Capas


Trópicos (Edigsa). Sexto disco do uruguaio Daniel Viglietti (1939-2017), que foi gravado en Cuba polo cantautor co Gupo de Experimentación Sonora do Instituto Cubano da Arte e Industria Cinematográficos na Habana en 1972 e lanzado o ano seguiente. A cara A do longa duración inclúe cinco cancións de compositores brasileiros (Chico Buarque, Augusto Boal, Edu Lobo e Gianfrancesco Guarneri). A cara B recolle cinco pezas de representantes da nova trova cubana: Noel  Nicola, Silvio Rodríguez e Pablo Milanés. 

Trópicos constitúe sen lugar a dúbida uno dos mellores discos de canción de autor do seu tempo tanto polos textos como pola música, motivos polos cales converteuse nun clásico da canción latinoamericana. Un disco que cos anos non perde vixencia, ao revés gaña en actualidade por eses textos sinceiros que buscan a claridade dese sol pintado na portada.

Da capa solar dicía Daniel: “Sol que toca as feridas, as risas, a man que acariña e a man que golpea, a pobreza que loita e a riqueza que oprime. Cruzando os trópicos, as nubes, as árbores, nada o detén. Nin a noite, por pechada, por longa que sexa. O sol nos nosos ollos, os nosos ollos na luz, sempre buscando a claridade.

O escritor tamém uruguaio Mario Benedetti afirmaba sobre o seu compatriota en relación con disco referido: “No texto de Trópicos,  Viglietti deu achega do sol; pero tamén as súas propias cancións buscan a claridade, quizá por iso, como ese mesmo sol do trópico, tocan tamén todas as feridas”. O deseño gráfico dese astro tan omnipresente en Trópicos corresponde Miguel  Bresciano.

Cancións: “Dios le pague”, “Yo vivo en un tiempo de guerra”, “Acalanto”, “Upa negrito”, “Comienzo el día”, “Existen”, “Canción del elegido”, “Pobre del cantor” y “Un hombre se levanta”.

Músicos: Leo Browner (dirección), Carlos F. Averhof (frauta, saxos soprano e tenor), Genaro García (frauta), Ana Besa (oboe), Lucas de la Guardia (clarinete), Pablo Menéndez (guitarra eléctrica e trombón), Chappotin (trompeta), Sergio Vitier (guitarra), Emiliano Salvador (piano e órgano), Eduardo Ramos (baixo eléctrico), Leo Pimentel (batería), Norberto (percusión) e Conjunto Vocal de Experimentación Sonora.

Outras portadas: Canciones folklóricas y seis impresiones para canto y guitarra (1963), Hombres de nuestra tierra (1964), Canciones para el hombre nuevo (1968), Canciones para mi América (1978), Canto Libre (1970),  Canciones chuecas (1971), En vivo (1978), Por ellos canto (1984), A dos voces  (1985), Esdrújulo (1993), Devenir (2004) e Trabajo de hormiga (2008).



Comentarios

Publicacións populares