BERNARDINO LOMBAO SOTUELA: o gran atleta de Ribas de Sil



X. Pérez Mondelo

Bernardino Lombao foi fillo de ferroviarios, coma tantos dos seus veciños, nun tempo no que a actividade que gravitaba arredor dos camiños de ferro supuxo un medio de vida máis próspero para moitas familias a unha e outra banda do río. Xunto a Saltos del Sil, dúas fontes de riqueza para os habitantes do val, que en grande medida serviron para paliar o drama migratorio, que a partir dos anos cincuenta fora paseniñamente derivando desde os países do continente americano cara ás nacións centroeuropeas e as zonas máis industrializadas do país.

Casa natal da Mouriza.

Neste contexto, na "casilla" da Mouriza -aínda hoxe en pé, os muros erguidos, como un símbolo doutro tempo-, naceu o neno Bernardino o día 6 de agosto de 1938. Un berce modesto de operarios ao que sempre permanecería fiel. Máis tarde a famila trasladaríase ao apeadeiro de Sequeiros, onde o rapaciño pasaría unha infancia libre: os baños no río, o andar tralas rolas armando as trapelas de lousa nas que as aves inocentes caían, as animadas festas do Rosario cabo da súa casa, cos músicos a abanear as trompetas e os saxofóns, as roscas da señora María, o correr á busca das canas dos foguetes, os primeiros bailes e quizais os quereres primeiros... foron conformando a súa alma inqueda e soñadora, o seu espírito expansivo e a súa fortaleza.

A Mouriza, Sequeiros, San Clodio... uns espazos edénicos para sempre gardados no seu íntimo, aló onde fose que a súa traxectoria deportiva e profesional o levase. Unha futura vida rica e plena.

Libros de Bernardino Lombao sobre os beneficios do deporte na saúde.

Non imos agora, por suficientemente coñecidas, dar conta polo miúdo de todas as súas actividades tanto na súa faceta de atleta e adestrador, como de colaborador en medios de comunicación, presentador de diversos programas de televisión, ademais de divulgador e autor de diversos libros sobre a relación benéfica entre a práctica deportiva e a saúde dos cidadáns.

En todas estas facetas, alén de destacar como un gran profesional, cunha carreira ateigada de éxitos, salientou pola súa dimensión humana, pola súa simpatía e polo seu entusiasmo en calquera dos proxectos nos que se implicaba, deixando en tódolos ámbitos un regueiro inagotable de amizades, como se puxo de manifesto con motivo da súa morte. Un suceso que causou unha inmensa onda de pesar e de condolencias chegadas desde todos os puntos do país e desde os distintos ámbitos nos que desenvolveu a súa vida: institucións deportivas, medios de comunicación e, máis ca nada, dos compañeiros atletas do seu tempo e dos de posteriores xeracións de deportistas que gozaron da súa cercanía e do seu maxisterio.

Unha histórica formación do F.C. San Clodio.

Teimamos unha e outra vez no deber de recordar aos personaxes da vila que engrandeceron o seu nome, levándoo con dignidade polo mundo. Ribas de Sil ten unha gran tradición deportiva, maiormente no terreo futbolístico, onde durante décadas o F.C. San Clodio fixo felices aos veciños cos seus éxitos.

Cánto nos gustaría que a vila puidese contar cunhas modernas instalacións deportivas, mesmo cun novo campo de fútbol no que se recobrasen vellas vitorias. Chegado o día, ese moderno complexo deportivo non podía levar mellor nome que o de Bernardino Lombao Sotuela, o gran deportista ribasilense.

No casal rural O Verxel de Vilardomato, a dereita o atleta J. Carballo. A esquerda, Xavier R. Sotuela.

Dicíamos nun principio que o noso atleta gardou sempre no seu íntimo un gran amor pola vila e polo val. Que a Mouriza quenceu sempre o seu corazón e alampou decote na súa memoria. E así foi até o seu derradeiro suspiro. Bernardino morreu inesperadamente o día 23 de abril do 2020. Mais, en vida, pediu que as súas cinzas se gardasen perto da súa casa natal. E así fixeron a familia e os amigos en canto lles foi posible. Un último acto de fidelidade ás súas orixes. Unha mostra da súa querenza por Ribas de Sil.

Bernardino Lombao coa pértiga.

Estamos certos de que o seu espírito ledo e inquedo algo andará a argallar arestora polos amplos e azuis estadios do paraíso. Quedo e calado non pode estar: eso de descansar en paz non ía co seu carácter. Un descanso polo demáis ben merecido.

Que honor para o val acoller na súa derradeira viaxe a Nardo Lombao!




Diferentes imaxes de Bernardino Lombao na súa etapa no atletismo.

Percorrendo Vilar do Courel.


 Fotografía da Mouriza © X.Pérez Mondelo.

Intervención de Bernardino no programa "Tenemos que hablar", de TVE:
https://www.rtve.es/play/videos/tenemos-que-hablar/tenemos-hablar-bernardino-lombao-obesidad-lacra-del-siglo-xxi/1808076/

Comentarios

Publicacións populares