Capas
Old Nº 1 (RCA) 1975
Guy Clark
Portada: The Grease Brothers e Susanna Clark
Guy Clark
Portada: The Grease Brothers e Susanna Clark
Guy Clark (1941 - 2016) gravou un excelente álbum de presentación que achegaba máis o country ao público seguidor da música popular. O compositor, cantante e guitarrista Austin achega zume novo á centenaria árbore campestre, a comezos da década de 1970, contribuíndo ao mesmo tempo a promocionar a un grupo de artistas inquietos denominados outlaws, contrapostos en estética e ideoloxía aos veteranos do sons tradicionais de Estados Unidos.
O seu primeiro longa duración está situado entre os mellor de Guy Clark, quen na súa estrea discográfica botou man a un acompañamento tirando máis a acústico que eléctrico. Agradécense así mesmo os deliciosos coros nos que destacan voces coñecidas do country rock, entre outras, as de Rodney Crowell, Emmylou Harris, Pat Carter ou Steve Earle.
Os seguidores do country captaron cancións como L.A. Freeway, She Ain’t Goin’ Nowhere, That Old Time Feeling, Texas 1947, Like A Coat From The Cold ou Instant Coffee Blues, que entraron con merecemento no canon do country rock setenteiro.
Pezas directas que constitúen pequenos guións sobre paisaxes e paisanaxes nos que se moven nenos, a rapazada dos bares, estradas baleiras na noite, trens aerodinámicos, pasións dunha e irrepetible noite, homes en loita consigo mesmo, amigos para sempre percorrendo a súa soedade por tugurios abertos ata o abrente. En fin crónicas dun tempo vivido, sentidas e con vida propia.
Pero Guy tamén facía chiscadelas ao folk máis rebelde e ao rock, xéneros que sen dúbida formaron parte da súa aprendizaxe, en pezas que compuxo para outros, e atrevíase a revisitar Rita Ballou, A Nikel For The Fiddler e Desperados Waiting For The Train. As dúas últimas, entre outros ilustres, cantáronas os irmáns Everly, só un exemplo das ducias de artistas estadounidenses que se forneceron do fecundo legado literario do trobador texano.
Cancións: Rita Ballou. L.A. Freeway. She Ain’t Goin’ Nowhere. A Nickel For The Fiddler. That Old Time Feeling. Texas 1947. Desperados Waiting For The Train. Like A Coat From The Cold. Instant Coffee Blues. Let Him Roll.
Músicos: Guy Clark (guitarra e voz), Chip Young (guitarra), Pat Carter (guitarra), Steve Gibson (guitarra), Dick Feller (guitarra), Jim Colvard (guitarra), Reggie Young (guitarra), Hal Rugg (dobro e pedal steel), Jack Hicks (dobro), David Briggs (piano), Chuck Cochran (piano), Shane Keister (piano), Lea Jane Berinati (piano), Mike Leach (baixo), Jerry Kroon (batería), Jerry Carrigan (batería), Larrie Londin (batería), Johnny Gimble (violin), Mickey Raphael (harmónica). Rodney Crowell, Lea Jane Berinati, Emmylou Harris, Pat Carter, Gary B. White, Florence Warner, Steve Earle e Sammi Smith (coros).
Máis portadas: Texas Cookin (1976), Guy Clark (1978), The South Coast of Texas (1981), Better Days (1983), Old Friends (1988), Boats to Build (1992), Dublin Blues (1995), Keepers (1997), Cold Dog Soup (1999), Together at the Bluebird Cafe (with Townes Van Zandt and Steve Earle) (2001), The Dark (2002), Workbench Songs (2006), Somedays the Song Writes You (2009), Songs And Stories (2011), My Favorite Picture of You (2013) e The Best Of The Dualtone Years (2017).
Comentarios