XELA ARIAS, TRADUCTORA. THE LAST OF THE MOHICANS/O DERRADEIRO DOS MOHICANOS


Letras Galegas 2021

 20

¡Terra de Albania! Déixame debruza-los ollos
En ti, ¡rexa coidadora dos homes salvaxes!

         Byron, A peregrinaxe de Childe Harold

Aínda estaban os ceos cubertos de estrelas cando Ollo-de-falcón foi esperta-los dormentes. Botando a un lado os seus capotes, Munro e Heyward estaban xa de pé cando o home do bosque os chamou en voz baixa á entrada do rústico abrigo onde pasaran a noite. Ó que saíron do agocho atoparon ó explorador á espera de que aparecesen xunto del, e o único saúdo entre eles foi un significativo aceno de silencio que fixo o sagaz xefe.

—Rezade só co pensamento -besbellou cando se achegaron-, pois aquel para quen fixeron as pregas coñece tódalas linguas, as do corazón e mailas dos beizos. Mais non pronunciedes nin unha sílaba; é moi estraño que unha voz branca entoe axeitadamente cos bosques, como ven vimos no exemplo daquel desditado diabo do cantante. Imos —seguiu, volvendo cara a un muro das fortificacións—, vaiamos ó foxo por este lado e coidade de pisar nos coios e pedazos de madeira ó pasar. 

Obedeceron os compañeiros, pese a que para dous deles as razóns desta precaución extraordinaria aínda eran misterio. Cando estiveron na profunda cavidade que rodeaba o forte de terra por tres dos seus lados, atoparon a pasaxe case entupida polas ruínas. Con paciencia e coidado puideron, nembargante, gabear tras do explorador ata acada-las areosas ribeiras do Horican.

—Velaí queda unha pista que só o nariz pode seguir —dixo satisfeito o explorador ollando tras del o dificultoso camiño—. A herba é unha alfombra traizoeira para un grupo en fuxida, mais a madeira e os coios non atrapan as pegadas do mocasín. ¡Se levaséde-las botas do exército teríamos de que temer!, mais co pelello de cervo convenientemente preparado pode un polo xeral confiarse nos penedos con toda seguridade. Empurra a canoa a terra, Unca, que esa area colle as pegadas coma a manteiga dos holandeses do Mohaw. A modo, rapaz, a modo, non debe toca-la praia ou han de sabe-los malditos do camiño polo que deixámo-lo lugar.

Seguiu o mozo aquel consello e o explorador, levndo unha estaca das ruínas á canoa, fixo sinais ós dous oficiais para que entrasen. Feito isto, repúxose dilixentemente cada cousa ó seu lugar na desorde, e logo Ollo-de-falcón subiu á súa pequena embarcación de bídalo sen deixar tras del ningunha daquelas marcas das que parecía ter tanto receo. Estivo silandeiro Heyward ata que os indios remataron prudentemente coa canoa algunha distancia do forte e so a extensa e escura sombra que as montañas orientais deitaban na cristalina superficie do lago...


O derradeiro dos mohicanos. Fenimore Cooper
Edicións Xerais de Galicia
1993
Vigo

Traducción, introducción e notas: Xela Arias

Pinturas de Ken Riley e Zdenek Burian


Traducción ó galego

Os períodos longos das descricións en O derradeiro dos mohicanos, as metáforas arrevesadas e mailo xeito exquisito e artificial de se trataren os cabaleiros fai que por veces a lectura se vexa estorbada, especialmente nos primeiros capítulos, mesmo nos rápidos relatos de loitas corpo a corpo e suspendida como imaxes cinematográficas conxeladas en instantes de aberta ferocidade ou premente sensación. Pareceume sen embargo —contra a opinión de tódalas versións ás que temos acceso— de rigor e respecto, tanto para co autor como para cos lectores, traduci-la obra completa, sen eliminar nin alexeira-las múltiples reviravoltas que ameazan a claridade de exposición: sempre será máis xusto que o lector faga uso do seu dereito a saltar follas ou parágrafos enteiros que o traductor decida onde e cando debe facelo.

Quero deixar aquí constancia do meu agradecemento a Ana Díaz e Xulio Canelas que por veces me fixeron de diccionario, así como a Fernando, Sabela e Lois, correctores de probas e xa que logo primeirísimos lectores desta traducción completa.


Comentarios

Publicacións populares