LEOPOLDO DE CÓRGOMO E FOLLAS NOVAS

Leopoldo de Córgomo e Follas Novas

Memoria dos músicos valdeorreses



X. Pérez Mondelo

Había ser moi esclarecedor facer un mapa musical de Galicia, ao modo da carta xeográfica de Domingo Fontán, cos lugares máis musicais da nosa Terra. Poderíamos comprobar así que non houbo recuncho, vila ou aldea, que non contase cun músico de seu, unha banda, orquestra ou grupo tradicional. Había ser un mapa sonoro vibrante e alegre, por veces saudoso. Poderiámolo percorrer do norte ao sur, do leste ao oeste, andar todos os camiños, desde a montaña á beiramar, que non nos habiamos de perder, só guiados polo son dos clarinetes, da gaita e da requinta, das ferreñas e do acordeón, de todos os instrumentos nun concerto solemne, sen fin. No canto de percorrelo á luz dunha candea, como facía Adrián Solovio para o seu tío moribundo na novela Arredor de sí, de Otero Pedrayo, abondaría con que pousásemos o ouvido sobre a carta para recoñecermos as músicas de cada lugar. E os seus músicos.

Se o nome dos Trintas é xa inseparable de Pobra de Trives, o de Xan Miguez do lugar de Ventosela, Os Trabazos do de Castro Caldelas, o de Avelino Cachafeiro do de Soutelo de Montes ou o da banda de A Lira do de Ribadavia, tampouco o nome de Córgomo se entende sen vencellalo ao do seu gaiteiro maior Leopoldo Quiroga, tan vencellados están. O nome de Córgomo e Valdeorras toda, porque todo o val está impregnado da súa música e respecta a súa memoria.
Leopoldo Quiroga Arias (1905-87) é a encarnación do gaiteiro galego, tal como nolo cantaran os nosos poetas. De orixe popular, barbeiro de profesión, formou despois da Guerra o grupo Follas Novas canda outros veciños de Córgomo, un cuarteto tradicional no que el era a máxima figura. A Leopoldo coñecíano popularmente polo nome do Fuco, levando o grupo como segunda gaita a José Dobao Núñez (o Rito), completando a formación Manuel López (o Calalas), xastre de profesión, na caixa, e Eloy Quiroga no bombo. Eran catro músicos brillantes, moi bos instrumentistas, cada un no seu. Un cuarteto ao que, como adoita pasar, se irían engadindo novos nomes na medida en que algún tivo que faltar, como é o caso do bombeiro, que unha vez falecido Eloy, será Raúl López (o Re) o que teña conta do instrumento. Esta era a composición da formación e este era o seu nome, Follas Novas, gaiteiros de Córgomo, unha denominación á que Leopoldo sempre permaneceu fiel aínda nos momentos nos que o grupo deixou de funcionar como tal e el seguiu tocando só até os seus últimos días. Unha fidelidade ao nome de Follas Novas, que máis adiante trataremos de desvelar.
Todos eles eran graciosos e alegres como axóuxeres. Sentían paixón pola música, vivían aquilo e transmitían esa alegría que levaban dentro. Non podía ser doutro xeito e máis sendo dun pobo tan musical e festeiro como o de Córgomo, onde chegou a haber dúas orquestras tamén moi reclamadas. Conta Celia Quiroga, a súa filla e memoria viva dos músicos valdeorreses, dunha vez que foran tocar a Santa Uxía de Ribeira, onde os chamaron durante moitos anos e onde eran moi apreciados, que cando ían tocar a alborada, ao ver o percorrido, unha rúa á que non se lle vía o cabo, dixo o Rito: 
—Mellor damos a alborada atravesada, dunha banda á outra da estrada, e terminamos. 

Así eran estes homes, profesionais dos pés á cabeza. Tocaran en Compostela pola Ascensión, un certame ao que concorrían os mellores solistas e grupos do país. Gustaran moito, e desde aquela tocaron por toda a zona de Ribeira e Arousa durante uns vinte anos, e, claro está, por toda a redonda valdeorresa, polo Bierzo e en tantas outras vilas e cidades do país.

O seu repertorio era heteroxéneo, como os de gran parte dos grupos de música tradicional. Por unha banda, pezas propias da música galega, muiñeiras, alboradas, xotas… e pezas clásicas de banda, composicións dos nosos grandes directores e compositores adaptadas a este tipo de formacións (ben polos propios autores ou por algún dos músicos máis destacados das formacións) e, inevitablemente, todo tipo de música nova, chegada de todas as latitudes, que a xente demandaba (tangos, polcas, mazurcas, popurris de cancións de moda…). O que hoxe podíamos entender como música “comercial”, que combinaban coas pezas galegas clásicas e de raíz popular.
E isto no tocante ao grupo, pois Leopoldo Quiroga tivo logo unha intensa vida musical como solista e mestre de gaita que o levaría por distintos lugares como o Centro Galego de Ponferrada, onde era moi coñecido pois traballara durante once anos na Central Térmica. Estivo tamén becado como mestre no Centro Galego de Barcelona, e en Alemaña, desenvolvendo o mesmo labor pedagóxico nos centros da emigración. E nos últimos anos en distintas agrupacións musicais valdeorresas, agrupacións novas do Barco e A Rúa nas que é un auténtico referente, honrándoo algunha delas co seu nome, como no caso da Escola de Música Leopoldo Quiroga creada recentemente no seu propio pobo. Escolas nas que o mestre non só ensinaba gaita, pois mesmo introducía aos cativos na práctica dos puntos primeiros dos bailes populares.

Como recoñecemento ao seu labor, á súa disposición permanente para acudir a todo tipo de encontro musical e ofrecer o seu maxisterio e experiencia, o seu pobo ergueulle ao pé da casa unha magnífica estatua de bronce do escultor Buciños que un día desapareceu misteriosamente. Serán os tempos, para algún tan necesitados! Só recentemente, a modo de desagravio, levantouse de novo unha estatua de menor valor sobre da fonte de Córgomo, mais coa mesma gratitude e consideración pola súa altura humana e musical. Unha fonte a deitar fresca harmonía polo punteiro do cano.
E outra mostra máis da simpatía e admiración que espertaba o nome de Leopoldo témolo co ocorrido no día do seu enterro. Nunca tanta xente se xuntou en Córgomo, de toda clase e condición. O enterro foi algo excepcional. Viñeron importantes personalidades e moitas bandas da contorna onde el fora mestre de tantas xeracións de mozos e mozas. Achegáronse xentes de toda a redonda. Unha auténtica homenaxe e recoñecemento popular á súa traxectoria vital. Durante a cerimonia el deixara dito que tocasen a Marcha do Antigo Reino de Galicia. E así foi como marchou o gran gaiteiro valdeorrés, ao son desta peza solemne, única. El xa non andaba ben. Pouco antes de morrer chamárono para tocar no Entroido de Laza. Estaban día e noite tocando. No carnaval non se para. Non, xa non estaba ben de todo. O pulmón xa non lle daba como antes, forzouno e alí mesmo acabou por se estragar. Chegou moi maliño de Laza e pouco tempo despois morreu no hospital de Valdeorras. 

Leopoldo Quiroga só viviu para a música. Como intérprete e como mestre. Ía onde o chamaban. Alí onde o reclamaban, alí ía. E cantas veces sen pedir nada a cambio: o único que o movía era o sentimento por Galicia e pola música. Era un home de lei, alegre, aberto e liberal. E un gran lector. Un home desprendido e tolerante. Moi ben portado, as mans sempre moi coidadas. Aquelas mans que facían bailar a gaita! Mais tamén foron evidentes os seus traballos como adaptador para gaita de pezas escritas para piano e violín e mesmo a súa achega como compositor, pois o mesmo que fixera o seu mestre Luís Brage, que compuxo unha partitura para Córgomo, tamén o seu discípulo gaiteiro acabou compoñendo outra partitura para o seu pobo. E mesmo cadansúa peza para a súa muller e a súa filla.  
Mais, retomando o fío e volvendo á cuestión inicial: por que esa fidelidade do gaiteiro ao nome de Follas Novas, que sempre levou o grupo, mesmo cando xa deixaran de tocar xuntos e Leopoldo Quiroga andaba como solista? Por que se presentaba, aínda só, como Follas Novas? Pois pensamos que por lealdade aos que durante tantos anos foron seus compañeiros de mil andainas, máis tamén por unha fidelidade previa e insoslaiábel. O nome puxérallo ao grupo Leopoldo Quiroga como homenaxe ao seu mestre Luís Rafael Brage Villar, que foi quen llo suxeriu. Un mestre ao que Leopoldo estaría agradecido de por vida. Luís Brage xa tiña estado en Córgomo e por Valdeorras coa Banda da Lira de Ribadavia e mesmo tiña tratado a Leopoldo e compartido trato con el e outros músicos valdeorreses. Mais ha ser no cárcere de Ourense, un lugar ben insospeitado, cando se volvan encontrar. Os dous foran xulgados por adhesión á rebelión con resultado de sentenza a pena de morte conmutada por cadea perpetua para Luís Brage e de cadea perpetua para Leopoldo Quiroga, todo polo seu talante galeguista e republicano. Quen llo ía dicir! Reencontrárense no cárcere! 

Luís Brage, gran pianista e mestre, de ilustre saga de músicos, fora durante os anos anteriores á Guerra o director máis recoñecido da histórica banda A Lira de Ribadavia e un impulsor entusiasta da vida cultural e social da vila. E foi por este seu activismo cultural, social e político polo que fora xulgado e condenado á morte. Motivos e condena moi semellantes á que sufriría o propio Leopoldo Quiroga. Durante eses catro ano na prisión, Luís Brage e Leopoldo comezaron  un proceso de aprendizaxe e amizade plenos, que para o futuro musical do gaiteiro foron determinantes. Un agasallo co que a vida o compensou naquel período de barbarie e incomprensión. E foi tamén Luís Brage quen lle suxeriu o nome de Follas Novas a Leopoldo Quiroga, cando este puidera cumprir o seu soño de, unha vez liberado, formar un grupo musical. Mais tamén puido ser propia decisión de Leopoldo, como tributo ao título da composición máis relevante do pianista, “Follas novas”, unha das obras máis importantes da música rapsódica galega, xunto a obras de Gustavo Freire, como “Airiños, aires” e “Festa na Tolda” ou a “Lenda de Montelongo”, de Bernardo del Río. E, polo demais, tanto en Brage como en Leopoldo, estaría a lembranza previa do libro eterno de Rosalía.

Leopoldo Quiroga estivera escapado no monte antes de se entregar e ser encarcerado. E durante esta etapa de fuxido levaba canda el un instrumento ben particular, un serrón, co que calmaba o seu devezo musical. Tocábao na soidade da serra, mais chegou un momento no que tivo que deixalo pola vibración tan grande que provocaba, por medo a ser descuberto. Despois destes tres anos, foi cando se entregou e foi xulgado e condenado. Unha pena a cadea perpetua que logo lle foi conmutada, podendo saír libre sobre o ano 1943. Libre e agradecido, malia que poida soar a ironía, en canto que esta condena inxusta permitiulle coñecer o seu mestre Luís Brage e recibir del todo o seu saber, os grandes valores da xustiza e da liberdade e as bases da arte musical. Por iso é tan comprensible esa fidelidade de Leopoldo Quiroga ao nome de Follas Novas.

E así se foron tecendo os fíos da música galega. Desta relación, tantas veces inesperada e sorprendente, dos seus compositores e intérpretes, de calquera condición. Quen lle ía dicir aos Trintas, os irmáns de Trives, que o destino os había xuntar con Ricardo Courtier e a Leopoldo de Córgomo que ía convivir tan estreitamente e en situación tan adversa con Luís Brage, o mestre compostelán? A fortaleza da nosa música, a súa resistencia e persistencia, nace desta conxunción de destinos impensables, si, mais, por riba de todo, da dignidade destes homes que de sempre procuraron unha Galicia e un mundo libre e en irmandade.

Fotografías e imaxes
-  1, 2, 3 e 4: Músicos: ® Celia Quiroga.
-  5 e 6: Libreto rapsodia: Internet
-  7: Mural en Córgomo, de ® Anxo Baranga

Comentarios

Publicacións populares