SANTIAGO CANEDA: de Vilardonas a Buenos Aires
Ribas do Sil: vila musical e artística
X. Pérez MondeloNestas páxinas que tan amablemente nos cede no seu blog Roque Soto, xornalista quirogués, foron aparecendo distintas semblanzas sobre personaxes que coa súa obra e conduta ennobreceron o nome de Ribas do Sil.
Desta volta queremos recordar a un gran pintor nacido en Vilardonas e criado en Buenos Aires: Santiago Caneda Blanco, gran amante da vila e do val, que pasou os seus derradeiros anos vivindo e pintando na Coruña, onde gozaba dunha alta estima no mundo plástico da cidade e de Galicia. Un prestixio artístico que anteriormente xa tiña acadado durante a súa longa etapa bonaerense.
Como diciamos, Santiago Caneda naceu, arrolado pola brisa da serra da Moá e o murmurio lene do Sil, no ano 1946. Cando roldaba os cinco anos de idade, seus pais, coma tantos dos seus veciños, decidiron emigrar a Arxentina, en cuxa capital realizou os seus estudos primarios e secundarios, matriculándose posteriormente nas mellores escolas de Belas Artes de Buenos Aires nas que se graduou, dando comezo a unha exitosa carreira artística con múltiples premios e exposicións en distintas galerías.
Sendo xa un artista recoñecido na Arxentina, levado pola chamada da súa terra primixenea, desfacendo a viaxe da nenez, regresa definitivamente a Galicia no ano 1991 e establécese na Coruña, unha cidade que o acollerá desde un primeiro momento. Aquí tecerá unha gran rede de afectos e seguirá enriquecendo o seu traballo pictórico, expoñendo a súa obra en diferentes salas de Galicia.
E foi durante a súa estadía entre nós, cando viaxou en numerosas ocasións a Ribas de Sil cabo dos seus, e máis en concreto a Vilardonas, á que tiña unha especial querenza.
Pleno de vida e recoñecemento, inesperadamente, no ano 2013 decidiu voltar para Buenos Aires, o outro seu grande amor. En definitiva, a súa outra patria, pola que non deixou de sentir saudade nin un só día durante todos os anos pasados en Galicia.
En Buenos Aires cae gravemente enfermo, algo que fanou de raíz a súa vontade de reencontrarse coa cidade, a familia e as amizades arxentinas.
O seu fillo Santiago Caneda Lowry, sociólogo e doutorando en Filosofía, recordando estes días delicados, dinos que seu pai puido tomarse a revancha de voltar a Buenos Aires, mais desgraciadamente esta non era a cidade nin o país que deixara.
Ante esta situación límite, regresa á Coruña, mais nada se pode facer pola súa vida, falecendo en setembro do 2014. A conmoción na vida cultural da cidade foi inmediata. Santiago tiña gañado o corazón de moitos amigos, nos que despertou unha grande admiración pola súa personalidade fraternal e pola fondura da súa obra pictórica. Unha sensación de perda e orfandade que só puido mitigarse en parte ao ano seguinte, nunha homenaxe popular organizada polo seu círculo amical e por Monty 4, unha galería coruñesa na que tiña exposta en diversas ocasións a súa obra.
O legado artístico de Santiago Caneda é excepcional, sendo diversas as coleccións e institucións públicas e privadas que gardan os seus cadros, en España, na Arxentina, EEUU e outras nacións de América e Europa. Unha obra imaxinativa, que linda co onírico e o fantástico, con base no surrealismo e outras vangardas, mesmo tendente á abstracción, mais materializada en todo momento desde unha estética propia. Unha obra diversa, que observada na súa amplitude, expresa unha cosmovisión singular, sorprendente. A ollada poética dun artista único.
Por isto lembramos hoxe a Santiago Caneda Blanco, ese neno de Vilardonas que un día cruzou o mar, regresando anos despois como Ulises á súa Ítaca soñada, para sementar o mundo de fantasía, humanidade e beleza.
Imaxes utilizadas coa autorización de Santiago Caneda Lowry.
Agradecemos á Galería Monty 4, de A Coruña, o seu permiso para as reproducións dos cadros da súa propiedade.
https://artefloralpararrumiantes.wordpress.com/2014/09/04/ese-hombre-que-vuela/
Comentarios