OUTUBRO DE 1934
Outubro de 1934
Unha fracción de activistas cortou parte da vía férrea sobre a ponte de A Penadola, nas proximidades do apeadeiro de Sequeiros, acción que se completou coa colocación de explosivos no túnel de Montefurado. Por ese motivo, a Garda Civil saíu con dirección a San Clodio (Ribas de Sil).
Na acción no concello de Ribas de Sil, o destacamento da Benemérita de Monforte, a cuxo fronte ía o tenente Manuel Álvarez Sarandés, enfrontouse a tiros cos revolucionarios que atrincheirados facían lume con rifles, escopetas de caza e pistolas.
Os revoltosos fuxiron cara á parroquia de Torbeo, lugar de orixe dos dirixentes do devandito grupo, entre os que destacaba Mariano Barbosa. Uníronselle máis revolucionarios que obrigaron á Garda Civil a pedir reforzos.
Con máis números á fronte, as forzas de seguridade, tras un prolongado tiroteo colleron a algúns dos axitadores. Na operación colaboraron os carabineiros de Quiroga. O alcalde de San Clodio estivo considerado como un dos principais dirixentes que provocaron os violentos incidentes, según recolleu o xornal El Combate.
Os incidentes acontecidos no concello de Ribas de Sil foron investigados e tras uns días dos enfrontamentos, en outubro de 1934, foron detidas 12 persoas en San Clodio relacionadas cos feitos.
En setembro dese mesmo ano, a Garda Civil descubriu nunha casa adega de Mourelos, na parroquia de Reigada, un depósito con 98 bombas e ingredientes para a súa fabricación e 1874 balíns, todo escondido entre palla e as bombas envoltas en papel de xornal.
Comentarios