12. Cara B do disco de Orestes Menéndez: Unha noite na eira do trigo.
13. Disco de música latina do percusionista Juanucho López.
14. Portada do LP Juerga gallega, do gaiteiro Antonio Mosquera e grupo.
15. Grupo de Gaitas e Danza Terra A Nosa co seus directores Eugenio Lestón (centro) e Carlos Rodríguez.
16. Desfile pola V Avenida de Terra A Nosa, na celebración do 12 de outubro.
17. Orquestra Ecos de España no escenario.
18. Orquestra Ecos de España nun descanso.
19. Big Band The Golden Echoes.
(Fotos cedidas por Carlos Rodríguez, agás as imaxes de discos recollidas en Internet)
Comentarios