TOPONIMIA DO CONCELLO DE QUIROGA



Por Nicandro Ares Vázquez




AUGASMESTAS (Santiago)

É significativo de por si o nome de Augasmestas, porque aquí é onde se mesturan co Sil as augas do Lor, dando aquas mixtas. Unha aldea chámase Covas, nome estrictamente latino, que non precisa comentario. Tampouco e difícil de entender o significado de Parada, se pensamos que por aquí pasaba unha vía romana, pola que non se andaba sen facer alguna parata, algún descanso para comer, dormir e repoñer forzas. No ano 922 aparece in Karioga villare que dicunt Parata (TSA S-2). Finalmente está Fluxento (os nativos din Fuluxento; Fulugento na GPL, 633), asimilable a feluxento (DEG; DXL; NCVCG v. hollín), o cal remite a un terreo abundante ou semellante a feluxe /fuluxe/ fluxe 'sustancia graxa e negra, coma chapapote, que o fume deposita sobre todo nas lareiras e chemineas', voz procedente do lat. vg. fulligo, -inis (DEH 696; DCELC v. hollín). O topónimo leva o sufixo -ento, que vemos p.e. en barrento, cincento, lamaguento, verrugento, etc. e posiblemente teña algo que ver coa hulla de pedra.


Clasificación

2) Antropotopónimos:

        3. Nomes comúns (pre-latinos, latinos e árabes)



Fonte: LVCENSIA
Miscelánea de cultura e investigación
Biblioteca Seminario Diocesano
Nº. 12 (Vol. VI)
Lugo, 1996



Fotografía: ® Roque Soto Soto


Comentarios

Publicacións populares