POLICÍACA E DE MISTERIO

 




Unha revista con nome de cóctel

O mes de marzo de 1981 saía á rúa a revista policíaca e de misterio Gimlet, ao prezo de 200 pesetas (1 euro e 20 céntimos máis ou menos de agora), proxecto que tería continuidade ata os 14 números (abril de 1982), bastante tempo para unha publicación periódica que non entraba dentro dos canons da prensa daqueles anos de transición, modernidade e ruído de sabres.

Cun cadro de persoal de namorados da literatura negra, baixo a dirección de Manuel Vázquez Montalbán (1939-2003), Gimlet axudou a comprender outro tipo de escritura, considerada subxénero e non incluída nos textos escolares. Pero para dignificar esa narrativa estaban, ademais do aludido director, persoas que coñecían a fondo o xénero policial. Miquel Vidal Santos era o coordinador, e formaban o consello de redacción: Javier Coma, José Luis Guarner, R. Muñoz Suay, Jaume Perich e Salvador Vázquez de Parga. Como correspondentes escribían dende Nova York, Eduardo Mendoza; París, Óscar Caballero, e Londres, Rosa Massagué. 

Outros participantes das páxinas de Gimlet foron osl etraferidos pola intriga José María Latorre, Fernando Savater, Cristina Fernández Cubas, Mario Lacruz, Andreu Martín, Juan Madrid, Maruja Torres, Josep Maria Carandell, Xavier Domingo, Néstor Lujan e Isabel Coixet.

A revista informaba, formaba e entretiña. Nesa liña estaban as diferentes seccións da mesma. Había relatos de coñecidos autores do eido negro, humor gráfico, dicionario, cinema, gastronomía, artigos especializados de amantes do policíaco e o misterio. A todo o referenciado engadíanse fotografías, deseño e ata unha publicidade bastante escollida. Pódese dicir que a publicación mensual ofrecía una mistura suculenta de material literario con outras artes.

O atractivo da revista estaba tanto no seu exterior, con portadas moi artísticas, como no interior. Foi unha pena que non tivese continuidade.

Por certo, en todos os números na páxina do sumario aparecía escrito: "Estabamos sentados nun recuncho do Bar Victor bebendo gimlets. O verdadeiro gimlet -dixo-, está feito metade gin e metade de mollo de lima de Rose e nada máis. Deixa pequecho ao martini." (Philip  Marlowe, no Longo adeus, de Raymond Chandler).

A presentación da revista fíxose o 23 de febreiro de 1981. “Preparamos unha promoción impresionante, levámonos aos xornalistas para comer á Odisea e tiñamos prevista unha sesión de cinema negro pola noite, pero un pistoleiro tomou o Congreso e os xornais só falaron do pistoleiro”, recordaba o editor Frederic  Pagés, que, con Lluís Porcel, viviu a aventura de editar a revista dirixida por Vázquez Montalbán. 

No editorial do primeiro número, o inesquecible escritor e xornalista barcelonés facía fincapé en que: "Dedicada á novela policíaca en primeiro lugar, á novela de aventuras en todos os lugares restantes, á imaxinación e a imaxinería das artes aplicadas a banalizar a dialéctica entre o ben e o mal social,  Gimlet non vén encher unha lagoa senón un océano, na praia chapican as comedidas bañistas  postvictorianas de Agatha  Christie e en alta mar nadan os negros personaxes de Chester  Himes, á vez Balzac e Zola dunha das cloacas do sistema. E polo camiño aquela vez en que vai Bogart e di... ou sae a Bacall e mírao ao tío así... ou a Robert  Mitchum dispáraselle a cella en ángulo agudo e... A novela  policíaca implica unha toma de posición e unha reflexión sobre o mal social no mundo contemporáneo, pero tampouco hai que esaxerar, amigo, se quere documentarse sobre o mal social lea outra cousa. A novela policíaca, e o cinema que lle deu carne, limítanse a ofrecer unha paisaxe moral sobre o que moven personaxes aos que se lles escapa a risa porque saben que o son.

Talvez habería que dicilo. Sen dúbida hai que dicilo. Paréceme que vou dicilo. Gimlet non pretende cambiar o mundo; se seica aspira a axudar a contemplalo sen présas pero sen pausas, como contempla Marlowe ás vítimas e os verdugos que os rodean. Amos e escravos. Vítimas e verdugos. Estas verdades de fondo serán contempladas a través do filtro ocular dunha copa de Gimlet".

Comentarios

Publicacións populares