NOS BEN COMPOSTOS MOLLOS
Florece no San Xoán ca graza loira
Das medas ledas. As contestes rodas
Dende o pé hastra o curuto arredondean
Podentes e tranquilos, a colleita
Nos ben compostos mollos ordeada.
Sinxelas, grave, ledas, a fartura
Das agras e o regosto panteista
Amado dos labregos cando compran
Co étnico anceio unha laboura artista
Grava na forma gasalleira e forte
De dona, de montana, de torreiro.
Teñen maestá de souto, de ourizontes
O rodopio espallado. As suas abas
Semellan os bariles erguementos
Das montanas de terra que nos lonxes
Puidas do sol e o vento de lus calma
Parecen fabricadas. En parexas
As ricas medas do fogar petrucio
Presiden a xuntanza dos medonchos
E das albelas medas mais cativas
Pro todas, na irmanda de labradoras
Viven e xuntan os afiados ventres
E pra todas o sol bate acotío
Dando a espiga e a palla o ton dourado
Que amansa os ouros vellos do pan quente
O druida, grande poeta dos segretos
Podentes da paisaxe, ben sabía
As horas en que as medas teñen fala
Pois toda cousa -fonte, pedra, souto-
Ten no armoñoso decorrero do mundo
Un intre en que libera sua esenza
Da fera lei que ás cousas agrillóa.
Xeórxicas do panRamón Otero Pedrayo
Pinturas de Colmeiro
Comentarios