O GALEGO FALADO POLOS QUIROGUENSES

 Vilas literarias: Quiroga

O galego falado polos quiroguenses amostra un gran interés. Desde logo que está influido polo galego, máis arcaico, do Caurel. Na montaña inda se fala con acento musical, cuasemente cantando, inda que xa se vai perdendo. Sempre me chocóu que por <oir> se empregase <sentir>, e cuasemente nunca <ouvir>, <oucir> ou <oucer>. <Sentín ruxir nun mato>...<Sentín dalas doce no reló>...

Iste xeito de falar lévanos ó característico <redundantismo galego>. <Os sesos da cabeza>... <Batíulle ca pedra no medio e medio da testa>...<O máis grandiño de todos iles>, decía unha vella falando de catro cativos. Se a vella for castelá, seguro que diría <escuatamente>:<el mayorcico de todos>. Tamén se carauteriza a fala quiroguesa polos seus moitos arcaísmos. Din máis <autro> que <outro>, e tamém máis <auteiro> que <outeiro>. Sentín decir eu no galego de Santa Cubicia: <Altros tempos virán>..., co <ele> inda sin vocalizar.

Tamén o carauterizan as súas metátesis, non sospeitadas en castelán. O bocio chámase, indifrentemente <gaxolo> e <galoxo>. Dunha costa moi pronunciada, moi <precipita>, din <prepícita>. De <estómago> fan <estógamo>. E o mesmo caso da metátesis <fígados-fídagos>...

Din <il>, en masculino, pronome persoal, máis o femenino é <ela>: cuasemente non din <ila>. O mesmo caso do demostrativo <aquil>, <aquela>. Mais en <iste> fan o femenino <ista> algúas veces. O seu <imos aló> soa a <imos ló>. Mais tamém o seu galego está barbarizado por moitas diptongacións castelás: <home moi fuerte>, <casa moi pudiente>, etc. Emprégase moito o <il> impersoal, parecido ó do francés, e especialmente preguntando: <¿E il víchelo?>...<¿E il choverá ou non chovera?>.

A Quiroga inda os vellos lle chaman Queiroga, sen monotongar. O nome <Deus> somentes se conserva na palabra <adéus>, <adiós>. Úsase moito unha contraución, que non deixa de sere interesante. Se un lugués quer decir que o Antón foi xunto ó Pepe, dirá, poño por caso: <O Antón foi cabo do Pepe>. Mais un quirogués diría <O Antón foi onde o Pepe>. Diría, mais non di. Di cuase sempre facendo contraución: <O Antón foi ondia o Pepe> que é coma si dixer <onde a Pepe>. Tamén co pronome <o>: <¿Ondi-os puxeches?>.

A palabra máis eufónica que por alá sentín decir é <esgomelar-esgamelar>. Dise de arrincar os <gomelos> ou brotes e tamén de esgazar unha rama: <A rama esgomelóu  co froito>.


Ánxel Fole

Comentarios

Publicacións populares