LETRAS GALEGAS 2020-RICARDO CARBALLO CALERO
Son moi delicados, pois, os problemas que plantea o galego hoxe. Debe ser, claro está, a lingua normal da entidade autónoma galega, sen perxuicio dos direitos que a Constitución confire à lingua do Estado. Mais ¿cómo administrarán ese tesouro os cidadáns, se cadra conversos ou neófitos que asumirán a dirección política do país? Non propugno unha política lingüística de tipo tecnocrático. Mais quen teña a responsabilidade do goberno de Galiza non debe caír na tentacion extravagante de dogmatizar sobre a lingua.
Cando había necesidade de manter a flote a cabeza do galego, todo esforzo en favor do mesmo era meritorio e había que xulgalo con indulxencia. Hoxe é máis ben a esixencia o noso deber. Todos temos moito galego que aprender. Mais hainos, que modestamente, procuran perfeccionar os seus coñecimentos, e hainos que usan do galego sen amor nen delicadeza, como se abusa do que se considera un meio e non un fin.
E o galego é un fin, porque o galego é Galiza. Indubidábelmente, podemos maxinarnos unha Galiza que non fale en galego, mais esa Galiza sería algo moi distinto da Galiza real, e, sobre todo, da Galiza ideal en que os mellores galegos pensan cando pronuncian o nome de Galiza.
Ricardo Carballo Calero
Santiago
Sobre a nosa lingua. Grial. Número 64. Abril, maio, xunio de 1979. Vigo. Editorial Galaxia.
Comentarios