A FIGURA DO ESPANTALLO
A figura do espantallo, tan familiar en tódolos agros do mundo, é unha inxenua estrataxema feita polos labregos para defender as suas colleitas das despredaciós dos paxaros. Mais como istes rabuñeiros voadores non tardan en se decataren de que os homes de palla son inofensivos, acaban por se rir diles e decorarlles a vestimenta cos residuos da dixestión dos froitos roubados.
De eiqui que o espantallo pasara a ter o sinificado de home inútil que infunde un vano temor e tamén de persoa molesta, despreciable e ainda dun tipo finchado e faroleiro que non sirve pra ren.
Por eso ten razón Neira Vilas cando di que hai espantallos que somellan homes e homes que parecen espantallos e ainda podia que o sexan. Mais co seu arte creador atinóu a facer un héroe diste home de farrapos erguéndoio da sua homildeza, pois o Espantallo da noveliña pra nenos... e pra grandes, feitura e creación do gran poeta que é Neira Vilas, é unha boa persoa, un coitadiño, un soñador que "tiña un corazón mol, como pantrigo quente e doíanlle as mágoas alleas", por eso iste home de farrapos pasou a sua vida facendo o ben, poñendo paz entre os nemigos naturaes e tratando de arranxar os mal entendidos.
Neira Vilas é un dos millores narradores en prosa galega. Dono dun léxico enxebre, popular e vivido non precisa acudir ós diccionarios pra lograr unha expresión que recende a campía. A traveso dos seus escritos transparece a sua ialma sinxela acugulada de amor á Terra Nai. Os seus contos teñen a naturalidade do manantío que verque na fontela a traveso da folla da berza posta a xeito de cano e o seu lingoaxe e puro limpo e sin lixos tremendistas innecesarios que os emporcallen.
Lendo esta noveliña pra nenos gozan os grandes dunha paz, dun sosego, dunha benquedanza propia somente das edades e dos séculos "dichosos" de que falaba Don Quixote nos seus famosos discursos.
No actual panorama literario de realismos porcos, de psiquismos inquedantes, de truculencias arripiantes e de angurias morbosas e agoniantes a noveliña de Neira Vilas é como un oasis de amor limpo e desinteresado, de paz entre os homes e os paxaros, de concordia entre os cás e os gatos e como un degaro dunha vida sen loitas, sin rencores, sin odios, sin tiros e sin afogamentos atómicos ou pasionaes, é como unha arela de tranquilidade, de agarimo que pon de manifesto a íalma limpa, pura e franciscana de autor anque as aparencias nos enganen.
As ilustraciós infantiles que acompañan a iste conto engaiolador son as mais axeitadas ó caso e os rapaces que as dibuxaron -irmaus Alonso Pimentel, Xoan Lucas do Rego, Muñoz Pimentel, Rei Moure e Barreira Vázquez- atinaron a interpretar con grande xusteza e inxenuidade, o pensamento, a ideia e a pantasía do autor.
Edicións Celta, de Lugo, deron na diana ca presentación diste libro que, pra nós, é o mais logrado de cantos teñen saido desta casa editora embalada nun camiño ascendente dino de loubanza.
Pra Xosé Neira Vilas, pra o feixe, ou millor dito, ramalliño de artistas que ilustraron o libro e para os editores, a nosa noraboa.
(La Región, 5-5-71)
Xosé Ramón e Fernández Oxea "Ben-Cho-Shey"
Comentarios