EMILIO G. GUNTIÑAS: SEMENTE DE MÚSICAS

      San Clodio de Ribas de Sil e Quiroga: vilas musicais


"De tanto amor en xusto pago" [Curros]



Xosé Pérez Mondelo

Emilio Gómez Guntiñas é un self man, un home feito así mesmo, persoal, profesional e musicalmente. Un namorado da electrónica, da informática e da música, tres saberes que domina e harmoniza nunha simbiose creativa incesante, cada unha destas artes retroalimentándose e ao servizo do seu espírito inquedo e imaxinativo, das súas procuras artísticas. Unha busca que o levou a ser a pedra angular das diversas formacións e iniciativas musicais que xurdiron en Ribas de Sil desde mediados dos anos sesenta até os nosos días.

Ekos

Todo comezou na segunda metade  desa década esperanzada, un tempo no que o mocidade do mundo ergueu as máis fermosas quimeras. Un grupo de rapaces ribasilenses, entre os que se encontraba Emilio G. Guntiñas, seguindo os pasos de Los Truenos de Quiroga e mesmo alentados por eles, crearon Ecos del Sil (máis adiante co nome de Ecos e logo, definitivamente, Ekos). Ambos, Truenos e Ecos, arrastrados polos ritmos de tódalas músicas do momento, entregados ás novidades que chegaban a través das radios, da nacente televisión e as gramolas. Nada lles era alleo.

Así nos recorda eses inicios o propio Milucho G. Guntiñas: "Los Truenos foi o primeiro grupo na zona. Á parte deles o único que había eran o Penelo e o Terratrás. Daquela eu xa estaba a estudar electrónica por correspondencia e gustábame a música. Propúxenlle a uns amigos facer un grupo como os Truenos e pareceulles ben. Empezamos a ensaiar petando cuns paus nunhas caixas, pero facían falta instrumentos. Cando os Truenos se decataron viñeron vernos en varias ocasións. Xulio, o rítmico e o outro Xulio, o baixista, dábannos ánimos. Comprei por correo algún libro de música e púxenme a estudar. Falei con algún dos músicos das orquestras que viñan tocar á Pista de baile de San Clodio, animáronme tamén e ata me regalaron algunha partitura. Deste xeito inicieime na música. Aprendía as cancións lendo as partituras e logo ensináballe aos compañeiros o que eles tiñan que tocar.  Foron os meus primeiros alumnos. Acabamos comprándolle dúas guitarras aos dous Xulios e a bateria aTorres, dos Truenos. Ao cabo dun tempo compramos unha amplificación e instrumentos novos nunha tenda de Zaragoza para que puidesen soar as guitarras eléctricas e dar concertos ao aire libre. E así naceron os Ecos"

Axiña o punteo distorsionado das guitarras eléctricas ía abalar os corazóns da mocidade dunha e da outra banda do río. Enriba do escenario os seus novos ídolos: Antonio López Piñón, á guitarra, Xosé Luís Blanco López, guitarra rítmica, David Blanco, baixo, e Emilio G. Guntiñas á batería. Unha música fundamentalmente instrumental na liña de The Sadows e os Relámpagos na que o baixista David Blanco facía as veces de vocalista.

Axiña se escoitaría a súa música nas salas e campos de festa da redonda, desde Escairón ao Bierzo, onde eran sempre agardados, e nos escenarios clasicos de Quiroga e San Clodio: a sala de Villaverde, O Casino de Montefurado e a Pista de San Clodio. E nese contexto, levados da necesidade de compracer a todo tipo de público, á parte da música instrumental tan do seu agrado, habían dispor dos grandes éxitos da música lixeira do momento e dos temas mais demandados da música popular galega. Un repertorio que sempre tiñan actualizado ao estar subscritos a diferentes revistas musicais e casas discográficas que os fornecían das partituras das cancións de moda, que tamén estaban ao seu alcance polo contacto coas orquestras que pasaban pola Pista de San Clodio ou coas que coincidían nas súas actuacións.

Foi unha década dourada para a música quiroguesa e ribasilense a que vai de mediados dos sesenta até a metade dos anos 70. A aparición de Los Truenos e de Ekos supuxo un despertar músical insólito no que a mocidade soubo dar resposta e estar á altura daquel momento histórico de rebeldía e ansia de liberdade. Un momento tamén crucial nas vidas dos nosos músicos, que despois da súa breve experiencia sobre os escenarios terían que preguntarse polo seu porvir. E a encrucillada non era doada: había que profesionalizarse ou desfacer a formación. A música alimenta todas as almas, mais non todas as bocas.

Diversas servidumes obrigáronos a seguir camiños separados: o servizo militar, cuestións de carácter familar, laboral, de estudios...  E foi por estes motivos que Milucho G. Guntiñas abandonou a formación ao se  trasladar a vivir a Barcelona no ano 1970, onde residiu até o ano 1973, en que foi chamado para cumprir o servizo militar.

Mais, os Ekos seguiron un tempo máis, até o 1973, agora coa incorporación de Manolo Blanco á bateria no seu lugar e a de Rivera de Carballo de Lor, que pouco antes se incorporara ao grupo como cantante. Un papel que nalgún outro momento cumpriran Isaac de Monforte e Xerardo de Montefurado. Da vida da formación foron tamén partícipes Antonio Expósito, un gran músico monfortino, no teclado, e Milo, o fotógrafo, como guitarra solista no lugar de Antonio L. Piñón cando este marchou para Suíza.

O grupo foi esmorecendo aos poucos, como tiñan esmorecido Los Truenos, mais o resplandor do seu paso fugaz aínda segue iluminando a memoria das xentes do val.

Limiar

De regreso á casa, Milucho G. Guntiñas vai retomar o seu contacto coa música, integrándose nunha formación musical Limiar, de Salcedo de Brollón, na que tocaría o baixo, establecéndose desde aquela unha frutífera irmandade musical entre Brollón e Ribas de Sil que se había consolidar no futuro e que había facer das dúas localidades sureñas un ámbito musical de referencia, aínda vivo nos nosos días: dous lugares eminentemente musicais.

Este grupo, que tamén será un centro irradiador de futuras músicas e que á súa vez entronca co rico pasado musical de Salcedo, estaba integrado por Eliseo González Armesto nos teclados e a voz, Alberte González González, voz, teclados e frauta, Pablo Camarero, voz, guitarra e violín, Xosé Ramón González Rodríguez, guitarra e cítola, Emilio Gómez Guntiñas, baixo, e as voces e percusións de Carmucha López González, Natalia López Macía, Pepa Sánchez Rivera e Suso Fernández Armesto. Esta é a formación máis estable, nunha liña folkie, con claros referentes como Fuxan os Ventos e Milladoiro, que posteriormente evoluirá cara unha renovada banda de música rock.

Mais, nada mellor que escoitar esta historia da boca do propio protagonista: "sobre do ano 1981 meu irmán comentou un día que había un grupo folk en Salcedo que quería gravar as súas cancións, temas propios, e non tiñan medios para facelo. Para alí me fun para ver como estaban as cousas. Era un grupo bastante numeroso, con dúas guitarras, frauta, acordeón, percusións galegas e oito voces. En total seis homes e tres mulleres. Non tiñan baixo. Integreime no grupo como baixista. Eu en Ekos tocaba a batería e tivera que aprender a tocar o baixo e as guitarras de todas as cancións para ensinarllas aos compañeiros. Así que cando entrei en Limiar fíxeno como baixista e aportei tamén un sintetizador analóxico que fixera no meu taller de electrónica. Isto supuxo un bon cambio no grupo. Por aquelas datas un sintetizador era algo case nunca visto. En Vilagarcía coincidimos nunha actuación co grupo Doa. Cando o viron quedaron abraiados. Daquela non había ningún grupo en Galicia que tivese algo parecido, unicamente a nivel internacional, grupos como Emerson Lake & Palmer e similares.

Tamén fixen un amplificador para o baixo e unha amplificación para o grupo. Nunha actuación que fixemos en San Clodio os amigos dixeron que o grupo soaba de marabilla.

Posteriormente incorporouse unha cítola á formación e todo isto foi unha revolución sonora en Limiar. Tamén para min representou un cambio moi grande pois antes nunca fixera nada na música máis que ler partituras para tocar cancións ou ensinarllas a outros. En Limiar tiven que pasar a compoñer o que eu tocara, ás veces revisar harmonías das cancións e demais. Deste modo a forma de ver a música pasou a ser moi distinta, era un mundo á parte.

Durante uns anos houbo houbo varios cambios de músicos no grupo e tamén durante un tempo Limiar foi a formación que acompañou ao cantautor valdeorrés Anxo Rei, tendo varias composicións en común. A aventura de Limiar rematou como na maior parte dos grupos: uns por estudos, outros por causa do traballo... E houbo que deixalo, mais non morreu, aínda respira algo. Eu como músico fixen as partituras de todas as cancións de Limiar e un dos proxectos nos que estou traballando é facer unha gravación destas cancións para deleite de todos os amantes da música galega".

Brigancia

Sempre tivo Milucho Gómez Guntiñas unha alma cooperativa e un nobre afán de educar, de querenza por compartir cos que o arrodean as súas aprendizaxes e descubertas. Sobre esta dimensión educadora dinos: "dende moi novo teño ensinado a tocar a moita xente diversos instrumentos, sempre desinteresadamente, gozaba con iso. Co paso dos anos a forma de afrontar as cousas fíxome ver moitos defectos na forma de explicar as cousas nos libros de música. Acabei ideando outras formas sinxelas de facelo, primeiro con pequenos apuntamentos á man. Despois duns cantos anos acabei facendo un método de guitarra no que está a miña maneira de ver estas cousas. E tamén fixen unhas táboas de dixitación para a gaita".

Móveo asimesmo unha gran ansia reformadora. Para potenciar distintos aspectos culturais da vila, creouse en San Clodio unha Asociación Cultural que había ser determinante para o fomento da vida musical ribasilense, nunha liña de continuidade co despertar que provocaran os Ekos.

Daquela Milucho G. Guntiñas xa regresara á S. Clodio e había ser un dos impulsores da asociacion. Levado pola súa inclinación docente, deu en crear dentro dese proxecto asociativo unha escola de música na que lle ensinar aos nenos e nenas da vila os principios básicos da linguaxe musical e as destrezas esenciais para poderen tocar os instrumentos máis do seu agrado. Uns instumentos da súa pertenza que, nun primeiro momento de falta de recursos, Milucho puxo á súa disposición: batería, guitarras, amplificadores, gaitas... algúns deles saídos do seu maxin e das súas mans de luthier.

Pasado o tempo, escollendo de entre os máis espelidos dos rapaciños, que á súa vez facían de mestres dos máis cativos cando el non podía atendelos polas súas obrigas laborais, vai crear o seu novo proxecto musical: o grupo Brigancia.

Xosé Trincado, Triqui, un dos seus discípulos avantaxados, recórdanos estes primeiros pasos: " nun principio comezou dándonos clases de música até que os rapaces máis maiores tomamos o relevo, aliviando dese labor a Milucho, que era un home tremendamente ocupado.

Na Asociación, entre os que asumiramos o papel de 'profesores', xurdiu a idea de montar un grupo. Nun principio xuntabamonos para tocar o que malamente íamos aprendendo. A todos nos empezou a interesar a música folk galega e sentiamos unha verdadeira admiración por Limiar.

Nas primeiras épocas Milucho ocupaba un papel secundario, quero dicir, que lle importaba máis a presencia dos nenos que ocupar un papel dentro do grupo. Co tempo a cousa foi tomando corpo e decidimos consolidar o experimento que foi Brigancia".

Fotografía © Milo

E velai os compoñentes desta primeira etapa do grupo: Beatriz Trincado Rodríguez, Bea, frauta e gaita, Roberto Castro González, guitarra e violín, Xosé Trincado Rodríguez, Triqui, guitarra, e o propio Emilio Gomez Guntiñas, o seu mestre,  no baixo. Un mestre que, polo demais, sempre se encargou, neste e en todos os grupos nos que se integrou, de facer os labores de intendencia e de técnico de son: "o meu sempre foi fozar nos aparellos, tanto nos axustes como nas reparacións". Ao fin e ao cabo era un profesional do ramo e xa dixemos que un apaixonado da electrónica.

Posteriormente incorporaranse ao grupo Eliseo González Armesto nos teclados e Alberte González na bateria, compoñentes de Limiar de Salcedo, músicos máis experimentados, e o grupo ha dar un gran salto cualtativo, no que a ensamblaxe creativa de ribasilensenses e salcedaos vai dar como resultado unha proposta sonora sólida e singular que os había levar por diferentes escenarios do país e que, contemplada desde hoxe, consideramos pioneira dentro do contexto da música folk galega do seu tempo, en calquera caso, homologable á doutras moitas bandas que estaban a revolucionar a nosa música. Un patrimonio sonoro que Emilio Gómez Guntiñas está de novo a recuperar, recolléndoo e regravándoo no seu estudio, que dispón duns medios tecnolóxicos e informáticos ben actualizados. Un estudio de gravación herdeiro dun proxecto pioneiro, MT Producións, que Emilio e Triqui Trincado habían pór en marcha en San Clodio unha vez rematada a vida de Brigancia. Unha iniciativa fanada e incomprendida, moi adiantada ao seu tempo, e unha oportunidade perdida para facer da vila un referente en todo o país no tocante á produción musical.

Deámoslle de novo a palabra, desta volta sobre a aventura de Brigancia:"pasado un tempo, aos alumnos que máis destacaban propúxenlles facer un grupo que fose a continuación de Limiar. Fíxolles moita ilusión, retomamos as cancións, adaptámolas ao noso gusto e eles mesmos decidiron tomar como nome o dunha canción de Limiar. Foi así que pasamos a ser o grupo Brigancia.

Durante un tempo, con tres ou catro nenos máis eu, na música folk non era moito o que se podía facer. A cousa cambiou cando se incorporaron ao grupo dous membros de Limiar, Eliseo e Alberto, e aí pasamos a ser unha boa mestura de música folk e música moderna.

Actuamos en bastantes festivais de música folk, quedando sempre no primeiro ou segundo posto, e mesmo na televisión de Galicia. E tocamos con grupos ben coñecidos como Doa, en dúas ocasións, ou Davy Spillane. Da actuación de Davy Spillane hai unha anécdota curiosa: despois de facer as probas de son subiron os músicos da súa banda e cando o guitarrista viu a nosa mandolina colgada do peito de Triqui quedou abraiado. Era como unha guitarra eléctrica de tamaño moi pequeno que eu fixera no meu taller. Sinalounos se a podía coller un rato e con todo o seu asombro púxose a tocar... Agora fomos nós os que quedamos coa boca aberta ao ver como tocaba. Había que velo para crelo. Foi no primeiro festival da Cidade Vella de Santiago e para aqueles rapaces e para min tocar canda o gran gaiteiro irlandés foi como tocar cos Beatles. Daquel día, tamén lembro que despois de ver a proba de Spillane houbo que meterlle a Alberte -que naquel momento tocaba a batería e cantaba- varias cervexas xa que non quería tocar ao lado de semellantes músicos.

Despois de trinta anos penso que estas cancións, ben gravadas, poden estar aínda entre o mellor da música folk galega. Por esta razón, esta gravación é un dos proxectos nos que agora traballo. Esta música non pode morrer. Espero que algún día se poida atopar en internet unha recompilación da música de Brigancia, que se chamará O espírito, e que sería o mesmo espírito do que foi o grupo".

Foi unha época dourada para a musica do val. Non só foi o chegaren a tocar con Doa ou Davy Spillane, pasou que Ribas de Sil mesmo chegou a ter unha dimensión internacional ao se organizar por parte de Milucho e dos seus compañeiros de Brigancia, co soporte loxístico e económico do Concello, tres festivais inolvidables, o noso propio Woodstock, cabo da escola primeiro, no ano 1991, e os dous anos seguinte ás beiras do rio. Tres Festivais Folk polo que pasaron grupos galegos como Na Lúa, e bandas europeas como os piamonteses La Ciapa rusa e os portugueses de Quadrilha. Todo un acontecemento. E ha ser precisamente neste terceiro Festival do Sil, en agosto do 1993, onde vai ter lugar a derradeira actuación de Brigancia.

É por todo isto polo que estamos a loubar tanta entrega á música e á cultura de San Clodio e de Galicia por parte de Emilio Gómez Guntiñas. O seu afán non foi inútil. A semente que plantou frutificou en múltiples direccións, desde o afecto e respecto dos seus pequenos alumnos ao traballo extraordinario que máis tarde fixeron algúns deles, como Triqui Trincado, un dos grandes técnicos de son de Galicia, ou Roberto Castro, continuador do espírito sonoro ribasilense nese proxecto educativo, social e musical que é a Banda Folk de Ribas de Sil. Mais, esa é unha outra historia que haberá que contar.


Como para non lle estarmos ben agradecidos ao mestre Milucho G. Guntiñas!
Fotografías 1 e 4. Cortesía de © Emilio Gómez Guntiñas


SOBRE O TÍTULO E AUTOR


Comentarios

Publicacións populares