GRUPO FASE: A MÚSICA CONTINÚA

 San Clodio de Ribas de Sil e Quiroga: vilas musicais


X. Pérez Mondelo

O lume que acenderon no corazón da mocidade os músicos de Los Truenos e Ekos segue moi vivo na memoria do val. Atravesou a década dos sesenta e aínda hoxe nos ilumina o seu resplandor. Á súa calor quentáronse nas décadas seguintes outras moitas formacións: desde Brigancia até o actual proxecto de educación musical a Banda Folk Ribas de Sil, pasando por formacións posteriores como Fase, 2ª Fase, Os Novos da Ermida, Xavi Castro e Fai Tun Flai, Lethal Chais, Manuel R. Crespo, Samuel e Vítor Soto, Emilio e Fernando Estévez ou os gaiteiros de O Recanto. Sempre falando desde unha perspectiva de música folk, pop e rock, no amplo sentido, e deixando a un lado, que non esquecendo, outras institucións de música tradicional como a agrupación Banda de Gaitas San Martiño, ou estritamente vocais como a Agrupación Coral Polifónica de Quiroga que leva máis de trinta anos entregada á música.

Formación definitiva de Fase. Fotografía de © Antonio Vidal

Mais agora para recordar a Fase, nada mellor que escoitar a Emilio Blanco 'Milucho', o batería do grupo:


"Fase xurdiu durante os primeiros meses de 1977, con máis ilusión e ganas que recursos, con catro cachivaches vellos e obsoletos mais, aínda así, con todo o ánimo posible que dá a mocidade. Os compoñentes do grupo nesta primeira etapa eramos José 'Río Verde', á guitarra eléctrica, Luís 'Esculta', xa falecido, ao baixo, Rogelio de Fisteus, aos teclados, e Emilio Blanco 'Milucho', á batería.

Esta primeira formación tivo unha vida breve pois só durou uns meses, até que se consolidou a formación definitiva, unha vez que Luís 'Esculta' deixou o grupo por motivos laborais e chegou Andrés Pérez Rivero, un músico polivalente, con verdadeiras dotes musicais e no que todos nos mirabamos, que segue a día de hoxe dedicado profesionalmente á música.

Comezamos os ensaios nas dependencias da reitoral de Fisteus, polo que lle estamos ben agradecidos ao párroco daquela por nos facilitar o local naqueles días no que toda axuda era ben recibida. Deste lugar era Rogelio, Andrés era de Sober e os demais de San Clodio.

Como o asunto ía en serio, alomenos todo o serio que nos podiamos permitir, demos un paso máis adiante e alugamos a amplificación, micros e guitarra baixo eléctrico, ao tempo que adquirimos unha guitarra eléctrica e un estupendo amplificador para a mesma. Rogelio fíxose cun teclado Welson e un boísimo Leslie Cabotrone e eu merquei unha batería un pouco máis decente. José pasou ao baixo e Andrés era a guitarra rítmica, solista e voz principal.

O grupo na primeira etapa. Fotografía © Antonio Vidal

As primeiras actuacións foron na pista de baile de San Clodio, toda una institución no val e en moitos quilómetros á redonda, un lugar de encontro de toda a mocidade desde Caldelas a Courel e desde Valdeorras ao Incio. Neste salón ao aire libre puxémoslle música a vodas, festas de finais de curso do colexio da vila e amenizamos sesións de baile por contratación dos seus propietarios. E, sen ánimo de esaxerar, aló por onde iamos, enchíase de persoal. Nas festas de San Martiño de Quiroga, no ano 1977, o magnífico grupo-orquestra Barbanza, da parte da Coruña, presentounos e deixou que tocásemos co seu material. Que luxo: amplificación, monitores e exteriores Lombardi, Fender para as guitarras, piano eléctrico Fender Rhodes, batería Roger! Caíanos a baba! O persoal aplaudiu a rabiar, eramos uns rapaciños!

Nas festas de inverno en Vilameá, nun anexo do bar da Goia, tocamos tarde e noite. Leváronme a cear á casa do Gerardo, tratáronme de marabilla, conseguiron que a timidez propia da idade, ao menos naqueles anos, se esfumase. Que ben se portaban as familias que acollían aos músicos!

No colexio de Quiroga contratáronnos para unha festa de fin de curso, actuamos na sala de festas Lor polos carnavales, en Escairón actuamos na súa sala de festas, en Carballo de Lor tocamos na sesión verbena e tamén nas festas do verao de Abuíme, man a man coa Gran Orquestra Veracruz de Ourense. Por certo, moi amables, déronnos ánimos e sentímonos moi a gusto, até lle pediron ao público un gran aplauso para nós e así ocorreu. E tamén nos chamaron para outras moitas festas de diversos pobos do val e polas terras de Incio, Navea ou Brollón.

Hai que destacar a actuación do 13 de agosto do 1978 en San Clodio, o primeiro día das festas patronais. Foi memorable: o escenario foi o Pegaso catro eixes do Gelo, na explanada do colexio antigo.

As nosas preferencias musicais ían desde a bossa nova, 'A rapaciña de Ipanema', aos Beatles, mais o noso repertorio trataba de compracer, na medida das nosas posibilidades, ao público, polo que convivían en plena harmonía os máis diversos estilos musicais, como convivían nas grandes orquestras do momento que para nós tamén eran unha referencia, uns grandes músicos.

E así, como quen non quere a cousa, chegou a disolución do grupo, moi ao noso pesar. Como adoita pasar, motivos familiares e de estudos facían incompatible a continuidade do proxecto. A finais do 1979 quedou oficialmente disolto o grupo. Andrés segue até o día de hoxe na música, é o seu medio de vida por terras catalás. José anda por aquí coas súas cousas e Rogelio e mais eu seguimos algúns anos máis ensaiando e, ante todo, pasándoo ben disfrutando coa música.

Fago unha lembranza, como homenaxe a Emilio Guntiñas, Milucho, de admiración e respecto, a quen foi e segue a ser un referente musical para todos nós, os músicos de San Clodio e do val. Sempre entusiasta e xeneroso. E canda el, para todas esas orquestras e grupos que foron así mesmo unha fonte de inspiración, tan admirados nesta nosa terra fértil en grandes formacións musicais".

E coa mesma damos cabo a esta crónica musical á que Emilio Blanco lle puxo voz desde unha memoria doce que nace da lembranza dun tempo ido e cunha fonda gratitude para todos aqueles que o acompañaron na vida e na música, que para el vén sendo a mesma cousa. A música e a fotografía, a súa outra gran paixón. 


Ao conxunto engadíronse dúas voces femininas. Fotografía de © Milo


Rogelio de Fisteus é quen nos relata agora aqueles anos con seu grupo Fase:


"A creación do noso grupo foi un azaroso fenómeno de agregación de historias persoais. Por unha banda, en Fisteus aló polo 1975, co apoio do que era cura daquela, Ramón Díaz Abelairas, empezamos Manolo de Vilameá mais eu a ensaiar nun pequeno rocho que había na igrexa do noso pobo. Eran tempos de gaita e tambor, de muiñeiras, de valses e de alboradas. Tocabamos na procesión do Santo Tirso, na Casa do Vello e tamén a alborada en Bendilló.

Eu tocaba tamén un harmonio que tiña don Ramón, un órgano que soaba a base de aire e lingüetas como un acordeón, e Manolo tocaba unha daquelas baterías prehistóricas con pel de cordeiro. Recordo un Entroido que actuamos en Campos de Vila, quizais polo ano 76, música popular, música da terra ... non consigo recordar. De Manolo de Vilameá gardo un gratísimo recordo, el marchou a estudar maxisterio a Lugo, a súa paixón e dedicación converteuno nun gran músico e docente, que chegou a ser o director da Banda Municipal de Música de Viveiro.

Mentres isto sucedía, en Ribas de Sil, Milucho Blanco, José 'Río Verde', Luis 'O Esculta', que xa faleceu, tiñan tamén un experimento musical, se cabe mais avanzado que o noso de Fisteus, pois había tradición familiar posto que Milucho era irmán de José, Manolo e David Blanco, que formaran parte anos antes dos 'Ecos do Sil'.

Aínda que pareza un paradoxo, non nós coñecíamos entre nos, e isto non debeu de producirse ata 1976. Xosé 'Rio Verde' estudaba no Instituto de Monforte e foi el o nexo de unión. Recordo vagamente ensaios en San Clodio e que actuamos un día na pista de baile.

No ano 77, eu cursaba o BUP no Instituto de Monforte de Lemos, e residía en San Vicente, hoxe Parador Nacional, e alí coñecín a Andrés Pérez Rivero. Andrés, fillo de empregado nos saltos de Sanabria, que estudaba tamén en Monforte, e tiña familia por Sober, era unha fascinación permanente, porque era apaixonado pola música, era moi habilidoso coa guitarra e tiña un amplo coñecemento dos estilos musicais. O seu carácter tranquilo e a música que facía arrastrábanos a facer algo. 

En pouco tempo xurdiu a maxia, en Fisteus, no rochiño da igrexa ensaiamos todos, os de Fisteus e os de San Clodio, e gustábanos o resultado. De aqueles naceu Fase. No inverno do 77, mentres estabamos nos preliminares do grupo, nas festa do San Martiño de Quiroga, debemos entrar en contacto coa orquestra Barbanza, que alí tocaba, acabaron anunciando que se estaba formando Fase, e tocamos unha peza, que acompañaron ós propios músicos da orquestra, aquelo tiña forza, tiña ritmo e percibíamos que a xente nos escoitaba, que gozou da novidade.

Fase empezou con Andrés Pérez Rivero á guitarra e voz, 'Milucho' Blanco á percusión, José 'Río Verde' ó baixo e Rogelio Fernández ós teclados.

No 1978 incorporáronse tamén como voces ó grupo dúas rapazas de Quiroga. A pista de San Clodio é o noso lugar de referencia, o noso clube. A maioría dos xoves, domingos e festivos da primavera e verán dese ano 78 tocabamos alí. Cando empezábamos, soaba unha melodía de cabeceira, mentres Andrés presentaba o grupo, coa entoación de orquestra grande, era moi orixinal para a época e semellaba mobilizar as emocións dos que asistían. Puidemos comprobar que cando se escoita unha cousa moitas veces acaba gustando. 

A contratación das festas no verán do 78, implicaba unha maior loxística. Un representante, que fora Manolo Blanco ex batería dos Ecos do Sil, unha inesquecible e ruidosa furgoneta para o transporte do equipo de son, quizais unha DKV, da que se encargaba David Blanco.

Recordo moitos dos lugares ós que fomos a tocar, e tamén a aqueles personaxes que encontrabamos. Carballo de Lor, O Incio, Escairón, Castro Caldelas, Vilameá de Fisteus, as Festas de San Clodio. Recordo tamén aquela actuación na discoteca Dai 2, a do Domingo 'Manguelas' en Quiroga, que tocamos no entroido do 78, cheo ao tope. Por ilustrar a nosa 'minuta', esa actuación ascendeu a menos de 50 euros, claro que, de 1978.

O repertorio era tamén variado: 'Chica de Ipanema', 'Love in te air', 'The house of the rising sun', 'Let it be', 'Gloria', 'Rock de la cárcel', 'Acordes' e 'España cañí', entre outras. Tamen compoñiamos, e algunha das pezas fíxose popular entre os que nos escoitaban habitualmente como Romaxe ou 'Que puedo decirte amor que tú no sepas', destinada ó lento arrimado da época. Tocabamos moita música bailable e animosa. O que si recordo era aqueles bailes lentos e apegadiños que pasaron xa a historia. 

A nosa fortaleza era a nosa xuventude, as actuacións eran cada vez máis emocionantes e estaban máis cheas. 

A finais do ano 1979 deixamos de tocar. Andrés marchou a estudar a Vigo e eu a Madrid, xa non foi posible seguir mais, aínda que Milucho mais eu seguimos ensaiando polo pracer de facelo. Aí acabou Fase, unha inesquecible etapa das nosas vidas, na que aprendemos o valor da amizade, da música e da unidade. E, sobre todo, valoramos aqueles xestos dos que nos apoiaron, axudaron e escoitaron". 

Milucho e Rogelio, con camiseta marela, nos tempos de Fase. Foto de autor descoñecido. 

Obrigados, Milucho Blanco e Rogelio Fernández, batería e teclados, almas de Fase. E aos vosos compañeiros Luís, Andrés e José. 


Comentarios

Publicacións populares