O CESTEIRO DA PORTELA DE PORTOMOURISCO


Tino Fernández Nogueira
 O derradeiro da estirpe dos cesteiros de A Portela de Portomourisco


No comezo da década de 1960, recordo que un dos desprazamentos máis agradábeis para un neno de apenas un lustro de vida consistía en acudir como invitado á festa de San Vitoiro na casa da tía Flaminia no lugar da Portela de Portomourisco, do concello de Petín, xa na comarca de Valdeorras de Ourense, terras de viño, de dura laboura para os seus habitantes adicados a tarefa de labrar o agro e, tamén, sitio de tránsito de diferentes culturas que nalgúns casos deixaron fonda pegada na comarca.

Na casa da irmá da miña avoa Rosa, estaba o seu fillo Constantino -mellor Tino- que foi o único dos fillos de Flaminia que non marchou a traballar ao estranxeiro como fixeron as irmás, pola decadencia e a escasez de oportunidades que a pasos axigantados invadían as terras galegas, se é que houbo algún tempo de esplendor para os habitantes das aldeas que salpicaban a paisaxe da contorna.

Tino, dende cedo, afanábase sobre a madeira que tallaba coa habilidade do artesán comprometido co seu traballo que se iniciaba ao romper o día sen pausa ata ter montado o cesto destinado para  vender aos que utilizaban dito canastro, na maioría dos casos nas vendimas da zona, cando non para outros quefaceres da horta ou da casa. Vista, oído, olfato e tacto daquel tempo lonxano que foi, aportaban sensibilidades que levaban ao pequeno a un transo pracenteiro que sesenta anos despois lle volta ante determinadas imaxes.

A figura do cesteiro está vinculada a un vello oficio de carácter artesán que ten a súa orixe en tempos lonxanos nos que as creacións de dito traballador manual utilizábanse tanto para o transporte, o almacenamento ou para a conservación de determinados produtos. O oficio tiña presenza en toda Galicia e o cesteiro, salvo excepcións puntuais, tiña o taller na casa e encargábase de todas as tarefas que eran necesarias para facer un cesto, dende a busca da madeira ao remate do traballo.

Como recordo de Tino, que pechou o ciclo de varias xeracións de cesteiros no lugar da Portela de Portomourisco, recupero unha reportaxe publicada o sábado 13 de xullo de 1996, no xornal ourensán LA REGIÓN. Información que saíu nun especial adicado as festas en Vilariño de Conso.  

Tino Fernández Nogueira é o último testemuño dun oficio que herdou da súa familia paterna, o de  cesteiro: " Xa era  unha labor  do  meu  avó e  tamén  do  meu  pai.  Eu  empecei  nisto desde pequeno,  cando tiña dez anos". Despois dunha paréntese de descanso, desde o mes de maio, Constantino volveu a recuperar a ilusión por ensinar ás novas xeracións os segredos deste traballo, uns ensinos que imparte semanalmente no municipio de Vilariño de Conso.

De todas as maneiras, o mestre recoñece que esta tarefa require de moitas doses de paciencia, unha opinión que comparte unha das alumnas que asiste a este programa, Luisa Alonso Lamas. Segundo esta rapaza, "ao principio tamén viñan ao curso rapaces pero deixárono porque dicían que era moi difícil".

Tino Fernández xa non se dedica de maneira activa a este traballo artesán, un oficio ao que consagrou cincuenta anos da súa vida e co que chegou a alcanzar unha produción anual de 400 cestos. A distribución destas pezas era a través das feiras mensuais da Rúa e Petín, aínda que algúns destes traballos traspasaron fronteiras e atópanse mesmo en terras catalás. Ademais, a lonxevidade destas obras é tal que hoxe en día moitos veciños seguen empregando nas tarefas agrícolas os cestos elaborados por Tino Fernández.

Por aquela época, este artesán acudía a comprar a madeira a Mones, A Barxa, Sampaio e Centellais, en Lugo. Árbores de todo tipo pasaban polas súas mans hoxe testemuña muda daquelas horas de traballo e forza para guiar a materia prima. De feito, un dos grandes méritos do cesteiro era que o seu traballo era puramente manual. As súas únicas ferramentas eran cuñas, podonas de aceiro e coitelas. Á hora de enfrontarse a este curso, Tino propúxose ensinar o oficio desde a primeira toma de contacto coa madeira, isto é, desde a raíz do tronco dunha árbore. Segundo Luisa Alonso, "o primeiro día de clase trouxo o tronco dun olmo e tivemos que quitar a cortiza, partilo á metade e facelo táboas ou  estradoira. Logo puímolas nun caballete. Tamén facemos as tiras para coser o remate".

A tiras deben ter 1,30 de longo ou 8ou centímetros. Sobre unha táboa hai que levantar dúas primeiras voltas, mentres que o resto podíase trenzar sobre o colo. Evidentemente, a forma final depende das medidas da peza: 30 por 40 para os estes. 12 por 25 para as  canastrillas e 20 por 30 para as cestas. Para o remate precísase un aro.

Todos os participantes só tiveron que achegar dous mil pesetas en concepto de matrícula.

"Tino é moi agradábel unha persoa encantadora. En clase estamos como en familia. Só quere que aprendamos ben o oficio, aínda que tamén ten a súa dificultade", comenta un aprendiz.


Comentarios

Publicacións populares