Vocabulario da castaña

As castañas ou bullotes reciben distintas nomeadas con arranxo a súa forma, tamaño ou coor. Así, en Lugo, dinlle castañas bravas a unha clas de cativas e longas, esquinadas e longas tamén son as c. meiras, as c. billarengas ou millarengas son grandes e redondas, as c. areás son pequenas e tardías, como as sarodias ou serodias; son pequenas asemade as belaúdes ou belarudas e as grandes chámanse bouraos e meradas.

Pola coor poden ser blanquiñas, marelas, bermellas ou bermellais, louras, verdellas e negraus. As que se quedan valeiras por dentro chámanlle en Lugo abarqueiras.

Das duas códeas que teñen as castañas a de fora, que é dura e lustrosa, chámase capela ou carapela, casca ou cosco, pela, paraza e monda. A interior, máis branda e delgadiña, leva os nomes de entrecáscara, pelexa, albarda, casulla, casca meimiña, paraza de carolo, pulgaza e tona.

Cando as castañas medran xuntas dentro da mesma casca dise que a castaña ten un fillo, e de eiquí que tamén se lles nomee castañas filladas ou fillas e aínda noutras partes lles din apegos, c. amecidas e galladas.

As castañas falsas ou que non madurecen levan os nomes de bolecas, bolercas, boleiras, belecas, folecos, foles, gullerpas, cagallas e fofas.

Si as castañas foron picadas polo verme son cogosas, mormiosas ou furadas, e cando se caen do albre sin as sacudir dise que se destelan e tamén se chaman castañas esbatugadas ou batugos.

Texto: Vocabulario da castaña
Xosé Ramón e Fernández Oxea
Ben-Cho-Shey

Imaxes: ® Centro de Investigación Forestal
Consellería do Medio Rural 
Xunta de Galicia

Comentarios

Publicacións populares