O LAPIS NO AR

 Quiroga: Vila Literaria


OS LAPIS NO AR de Felipe Piñuela


X. Pérez Mondelo

Suspendidos no ar, contra o horizonte verde e azul das montañas e o val, brillan fermosos lapis de cores en lembranza dos escritores da vila. Unha sorprendente instalación artística obra do deseñador Felipe Piñuela.

Os nomes de Eduardo Moreiras e Luz Pozo, de Ánxel Fole e Guerra da Cal, das irmás Pura e Dora Vázquez a convivir no ámbito luminoso das nubes e os paxaros, cabo dos altos alciprestes, eternos e fieis, tamén de seu obras de arte vivas e vexetais, emblemas do pasado da vila e gardiáns do seu porvir.

Realmente, a escolla da cornixa da Casa da Cultura como ubicación desta proposta dentro do trazado urbano, é asimesmo un gran acerto, unha idea brillante. Mais, quizais non o sexa tanto, por redundante, a duplicación da proposta, esta vez nun canto do albergue municipal. Estimamos que nestoutro espazo, había ser máis acaída unha disposición vertical dos lapis sobre a gran parede do lateral do edificio ou mesmo na súa divisoria. En calquera caso, non reproducir outravolta, non tanto o motivo, senón a súa idéntica disposición nesta nova ubicación. Pode que reste impacto á singular idea inicial plasmada na Casa da Cultura, xa de por si impactante pola súa gran potencia visual. É unha reflexión que facemos cara á futuros proxectos artisticos nas rúas da vila, tendo en conta que aínda son diversos os escritores que restan por recordar, así como para outro tipo de propostas.

Quiroga conta agora con cinco delicados murais, dispostos en espazos tamén ben ubicados e, dado o limitado do trazado urbano, non parece boa cousa insistir tampouco neste tipo de intervencións, tan de actualidade, pois é ben sabido que o pouco agrada e que o moito pode chegar cansar, que menos sempre é máis. As desfeitas urbanísticas deben subsanarse con intervencións rigurosas sobre o seu trazado, desde as institucións e atendendo á demanda veciñal, con planos urbanísticos sensibles e fundados en criterios técnicos e estéticos, non agochalas nin disimulalas só con iniciativas de arte urbana desproporcionadas por repititivas. Estas son un complemento estético, non unha solución urbanística definitiva, da que, por outra parte, está tan necesitada a poboación: cableados á vista, estado penoso de moitos inmobles da praza central e a súa contorna...

Oxalá que o impacto da intervención de F. Piñuela xere na poboación un novo impulso, un novo xeito de entender as relacións da poboación co seu entorno e a necesidade de intervir na súa futura configuración. Un novo clima municipal, aberto, participativo e innovador. En definitiva, receptivo ás diferentes sensibilidades da vila, democraticamente atendidas, que leven a Quiroga a un novo tempo de modernidade e benestar.

Neste sentido, tense falado da oportunidade de concibir a nosa vila como un gran espazo cultural á par que un imán para futuros proxectos productivos, de lecer e mediambientais. Contando xa cun singular Museo Xeolóxico, único en Galicia, e cun rico Museo Etnógráfico, moitos veciños están a impulsar a consideración de Quiroga como Vila Literaria. Un novo reclamo que viría potenciar toda a contorna e ser un atractivo para todo tipo de visitantes.

Como os lapis de Piñuela, o logo "Quiroga: Vila Literaria", tamén habia ser un potente reclamo, definitorio da súa singularidade cultural. Tense publicado dixitalmente un interesantísimo Roteiro Literario polos lugares do val que recrearon os nosos escritores. Temos insistido na necesidade de colocar unhas placas delicadas nas casas onde estes naceron ou viviron, con sinxelas indicacións: "Nesta casa naceu Eduardo Moreiras, autor de Primavera no Lor/ Nesta casa Ánxel Fole escribiu Á luz do Candil/ Nesta praza pasou a súa infancia feliz Ernesto Guerra da Cal, autor de Río de sonho e tempo". E así, nas casas do Pai Losada, de Xoán Rolo, de Xosé Estévez, de Luis Urteaga, nos lugares recreados por Manuel María no seus sonetos...

En definitiva, procurar a creación dun Museo Literario que recolla todo o valiosísimo legado destes escritores, así como o dos pintores, músicos, fotógrafos, xeografos e historiadores do val. Un patrimonio para compartir desde Quiroga con todos os viaxeiros chegados por todos os camiños, desde todos os puntos cardinais.

Coa venia de F. Piñuela, o seu suxerente lápis ben podía ser o mellor deseño para  visibilizar este novo Museo, mesmo unha posible Rede dos Museos Quirogueses. O lapis, un novo símbolo, a modo de frecha amarela, que guíe aos viaxeiros até a vila na procura dos seus tesouros literarios, etnográficos, xeolóxicos e medioambientais. A súa cultura: un manancial a deitar incesante riqueza, coñecemento, pracer e benestar. 


Fotografías de © X. Pérez Mondelo

Comentarios

Publicacións populares