® Barry Feinstein
O blues de Janis Joplin
 50 anos despois (I)

Janis Joplin (19 de xaneiro de 1943, Port Arthur, Texas - 4 de outubro de 1970, Los Ángeles,  California) coincidiu co afianzamento do rock como unha das formas de expresión máis destacadas da cultura popular do século  XX. Tamén entrou na mitoloxía do rock pola súa morte, vía o denominado club dos 27. Unha dose de heroína demasiado pura que o seu corpo de veterana yonqui non puido aguantar tivo a culpa. Nacera nun fogar medio dunha cidade texana coñecida pola súa industria relacionada co petróleo. Os pais esperaban da súa inquieta filla que obtivese unha titulación académica, pero a rapariga preferiu o folk e o blues á universidade.

Janis pasou polo escenario do mítico e multitudinario Monterey International Festival Pop de 1967, que reuniu na segunda metade de xuño daquel ano a 300.000 persoas baixo o manido slogan "Música, amor e flores", mentres a miles de quilómetros, en Vietnam, desenvolvíase unha guerra de tráxicas consecuencias para Estados Unidos cuxos líderes políticos e militares aínda crían naquel ano que a vitoria estaría do seu lado na loita contra o comunismo. Sen dúbida, a presenza da intérprete no magno evento californiano está relacionado coa súa ascendente carreira musical non exenta de tropezos.

      Pintura de Janis Joplin
Janis Joplin sempre preferiu o lado salvaxe da vida ao cómodo fogar da familia desde o que periodicamente realizaba escapadas para beber, drogarse e liberarse sexualmente xa fóra con homes ou con mulleres. Aínda que tanto por parte dos seus pais, como por ela mesma, houbo algúns intentos de obter un status normalizado, o pelegrinaxe da nova texana non fixo máis que acrecentarse nun principio seguindo o patrón beatnick, pero buscando a inspiración do blues que antes movera a mulleres doutros tempos como as pioneiras Bessie Smith ou  Ma Rainey. 


Atrás quedaron as súas primeiras amizades de música e bebida, así como os non rematados estudos de Belas Artes na Universidade de Austin, lugar no que se gañou unha xusta fama de inconformista.
Janis ao principio da súa carreira artística en  Austin

Os duros comezos como unha das centos de representantes da música popular que tanto abundaban de costa á costa dos Estados Unidos, todo iso sexa dito de paso en pleno auxe do folk e o blues, xéneros musicais que serviron de acicate a Janis para involucrarse máis coas cancións que consideraba propias e ás que daba un novo alento auspiciado pola súa paixón á hora de interpretar calquera ritmo. 
 Co guitarrista Jorma Kaukonen, en San Francisco no ano 1964

O percorrido por diferentes estados, a miúdo baixo o estigma de  yonqui xuvenil e bebedora  recalcitrante, non produciu grandes alivios á moza Janis, quen en 1963 tivo unha primeira toma de contacto co ambiente musical de San Francisco, en cuxa baía se estaba producindo un ambiente proclive aos cambios que logo virían dentro das artes, principlamente as plásticas e a música. Desta temperá época californiana saíu a denominada cinta da máquina de escribir, é dicir sete cancións relacionadas co blues acústico de coñecidos representantes do devandito xénero, en cuxa interpretación Janis estivo acompañada polo guitarrista Jorma Kaukonen (logo afamado instrumentista dos grupos Jefferson Airplane e Hot Tuna) e a esposa deste, Margaretta, na percusión. A sorte resultou esquiva á cantante ata o punto que influíu, xunto ao seu lamentable estado por consumo de drogas e alcol, no retorno a Port Arthur, coa intención de cambiar de vida.

Janis xunto aos compoñentes de Big Brother And Holding Company

De regreso a San Francisco, a cantante implicouse na plena eclosión da psicodelia que produciu un forte impacto entre os grupos e solistas que se movían nos ambientes musicais como Big Brother And The Holding Company, catro rapaces que practicaban un rock estridente e rudimentario, aos que se uniu Janis Joplin como cantante. A previsión do que parecía unha máis das bandas que ensaiaban en garaxes e locais de pouca sonada para penetrarse nos circuítos das actuacións en directo non se cumpriría.

A partir do Festival de Monterey de 1967 foi cando en realidade a excepcional voz de Janis deixou de ser a da eterna promesa da música xuvenil. Non pasou desapercibida a executivos de multinacionais do disco que viron na texana e o seu grupo un excelente negocio dentro dos discos de formato de longa duración, naqueles tempos en clara ascensión do formato LP fronte ao segundo plano en que entraba o disco sinxelo de 45 r. p.m. 
Debuxos de Robert Crumb na capa do disco Cheap Trills

A discográfica Columbia fichou a Janis e a súa cuadrilla, pero coa condición de limar algunhas asperezas que non impediron que o primeiro disco de estudo, Cheap Trills (1968), tivese desde a súa saída unha notable aceptación entre público seguidor do rock e a crítica que abundaba nas publicacións especializadas da cultura underground. O LP tiña tamén o valor engadido dunha rachadora portada do debuxante Robert Crumb, un dos pilares do comix underground da década de 1960.

 E é que  Janis co seu grupo en directo resultaba un espectáculo inesquecible porque era o seu medio natural e desde onde se podía comunicar coa xente. Alí, sobre o escenario, expresaba sen medo as súas preferencias ata o punto de que facía o amor cos miles de persoas que a escoitaban, segundo as súas propias palabras, aínda que, tras a tempestade os seus acompañantes, home e mulleres, escapábanlle cando o alcol e as drogas convertíana nunha persoa intratable. 

As biografías sobre Janis Joplin e a súa contorna recollen bastantes argumentos de como a cantante estivo sempre inmersa na soidade a pesar das súas constantes procuras dunha parella duradeira, inestabilidade que levou tamén ao territorio musical, pois o éxito do primeiro disco oficial con Holding  Company non facilitou que perdurase o espírito de comuna co que naceu a unión entre a cantante e o grupo. A nova procura dun son diferente recolleuse en actuacións con outra formación de músicos, entre os que se incluía unha sección de vento, e nun disco considerado frouxo no seu momento de edición: I Got Dem Ol' Kozmic Blues Again Mama! (1969). 
Etapa de Kozmic Blues Band

Os desencontros no terreo artístico e os fracasos no sentimental, así como unha continua e perigosa adicción ás bebidas alcohólicas e á heroína, sumiron nunha constante crise á cantante quen reuniu outra vez as suficientes forzas para apostar polo que mellor sabía facer: cantar. Naqueles tempos, de cambio de década, xa afastados os tópicos de paz e amor, a texana contaba cun conxunto de músicos que se adaptaba á perfección á súa voz. Tratábase da banda Full Tilt  Buggie Band, eficientes músicos canadenses cos que volveu ás alegrías de rodar polas estradas e aos estudos de gravación. Nesas estaba cando o domingo, 4 de outubro de 1970, Janis atopábase na habitación dun hotel da cidade de Los Ángeles e decidiu inxectarse heroína, acto que a levou á morte, polo cal non puido saborear o éxito do que é considerado o mellor disco e o de maior número de vendas da cantante Port Arthur, Pearl, posto en circulación en xaneiro de 1971.
Full Till Boogie Band, no final do camiño de Janis 

As cinzas de Janis Joplin foron arroxadas o 7 de outubro de 1970 desde unha avioneta ás augas do océano Pacífico xunto á costa do condado de Marin County, segundo pedira a cantante. Desde aquel ano, a súa fama non deixou de crecer, así como as gravacións póstumas e os recompilatorios do seu curta pero interesante obra musical. Miles de artigos, ducias de documentais, algunhas películas sobre a súa vida e varias biografías contribúen a manter vivo o recordo e o legado da cantante texana afincada en  California ata o seu temperán falecemento.

Poster dunha actuación de 1969


Comentarios

Publicacións populares