DOURADA NOS ESTÍOS E BRANCA NOS INVERNOS

Aquela montaña

Tódolos días teñen a súa poesía, como teñen a súa dor e a súa alegría. E onde ha de sentirse un mellor que no medio natural? Despertar nunha casa labrega, é despertar ó traballo que se lle vai a entregar á terra. Existe, na ansia tendida o afán do día, algo entrañable; porque nace, non soamente da necesidade de subsistir, senón tamén do amor á terra nai. O despertar do labrego é unha preparación para a entrega a ela, a súa sementeira e á recolleita. Cada tempada ten o seu facer e o seu recoller, que os campesiños van aprendendo de pais a fillos nas xeracións.


Existe nos meus recordos xuveniles unha montaña alegre, luminosa, dourada nos estíos e branca nos invernos. Os seus cadros perfilánseme en luces de lonxanías, pero a evocación trainos presentes... Aquel rumor alegre das madrugadas, cando as cumes se sonroxan antes de ser aclaradas polo sol! Voces e risas das brigadas labradoras que parten á sega do feno cás gadañas resplandecendo ó so; cuadrillas de segadores cás fouces brilantes; ou roldas de vendimadores saíndo cá alba e os paxaros cara á Ribeira, que bordea a liña estriada do Sil, tinguido de gris e plata. Como seguía o seu camiñar cara a luz e o traballo, a súa alegría e fortaleza! E logo, aquelas cestas cubertas con brancos manteis que as mulleres levaban á cabeza ata as lonxanas herdades, cos sinxelos e saborosos manxares da terra. De que xeito convidaban a botarse en rolda á redor baixo a hospitalaria sombra, limpo xa o bendito sudor do traballo, e porse man a man co almorzo ou a merenda, sazonada polos comentarios ou as bromas sin consecuencias.


E nos ocasos? Que cantigas, os carros, arrastrando gloriosamente as cargas sazonadas do feno cheiroso, ou as gavelas da més cumprida e prometedoira, ou os cachopos da robreda ou do souto para a invernía! Que doce e melancólico ó cantar dos eixos na soedade aberta, cando os tintes acesos se van tornando azuis, e calan e se ensombrecen os soutos, e resoan os sons rechinantes contra a cume gris da montaña! Os carros, arcas benditas onde a terra desposita a súa colleita, regalada ó home como premio ó seu amor e esforzo, e que el conduce ó fogar con corazón alegre e satisfeito.


A terra desprende a súa colleita poéticamente, porque o home pon a súa nota de poesía no traballo que realiza ó sementala e ó recollela, no día sereno que elixe para facelo, e na forma en que realiza a súa labor, ben sexa con arreglo os arcaicos métodos e con antigos instrumentos, ou axustando o seu facer a máis modernos procedementos e medios.


Gustaríame compartir o vivir lugareño, na súa sementeira e na súa colleita; na súa primavera e no seu outono; no seu verán e no seu inverno. Que tamén o inverno ten a súa beleza e encanto na neve e a tempestade, no fogo e a veciñanza, no conto e nas consellas.


Montaña!... Pobos ciscados co seu traballo, a súa alegría, o seu festexo, Ca súa tranquilidade e o seu sosego, ca poesía do campo e da terra. Pobos que arrodean labradíos e circundan soutos e prados, e tamén as cumes...


En cada pobo, unha ermida a súa Virxe ou o seu Santo. Ca súa festa anual e romeira, a súa tradición e cor típica; ca súa función e ledicia sana. Cós sons das espadañas tendidos cara o día e a noite, polo sol quente e a ráfaga fresca; polo voo das pombas e dos paxaros.


Que grato, evocar cadros antigos, marcos radiantes dos estíos; e os pálidos invernos, sempre belos e amenos, cas súas casas brancas e as chozas escuras, cas súas sendas vellas e os camiños novos; ca estrada blanca faldeando a montaña entre as boscaxes e verdores!

E amar aqueles recordos de cores a amables e sinxelos, aqueles nobres afectos. E aquelas estampas vivas e naturais, que fixeron agromar na alma novos sentimentos: o amor á paisaxe, o amor á terra.


La Noche
26-05-1961

Dora Vázquez


Pinturas de Virxilio, Colmeiro, Juan Luis, Tomás Barros e Julia Minguillón


Comentarios

Publicacións populares