LENDAS DA PROVINCIA DE LUGO (VILANUIDE)

 

Lenda de Roldán e as tres costureiras de Puxares que se volveron pedras


En tempos mois remotos, cando viñera Rodán a España, din que había en Vilanuide, do concello de Quiroga (Lugo), tres costureiras que vivían xuntas e soliñas elas tres nun outeiro algo apartado da población. Di a lenda que eran tres mozas moi ben feitas e belidas hai poucas, e que pasou a cabalo Roldán polo lugar e viunas. Foi tan gustante delas que de alí en diante, todo era vir a presentarse ao pe da casa do outeiro, para poder velas e falarlles.

En din que tanto era o seu namoramento que chegou a faguerlles moita cerimonia a regalía, e hasta a velalas polos camiños cando tiña ocasión.

Mais elas fuxían da presenza do cabaleiro e dicían que non querían escoitalo, pois creían que Roldán non ía con boas intencións, e que o que il pensaba era rirse e bulralas. Pero il non se apuraba por tan pouco, e todas tardes viña a cortexalas e namorales pola porta, e Ave María, que hasta pensaba de levala consigo ás Francias. 

I entón elas, xa algo cansadas de velo rondar a casa día tras día, unha tarde que viñan da súa aldea, que se chamaba Puxares, enfrontáronse con il, e dixéronlle que non se cansase máis en seguilas, que non había de conseguir nada, que non querían tratos con ningún francés, que se fose de alí para súa terra e as deixara en paz dunha vez. Pero il nunca se daba por por vencido, e porfiou que, se non se lle entregaban polas boas, habían de ser polas malas, e aínda tuvo atrevemento para preguntarlles cando odía ir a buscalas. E van elas en dinlle:

              —Temos de ir contigo ás Francias
              cando veña o río Xares
              por diante da nosa casa.

Iso dixénrolloelas porque pensaban que era cousa imposible que tal acontecera, que o río Xares —que hoxe en día é o Bibei— pasaba naquiles tempos por outro sitio máis  afastado. 

Pero Roldán, ao sentilas dicir aquilo, non perdeu os ánimos, todo o contrario, pois o caso é que, valéndose de non sei qué meigallo ou demo, foise pola noite, e tornou sin máis nin máis ao curso. E, aló pola mañanciña, déronse conta os veciños do que pasaba, e viñeron todos berrando mesmo ata a porta das tres mozas:

               —Costureiras de Puxares,
               vinde lavar as perniñas
               ás augas do río Xares.

E elas despertaron, e tomaron moito medo ao ver o río pola súa porta, e,con esto, saíron correndo como ánimas en pena, sen que as vise Roldán, que estaba agardando, e colleron por un atallo, e salváronse de ser presas polos franceses ou polos mismos veciños, e ter que cumplir aquelo que tiñan prometido.

E entón fóronse a todo correr cara a Valdeorras a seis ou sete kilómetros d Vilanuide. E os soldados viñéronlle coas novas da fuxida a Roldán, seu señor, que andaba todo contento no seu branco corcel.

E así que sentiu aquilo, botou o "nombre del Padre" e foise a escape en seguimento delas, a canta presa lle deu o cabalo e moi enrabechado polo feito. A tanto, que botaba el pola boca tantas chispas como o cabalo polas ferraduras.

E mais elas puideron pasar o río, non se sabe se voando como meigas ou se coa axuda do diaño. E así Roldán quedon nunha veira i elas na outra. E, para máis, o cabaleiro francés, dende a súa banda, non sabía que as tres costureiras seguían corre que te corre cara os poblados que por alí había, no que hoxe se chama a Rúa.

E, busca de aquí, busca de alí,marchou solono seu cabalo branco, sin avistalas nunca, e pensando que sas as tería tragado o río, hasta que, ao fin, chegou á altura de Valencia del Sil, e descubriunas ao lonxe, a unhos tres kilómetros, e co río Sil polo medio.

E entón vai el, con tanta rabia como lle dera de ver fuxir aquilas condenadas costureiriñas, e que non lle foran de lei e faltaran á palabra dada, comenzou a esporear noseu corcel que daba xenio, e animalo para saltar o río, e, de repente, bumba!, o cabal deu un brinco tan grandísimo que se plantou namáis que a unhos cen metros das costureiras, de maneira que deixou para sempre na pedra as pegadas das ferraduras, que aínda hoxe se poden ver, mesmo ao pe dun camiño que vai para a serra.

Logo, as costureiras, que se viron perdidas sin remedio ao ter xa case enriba delas a Roldán, bótanse ao chan e comezan a chamar ao demo, e pedirlle que antes querían ser convertidasen mármore que verse conseguidas por Roldán. E o demo acudiu de contado, e nun periquete, volveunas tres pedras como tres cabezos nas barbas de Roldán, que daquela debeu tolear para sempre.

E esas tres pedras aínda hoxe é día que se poden ver, incluso están xa desgastadas polas chuvias, e tamén polos rapaces que por alí andana xogar e a gardar gando.


Contos populares da provincia de Lugo
Centro de Estudos Fingoy
Galaxia


Comentarios

Publicacións populares