Outras voces, outras linguas
"Amigo", díxome o meu compañeiro cun puñado de landras no oco da man, "só hai dous tipos de escritores: os de mar e os de río. Entre os primeiros os principais son Edgar Alan Poe, Herman Melville, Jack London, Joseph Conrad, Julio Verne e Pío Baroja. Entre os segundos, destacan Mark Twain, Jorge Manrique, Rafael Sánchez Ferlosio e Camilo José Cela. Os escritores de mar son máis novelistas que os de río, e os escritores de río son máis poetas que os de mar. Así están as cousas, amigo meu, e se algunha vez métesche a escritor terás que elixir entre os uns e os outros".
Así falan personaxes da novela Los príncipes valientes, de Javier Pérez Andújar (San Adriá de Besós, 1965), declaración que me serviu para espertar algunhas das partes onde se gardan os recordos dos libros lidos. Automaticamente limpo de po os vellos exemplares da serie do mar, de Pío Baroja (1872-1956), é dicir: Las inquietudes de Shanti Andía (1911) e as sucesivas entregas de andanzas mariñeiras: El laberinto de las sirenas (1923), Los pilotos de altura (1931) e La estrella del capitán Chimista (1930).
Recordo que se di a miúdo nos mentideiros literarios que en España non hai tradición mariñeira á hora de escribir como, por exemplo, en países de fala inglesa, sobre todo como nas Illas Británicas e nos Estados Unidos, pero sería un asunto de longa e tendida exposición poñerse a iso, pois novelas sobre o mar hainas. O propio Cervantes no seu Quijote non obvia as aventuras de toque bizantino con abordaxes como os que o viviu en persoa, si o manco de Lepanto no vello Mediterráneo. Que me din dos naufraxios e aventuras de Cabeza de Vaca, de Trafalgar, de Pedro Blanco el negrero, de Gran Sol…? Deixo a lista, pois vólveseme a espertar outra parte dos recordos de libros lidos de autores tan dispares entre si, pero co cheiro a salitre presente nas súas cavidades nasais e nos seus pensamentos, como Galdós, Lino Blanco ou Aldecoa, por non falar dunha longa lista de poetas galegos desde a Idade Media ao terceiro milenio.
Pío Baroja, admirador de Melville, Stevenson, Mayne Reid, Conrad e Marryat, entre outros homes de acción letraferidos, envexou sen dúbida as vivencias de todos eles. Pero se Baroja foi home bastante viaxado para o tempo que lle toco vivir, tivo que botar man a follas de letra impresa e escoitar lendas sobre antigos familiares para documentar as súas novelas sobre o mar e os seus navegantes.
A incompleta bagaxe de don Pío nos asuntos prácticos do mar, como supostamente nos do amor, non impediron o desenvolvemento de entretidas narracións cos seus negreiros, piratas, mercantes e mariñeiros en augas salgadas menos navegadas e contaminadas que na actualidade. O empeño de Baroja viuse recompensado con bastantes seguidores das aventuras descritas nas novelas antes citadas, éxito sen dúbida para un home considerado tamén sedentario nalgúns aspectos cotiáns da súa vida, porque Melville e Conrad, máis baqueteados en singraduras, preferiron na madurez unha retirada a tempo para cambiar a bitácora polo escritorio caseiro.
As comparacións poden ser odiosas, pero o mérito concédollo a todos os citados, así que convido a quen lea isto que busque a tetraloxía antes mencionada, porque nela non faltan os ingredientes que fan agradábel a lectura, a literatura, unha arte que dominaba Pío Baroja, a quen na tarefa de edición familiar das devanditas obras axudou o seu irmán Ricardo con excelentes gravados. Por certo, Ricardo Baroja foi autor La nao capitana, novela que coñeceu versión cinematográfica de Florián Rey, película estreada en 1947, como con anterioridade a coñeceu Las inquietudes de Shanti Andía (1946), dirixida por de Arturo Ruiz Castillo.
As comparacións poden ser odiosas, pero o mérito concédollo a todos os citados, así que convido a quen lea isto que busque a tetraloxía antes mencionada, porque nela non faltan os ingredientes que fan agradábel a lectura, a literatura, unha arte que dominaba Pío Baroja, a quen na tarefa de edición familiar das devanditas obras axudou o seu irmán Ricardo con excelentes gravados. Por certo, Ricardo Baroja foi autor La nao capitana, novela que coñeceu versión cinematográfica de Florián Rey, película estreada en 1947, como con anterioridade a coñeceu Las inquietudes de Shanti Andía (1946), dirixida por de Arturo Ruiz Castillo.
Comentarios