FOLE E A PAISAXE
Alguén dixo unha vez que os poetas galegos están crucificados na paisaxe do seu país. Poeta en prosa moi a miúdo, Fole espallou en moitos dos seus artigos e relatos notas paisaxísticas de calidade case pictórica que dan bo testemuño da intensidade coa que saboreou a súa terra brava.
Reproducimos unhas pasaxes do artigo Ánxel Fole, escritor paisaxista, que Francisco Fernández del Riego publicou na revista Amencer do Seminario de Mondoñedo, no número de abril de 1997.
O escritor paisaxista
F. Fernández del Riego
F. Fernández del Riego
Resulta verdadeiramente curiosa a fascinación que para Fole exerceu a paisaxe galega. Máis que unha fascinación, parecía ás veces unha teima. En certo xeito, unha base importante da súa narrativa é a xeografía. Nos contos que escribiu hai un abastecemento de notas de paisaxe, de deseño de escenas e recantos; hai como un sabor, un recendo e unha luz do mundo paisaxístico verdadeiramente sentido.
As impresións das terras do Incio e do Courel, reflexadas con sobriedade de liñas, constitúen unha gorentosa realidade. Conta, tremelante e agradecido, a presencia de paisaxe tan gasalleira, que a natureza tende a amoblar con labregos. O escritor coñecíaa moi ben, e era, ó mesmo tempo, un alquitarado persoeiro da literatura paisaxística.
Pintou o ceo, os horizontes, montañas, mares, vales e ríos, árbores e sementeiras. Numerosas veces escribiu que as súas preferencias estéticas ían á montaña. A paisaxe montañesa era para el fartureira de suxestións.
Non obstante, ó seu dicir, tódalas paisaxes son belas. Falaba de que "paisaxe fea" era unha expresión carente de senso, que ningún relativismo xustifica.
Por iso gostaba de todas: unhas por bravas e dramáticas, outras por soaves e acariñantes.
Nunha carta que nos escribiu desde A Veiguiña en días invernizos, contábanos que lle resultaba moi grata a tempada no campo.
O inverno despregaba toda a súa terrible gama de rigores: xeadas, chuvias, néboas, neves. Parecíanlle de azucre os montes do Courel que o lourido sol invernizo sonrosaba como si foran de carne.
Bruaba o río invisible, choraban os derradeiros aires outonais nas hortas das veigas. A néboa, como un aboiante sudario, cobría todo o val.
O fustigo do frío mordente facíalle máis doce que nunca a querencia do lume. Pensaba nel como conceito de amor e de felicidade.
Frente á calor case abstrata dos radiadores, compracíase no fermoso e case plástico da lareira, esa lapa cambeante e coorida que, comparado co mar, é sempre diferente e sempre a mesma.
"Que fermoso é o lume!", dicíanos. E o máis fermoso de todos é o de leña de cepa, con lampos azuis, verdes, vermellos, amarelos. No seu fluído seo latexaba ó seu ver, todo o luxo das flores, dos froitos, toda a riqueza cromática dos abrentes e dos solpores.
Artigo publicado no suplemento Táboa Redonda, do diario El Progreso, de Lugo. Sábado,17 de maio de 1997.
Comentarios