O ARRECENDO DA ESCOLA



O arrecendo da escola

Non lembro moi ben como foi a miña primeira experiencia escolar, mais, como na historia de Proust, si lembro o seu arrecendo a mel e a frío. Lembro o mel porque agora un meu veciño fai alí o mel que recolle das colmeas que ten esparexidas pola serra. Cando paso a visitalo, absorto nos seus labores de apicultor, trato de comprender como é posible que naquel pequeno cuarto coubese toda a rapazada daqueles pobos do arredor: Os Novaes, O Soldón, Paradaseca... É a lembranza máis leda que teño daqueles días: ver chegar os rapaciños e as rapaciñas todas, meus compañeiros de rostro serio e un pouco tolambáns. Velos chegar e velos marchar, como as ovellas da veceira, polos carreiros que levaban a cadanseu lugar. Uns eran un chisco máis grandes -oito, dez anos ou doce anos- e outros eramos máis noviños -cinco ou seis anos- mais isto non supoñía consideración pedagóxica especial. Esas consideracións non eran significativas naquel tempo. O único significativo era o ademán distante da mestra e a súa vara de abelá. A ollada da mestra, a imaxe do ditador e a figura doente da Virxe e de Xesús. 
Naquel espacio ínfimo, o único que nos movía a soñar era a redonda esfera do mundo e os mapas que penduraban das húmidas paredes. Pola superficie de cor daqueles mapas os nosos dedos procuraban os nomes ensoñados: Buenos Aires, Valparaíso, La Habana, que nós aprenderamos escoitando as conversas familiares, ollando co corazón enrugado os sobres das cartas que viñan de alén-mar.  (A ver, rapaz: por onde cae Valparaíso? Era o que nos preguntaba o Manuel, o xastre do lugar, o noso verdadeiro mestre, o que nos estimulaba de certo a aprender e a soñar. O noso maior orgullo era poderlle contestar). Quizais aprendemos a ler deletreando aqueles evocadores nomes e a escribir gravándoos naquelas libretas de lousa co noso xiz de pizarra. Non lembro ter aprendido máis nada: só a gardarme do frío e a ollar tralas fiestras os soños. E a ver voar os paxaros e a escoitar atento o seu canto: un xílgaro que tiña o seu niño nunha mazaira que había cabo da escola, era o que mellor asubiaba. Pero voar, o que se di voar, non había outros como os vencellos.
Se antes vos dicía que a escola tiña un arrecendo a mel, non me fagades moito caso. Iso é cousa das lembranzas que me veñen cando vou visitar o meu amigo meleiro. O que si tiña era un delicioso cheiro a queixo. Un queixo que nos daban nos recreos e que din que era unha axuda dos americanos. Viña nunhas latas grandes e redondas, tiña unha cor amarelenta e un sabor inesquecíbel. O arrecendo do queixo, o asubío dos xílgaros, a procura dos niños de ouriolo, as cores dos mapas, as preguntas do xastre ilustrado, a calor da inocencia (agora si que recoñezo o arrecendo a mel), as mans do avó... eran as nosas materias preferidas, a nosa máis duradeira aprendizaxe. O demais era un tremendo frío escolar.


X. Pérez Mondelo

Escola de Sequeiros (Quiroga

Fotografía da entrada á escola ® Roque Soto
Pintura de Julia Minguillón: A escola de Doloriñas

Comentarios

Publicacións populares