MANUEL CORRAL VIDE: A TERRA NA PEL


A Manuel R. Crespo, músico e educador quirogués, que me falou de Manuel Corral. E a Hilario González, profesor e memoria viva das xentes do val.


 Quiroga: vila literaria

Manuel Corral Vide.

X. Pérez Mondelo

Foi unha sorpresa saber de Manuel Corral Vide, o noso veciño de Espandariz, residente en Buenos Aires.

Desde o mesmo momento no que soubemos do seu labor incansable como escritor, artista plástico, xornalista e comunicador en diferentes medios arxentinos e de Galicia, da súa faceta de activista cultural dentro da comunidade galega e bonaerense e finalmente, como un dos grandes restauradores e divulgadores da gastronomía galega e porteña, entre outras moitas actividades... desde ese instante, diciamos, xulgamos imprescindible dar a coñecer a súa obra na súa propia terra.

Manuel Corral, en diferentes actividades de honra a Galicia na Arxentina.

Manuel Corral é un personaxe senlleiro, aínda descoñecido entre nós, mais amplamente recoñecido e respectado na nación arxentina que o acolleu sendo un neno, e desde onde dedicou a súa vida, con absoluta entrega, ao engrandecemento da cultura da súa patria de acollida, sen esquecerse nin un só día de honrar a memoria migratoria e exílica do pobo galego na Arxentina. Unha ferida aberta, unha débeda aínda non debidamente saldada.

Postos en contacto con Manuel por vía epistolar, foi el mesmo o que nos facilitou este texto que agora compartimos cos lectores e que titulou "Biografía en dez estampas". A mellor resposta ás nosas preguntas, dez instantáneas do seu vivir na súa propia voz.

[DEZ ESTAMPAS]

1. Os primeiros anos paseinos coa miña avoa. Recordo a casa familiar (que andando o tempo percorrín recoñecendo cada recanto, a pesar das modificacións), o enorme laranxo polo que me deslizaba desde o primeiro piso, o patio, os xogos con algúns nenos (a morte temperá de un deles púxome por primeira vez de cara ao inevitable), o río, o tren, algunha visita a San Clodio, Quiroga ou Monforte, a confirmación, a igrexa, a visita dun bispo, algúns latíns (de Elisardo, se non me equivoco), a mata do porco, o traballo e as fincas, as colmeas, o pote sempre fumegando, e a lareira vendo cociñar a avoa, batendo eu mesmo as claras de ovo para o merengue ou facendo as miñas primeiras filloas.

Escudo da "Unión Quiroguesa".

2. Quiroga na miña nenez, comparándoa co pequeno Espandariz, era enorme. Alí había comercios, bar, cuartel da Garda Civil, e barbeiro! Acompañaba a miña nai que aprendía alí (na Sección Feminina) bordado e costura. Voltei á vila no ano 2000 para visitar a familia, buscando algunhas respostas que non encontrei, e logo varias veces, a voo de paxaro, de paso a Monforte, Lugo, A Coruña e Santiago.

A miña amiga da infancia, Monserrat, mantenme ao tanto dos sucesos quirogueses, ao igual que dúas familias retornadas e Rogelio Vila, tamén quirogués, que retorna a miúdo.

Intentei reactivar hai uns anos a "Unión Quiroguesa" sen éxito ata o dia de hoxe. Os que me len, non obstante, saben que hai tres palabras que se repiten sempre: Quiroga, Espandariz, Sil. Nesas palabras recoñézome, un cordón umbilical que me une á Terra.

Casa natal en Espandariz. E retrato de neno feito en Quiroga.

3. Nacín un 12 de xullo de 1952 en Espandariz, na casa de Romariz, e emigramos (apresuradamente) no 1959 a Arxentina, unha complicada travesía en barco, con treboadas, enfermidades a bordo e problemas administrativos ao chegar ao porto.

4. Aínda que de pequeno me gustaba debuxar e escribir, iniciei estudos industriais como mellor saída laboral xa que era indispensable traer cartos para a casa. Despois dunha estafa familiar, fomos ao sur do Gran Buenos Aires: rúas de terra, sen auga corrente nin sumidoiros, e unha casiña de madeira con teito de chapas de cartón.

Os traballos sucedéronse desde neno, máis alá do estudo. Entre os oito e os dezaoito anos fun colleitador en quintas, vendedor de xornais, dependente de almacén, devanador de la, axudante de mantemento nunha fábrica téxtil, lavacopas en bares, debuxante publicitario...

Finalmente, nunha etapa terciaria, puiden estudar Xornalismo e volcarme na actividade artística.

5. A restauración, á que finalmente accedera a familia cun comedor de fábrica, resultou ser unha boa saída laboral, combinada con outras actividade en publicidade, deseño gráfico, escenografía, teatro e literatura, ata mediados os anos 70 que me levaron por outros países de América e a residir en Colombia, onde traballei no Teatro Colón de Bogotá e expuxen as miñas pinturas. Alí naceu unha das miñas fillas.

6. Foi ao meu regreso á Arxentina, un país que xa recuperara a democracia, cando comecei a incursionar con máis forza na restauración, participando de sociedades ou en relación de dependencia. E, definitivamente, a finais dos 90, coa apertura de  "Morriña", o meu restaurante emblema, e a chamada da televisión, que me deu certo recoñecemento no sector e permitiume enfocarme na divulgación da nosa cociña e a nosa cultura.

Portada de revista Xa, que dirixiu Manuel Corral.

7. Sempre tiven relación coas comunidades galegas, sen participar activamente na vida social ou parroquial, mais colaborando no que fose necesario. Fun integrante da Fundación Xeito Novo de Cultura Galega e director da súa revista Xa. Ofrecín charlas e conferencias en diversas institucións, participei activamente da Cátedra España (Universidade de Ciencias Empresariais e Sociais), dirixida por don Manuel Cao. Dirixín "Diario de la Avenida" relacionado coa zona máis española de Buenos Aires: Avenida de Mayo, San Telmo.

O Teatro Bambalinas, da Federación de Asociacións Galegas (FAGRA) inaugurouse cunha exposición dos meus debuxos e alí ofrecéronse recitais coas miñas cancións (1971).

Participei sempre do evento masivo "Buenos Aires celebra Galicia" e formo parte da Cátedra Galicia-América da Universidade de San Martín, presidida por Manuel Rivas, onde ditei e ofrecín conferencias relacionadas coa cultura galega.

Fun membro do grupo fundador do MEGA (Museo de la Emigración Gallega en la Argentina) e asesor e conferencista no mesmo. Conducín xunto a Paco Lores e Manuel Castro o programa "Galiza Emigrante" da Federación de Asociacións Galegas, en Radio Nacional, e organicei o primeiro festexo público e masivo polo  "Día da Galeguidade" en Buenos Aires, con desfiles e bandas de gaitas nas rúas lindantes co meu restaurante Morriña.

Reportaxe no diario El Progreso, de Lugo.

8. O restaurante Morriña (1998-2017), con carta bilingüe e cociña exclusivamente galega, foi considerado unha embaixada da nosa gastronomía en Buenos Aires, e distinguido entre os mellores pola prensa especializada. Na fotografía da nota que me fixeran para El Progreso de Lugo pódense ver as paredes tapizadas con fotos antigas, moitas delas da nosa comarca. Durante varios anos Morriña outorgou o premio "Pote de Ouro" á  personalidades da colectividade galega.

Nun programa gastronómico na televisión arxentina.

9. A miña relación cos medios de comunicación sempre foi boa e activa. Na TV participei varios anos como cociñeiro protagonizando diversos programas e sigo sendo convocado como referente da nosa cociña e da historia da gastronomía. Na radio hai trinta e cinco anos que participo en diferentes programas e conduzo o meu propio, "Consentidos" desde 2003. No apartado gráfico colaborei en medios nacionais como Clarín, portais como fondodeolla.com. Tamén escribo desde hai vintedous anos unha columna en crónicasdelaemigración.com

10. Na miña web (fuegovivo.com.ar) publico investigacións sobre as distintas influencias da cociña arxentina, especialmente a española, e a galega en particular.

Libros de Corral e diploma de personalidade destacada de Buenos Aires.

Agradecemos enormemente a Manuel Corral Vide as súas palabras e a súa deferencia, así como as imaxes que tan xenerosamente nos enviou para ilustrar esta crónica. Agardamos que axiña poida estar entre nós e que sexa acollido como merece polo seus veciños e as institucións da súa vila. Que mellor pregoeiro para festexar o Día dos nosos viños e a nosa gastronomía! Que mellor conferenciante para recordarnos a andaina vital e transoceánica de tantos quirogueses polo mundo, de La Habana ou Caracas a Buenos Aires!

Na súa etapa á fronte de Morriña.

Proximamente, a Televisión de Galicia ofrecerá un documental sobre a súa vida no programa "Facendo as Américas", rodado en Buenos Aires e en terras quiroguesas, que non podemos deixar de ver. E, para seguir afondando na súa persoa e nos seus múltiples quefaceres, deixamos aquí unha serie de enlaces ás súas redes sociais para facilitar toda esta información, así como para entraren en contacto directo con el todos os que así o desexaren.

Graciñas, Manuel.


https://registrodeescritores.com.ar/project/manuel-corral-vide

https://www.cronicasdelaemigracion.com/opinion/manuel-corral-vide/cocina-gallega-poetas-mueren/20210125100625102149.html

http://noticias.unsam.edu.ar/2017/07/14/conferencia-de-manuel-corral-vide-conversaciones-alrededor-de-la-luz/

https://www.facebook.com/manuel.c.vide

https://lasmusasdespiertas.blogspot.com/2016/10/manuel-corral-vide-chefescritorperiodis.html

http://fuegovivo.com.ar/

Comentarios