MOVIEPLAY, MÚSICAS E CANTOS DOS POBOS
A compañía discográfica Movieplay nacía finais da década de 1960 en Madrid sobre a base dun anterior selo dedicado á distribución de discos. O seu variado catálogo incluía algúns dos conxuntos rompedores do pop hispano, así como o lanzamento de gravacións de figuras do jazz e do rock cantado en inglés a ambos os dous lados do Atlántico, soul, canción francesa e algún que outro trobador en castelán, entre outras apostas relacionadas coas preferencias do público daquela época.
Movieplay seguiu aplicando máis ou menos a mesma política comercial, en tempos de tardofranquismo, aínda que a partir de 1974 puxo en funcionamento a marca Gong, dirixida polo polifacético e inesquecible Gonzalo García Pelayo, que se converteu en referente de liberdade, modernidade e novos rumbos do rock de España e as súas variadas rexións.
Rock progresivo, rock andaluz, canción de autor (comprometida ou aberta a outros ámbitos), flamenco (ortodoxo e heterodoxo), músicas latinoamericanas (instrumental e cantada), sonoridades dos pobos de España, canción melódica e xéneros doutros tempos, no que se refería á Península Ibérica. En Portugal, tan preto pero tan lonxe tamén en música, existía representación da citada compañía, cuxo arquivo acollía unha excelente colección en grao sumo representativo do fado e a canción de autor, entre outros sons lusitanos, algúns deles emparentados coa xeografía africana.
Como era habitual entre as empresas discográficas, promocionaba así mesmo a música foránea nas súas múltiples vertentes. A continuación pódense apreciar e escoitar algunhas das gravacións do xeneroso catálogo de Movieplay, principalmente no relacionado coa Península Ibérica e os seus pobos.
Comentarios