HEROES DO PAPEL DEBUXADO - ANGELITO GU-
Gu
Nas idades que argumentan a banda deseñada, o como queirades chamala, en concreto, na da nenez,"dos miúdos", ocupan un notable espazo desde que oficialmente establecésese unha cronoloxía da arte das viñetas, alá cara a finais do século XIX.
Non quero entrar en discusións que leven a Constantinopla sobre este neno ou aquela nena, porque vou ó infante máis f. p. da historieta dunha época que me tocou vivir.
Trátase de Angelito, tamén coñecido pola súa inexistente verborrea, pois nese eido da fala limítase ó onomatopeico son: Gu. Sílaba ás veces duplicada, outras a modo exclamativo e tamén de cando en vez co signo de interrogación.
O pequeno ía metido nun cesto, vehículo co que se movía por cidades, campos, montañas e mares -praias-, pois nas casa entraba pouco, dado o seu terrorismo innato para esnaquizar todo.
Era sen dúbida un vándalo, un alano e un suevo, é dicir un bárbaro creado polo gran Manuel Vázquez (Madrid, 1930-Barcelona, 1995), que dotou o rillote dunha capacidade para mancar os semellantes que para si quixeran os miles de psicópatas de verdade que viven e beben neste terceiro milenio.
Se Angelito nacera nos Estados Unidos de América, a súa linguaxe limitaríase á sílaba Jau, en caso de nativo. No dos millóns de colonizadores e emigrantes, que poboaron dita nación, procuro non meterme en camisa de once varas. Mais vénme á memoria un dos primeiros heroes oficiais do cómic, The Yellow Kid. Tras os primeiros tenteos en branco e negro do seu autor Richard Felton Outcault, xurdiu con forza un 17 de febreiro de 1895, nas páxinas do New York World.
O rapaciño achinesado e fedellón non falaba, pois o camisón marelo ben seguro de 11 varas servía de pantalla as letras que explicaban a viñeta. A cor limón definiu tamén certo tipo de prensa que máis dun século despois segue en alza como os "publicistas" que cobran por trabucar.
Volvendo ao neno ibérico, Angelito tamén herdou do se papá Vázquez unha certa tendencia pictórica e, como non ía ser doutra maneira, adiántose os grafiteiros e incluso ao afamado Bansky. O petís ata tiña mala leite para emporcar as paredes e outros espazos con monicacos que, unha vez rematada a súa estructura, volvíanse máis perigosos que o propio pillabán con nome celestial.
As barrabasadas de Angelito fanme reflexionar sobre a pouca corrección do creador e seu fillo putativo, algo que boto en falta nestes apesarados anos 20 do terceiro milenio. A viñeta que encabeza o post, recolle a primeira saída do pequeno truán, datada o 8 de xuño de 1964 e no número 170 da revista Tío Vivo.
Comentarios