CÉSAR ARIAS: IN MEMORIAM

  Ribas de Sil e Quiroga: vilas literarias

                                                    César Arias na rúa de Alcalá en Madrid. Fotografía de © Antonio Vidal.

X. Pérez Mondelo

César Arias, un dos membros fundadores do grupo Brais Pinto, morreu en Madrid vai xa para seis meses coa mesma discreción coa que viviu. E como non podía ser doutra maneira, os seus restos descansan no cemiterio de San Clodio, a vila na que naceu hai oitenta e nove anos e á que regresaba puntualmente en canto as súas obrigas familiares e laborais llo permitían. 

En realidade, malia que a súa vida profesional sempre se desenvolveu en Madrid, o seu pensamento estivo decote cravado en Ribas do Sil. Aos pés da montaña da Moá estaba o seu paraíso, ás beiras do río, na súa casa a carón da ponte de ferro, contemplando os dourados solpores sobre a Pena Sabel, no castro de Ares, por onde as augas abandonan o val e se adentran silenciosas nas ribeiras sagradas.

Recreando as palabras de Castelao podemos dicir que a súa alma estivo sempre en San Clodio, que no seu caso é o mesmo que dicir que sempre estivo en Galicia, pois para César Arias a súa vila era o corazón do seu país, o lugar desde onde o soñaba, a súa esencia.

As inquietudes políticas e culturais xa se despertaran moi cedo no rapaz ribasilense, educado nunha vila habitada de sempre por xente leal e resistente. Ese era o clima moral no que medrou, os valores éticos que desde moi novo o conformaron. Mais, esa sensibilidade democrática, o seu compromiso polo devir de Galicia, vaise asentar de vez durante a súa estancia en Ourense onde vai entrar en contacto con compañeiros tamén mozos cos que había crear o grupo poético- cultural Xente Nova, desexosos de recibir o maxisterio dos vellos galeguistas do interior, de Otero Pedrayo, de Florentino L. Cuevillas, X. Ferro Couselo, Vicente Risco, o mestre Leuter... Entre estes mozos estaban os escritores Xosé Fernández Ferreiro, Víctor Campio, Pura Vázquez, Serafín Gómez Pato... todos eles a descubrir a verdadeira historia dun país negado, cabo dos homes sabios de Nós, ao seu amparo.

Grupo Brais Pinto, en Madrid, a finais dos anos cincuenta.
Unha vez que se traslada por motivos profesionais a Madrid, despois dunha breve estadía en Zaragoza, o destino levarao a outro encontro definitivo na súa vida, nesta ocasión cun grupo de mozos, estudantes e traballadores galegos, cos que acabaría creando no ano 1958 o grupo político-cultural Brais Pinto, que había ter unha gran transcendencia no futuro da política e da cultura galegas.

Entre eses novos compañeiros estaban Xosé Fernández Ferreiro, co que xa coincidira en Xente Nova e que se trasladara á capital a estudar Xornalismo e logo a traballar en Suevia Films, con Bautista Álvarez, cos poetas Alexandre Cribeiro, Ramón Lorenzo, Méndez Ferrín e Bernardino Graña, o pintor Reimundo Patiño e o pedagogo Herminio Barreiro.

O grupo Brais Pinto tiña a súa sede no Centro Galego, no espazo marxinal do roupeiro da institución, e desde alí o grupo, capitaneado por César Arias, vai erguer as máis desmedidas quimeras, malia as limitacións que impoñía o tempo histórico no que vivían.


O nome de Brais Pinto ocorréuselle a X. Fernández Ferreiro, o fabulador de Espartedo, que levado da súa imaxinación rebordante, deu en matinar en que o nome deste personaxe era o de un afiador de Nogueira de Ramuín que despois de percorrer o mundo coa súa tarazana, aparecera morto en Cibeles atropelado por un auto. Un nome tan suxerente que axiña cativou aos seus compañeiros de grupo facéndoo seu e que tamén lle deu nome á editorial poética que puxeron en marcha. Unha editorial que se inaugurou coa publicación do único libro de poesía de Otero Pedrayo: "Bocarribeira". Un libro fundacional ao que seguirían as obras de distintos membros do grupo como "Poema do home que quixo vivir" de Bernardino Graña,  "A noite" de X.F. Ferreiro, "O que se foi perdendo" de Ramón Lorenzo e "Acoitelado na espera" de Alexandre Cribeiro.

Todo este quefacer editorial estaba coordinado por César Arias, en realidade o intendente do grupo, o seu brazo executivo, indispensable no traballo organizativo que supuña a edición e distribución dos libros, así como no resto do funcionamento ordinario de Brais Pinto.

As relacións coa directiva do Centro Galego, que pasados os anos os había nomear Socios de Honor, non eran sempre amistosas, mais os rapaces de Brais Pinto sempre habían contar coa man entusiasta de Xosé Fernández Oxea, Ben Cho Shey, para desfacer calquera malentendido e levar a bo porto as múltiples iniciativas daqueles mozos que ante nada se arredaban.

Alén da editora, van ter unha enorme repercusión nos círculos do galeguismo as homenaxes a Ramón Cabanillas, que acababa de falecer, e a Luís Pimentel, dous poetas admirados polos membros de Brais Pinto, como tamén tivo unha ampla acollida o acto de homenaxe a Rosalía, no ano 58, con motivo do centenario da súa voda con Murguía, que contou coa presenza da súa filla Gala e as palabras de R. Otero Pedrayo.

A homenaxe a Ramón Cabanillas, o gran mito da poesía galega naquela altura, tivo lugar o 14 de decembro do 1959 e un ano despois, con motivo do seu segundo cabodano, tivo lugar a homenaxe a Pimentel, un poeta admirado por todos pola súa actitude de intelectual íntegro, polo seu exemplo ético e estético: un poeta máis cercano á sensibilidade anguriada daquel grupo de poetas lonxe da patria e nun clima político e social abafante. Nesta homenaxe participaron con distintas ponencias todos os membros de Brais Pinto, coa sempre disposta axuda de Ben Cho Shey e coa participación de Dámaso Alonso, amigo do poeta lugués.

O acto fora presentado por Cesar Arias cunhas palabras que recollen fielmente o sentido último da homenaxe: "Ao termo de dous anos da morte de Luís Pimentel, sabiamos nós, Brais Pinto, que o senso do seu espírito, da súa obra, da súa forma, non estaban mortas. Por iso, a homenaxe que neste libro se recolle, non é unha homenaxe de lembranzas, e si, unha certificación expositiva, un poñer os pés na terra a modo de berro para dicirnos a nós mesmos que podemos, debemos estar nunha liña de continuidade, na mesma liña que el seguiu, na nosa liña. Val  recordar, para edificar, non para encher liñas".

Diciamos que César Arias estivo no centro de toda esta actividade, quizais polo seu espírito emprendedor, pola súa capacidade organizativa, pola súa experiencia como home de empresa e mesmo polo seu sentido de responsabilidade para cos seus compañeiros, rapaces máis novos, aos que sempre serviu con lealdade e cun gran sentido de fidelidade persoal cara ao grupo e cara aos seus ideais políticos e culturais. 

Brais Pinto vai ser un elo decisivo na cadea de transmisión e de renovación do galeguismo histórico, protagonistas dun novo rexurdir da cultura galega naqueles anos de pedra, de éxodo migratorio e dor exilica, nun tempo anunciador de novos ventos tamén no contexto internacional.

Do compromiso renovador desta xeración ha xermolar un novo período esperanzado para as artes e a literatura galegas, así como para a ruptura co pensamento galeguista predominante ao que van pór tamén en entredito. Sen a presenza de Brais Pinto non se pode entender a aparición dun novo paradigma político dentro do galeguismo así como a aparición de novas formas narrativas como A Nova narrativa galega ou poéticas como a Escola da Tebra. E o mesmo no eido das artes plásticas, onde apostaron decididamente polo informalismo dentro do movemento estético de A Gadaña. Neste senso é de salientar a publicación da colección de arte Cuadernos da Gadaña, do que saíron catro números: un número cero, "Textos encol da arte galega" de Luís Seoane, e o número un cos "Poemas caligráficos"  de Uxío Novoneyra.

Mais, esta é unha nova etapa do grupo Brais Pinto do que naquela altura só permanecían na capital española César Arias e Reimundo Patiño. Os demais compañeiros foran voltando a Galicia unha vez rematados os estudos ou por mor de novos destinos laborais. Foi daquela que César e Reimundo Patiño crearon a nova editorial, á que bautizaron co nome de Brais Pinto en homenaxe ao grupo fundacional. A editorial naceu como unha colección de arte, os citados Cuadernos da Gadaña, porén tamén publicou libros de narrativa, de teatro, ensaio... dos que hai que salientar o titulado "González Villar e a súa época" e o primeiro álbum do cómic galego, "2 Viaxes", de Xaquín Marín e Reimundo Patiño.

Desde un principio até o derradeiro suspiro da súa vida César Arias sempre se mantivo fiel á memoria de Brais Pinto e ao seu compromiso con Galicia. E, por riba de todo, fiel a uns lazos de irmandade cos seus compañeiros labrado en longos anos de convivio, proxectos e esperanzas. 

César Arias (dereita) co autor do artigo.
E por iso, por tanta lealdade, polo que sempre gardaremos na memoria esa súa ollada limpa, rexa e delicada, a ollada dun galego cabal. E se o facemos é porque el nos ensinou que vale a pena recordar, para non edificar sobre o baleiro, a ingratitude e o esquecemento. 

Ribas de Sil e Galicia senten a perda dun gran irmán.


Comentarios

Lemavo dixo…
Excelente artigo para lembrar a un dos artífices da nosa cultura e que estaba "aí detrás".

Publicacións populares