UN DOS RECANTOS MÁIS FERMOSOS

 

A Veiguiña

Compréndese que «A lus do Candil» sexa unha das obras mellor logradas da literatura galega. O escenario onde foi escrita é un dos recantos máis fermosos que teño visto. Os señores Quiroga dispensáronnos unha acollida moi agarimosa. Don Gonzalo e a súa esposa, acompañados polos fillos e netos, e o seu irmán, don Xosé Luis, improvisaron axiña unha xuntanza familiar en atención ó Académico. A merenda abondosa e o viño de colleita propia alumaron lembranzas e anécdotas dos anos en que Ánxel Fole fora o profesor e o mellor amigo de don Gonzalo e don Xosé Luis.

«A vostede, don Ánxel —dixo don Xosé Luis— débolle a vida. ¿Lémbrase do día que nos veu visitar, que eu xa estaba aviado para ir a xunto de don Ramón e estivemos a contos deica o mencer? O que son as cousas. Aquela mesma serán, uns atracadores entraron na casado meu amigo, matárono e roubáronlle canto tiña. Aínda hoxe me arrepía pensalo».

 «¿Recordase, don Ánxel —engadiu don Gonzalo— do toleirón do Toño? Púxose a tarabelear cunha pistola —mesmo o estou vendo na solaina— e disparóuselle atravesándolle a vostede a solapa da chaqueta de coiro. Qué argalleiro vos era».

«Inda levei un susto meirande —dixo Fole— cando, mesmo no intre de pasar a pontella do Quiroga, sentín un estrondo grandísimo. ¡Uns furtivos andaban a matar peixes con dinamita!»

Non é de estrañar que moitos contos de «A lus do Candil» sexan narracións de suspense. Don Ánxel e mesmo don Gonzalo e don Xosé Luis, incansables con versadores, sonmoi afeizoados ós relatos de misterio; pero tampouco faltaron na amistosa xuntanza opinións sobre política, sobre a enxebreza do léxico galego e a orixe etimolóxica de topónimos da comarca.

O crego Xosé Manuel Carballo, ó remate, aglaiounos a todos cos seus xogos de ilusionismo e foi atendido o anceio de Gonzaliño III, neto de don Gonzalo, que quixo retratarse co escritor.

Lendo, unha vez máis, «A lus do Candil» atopei unha confesión do propio autor quen coido de interese porque descúbreno-la razón do seu apego por Quiroga:

«Cando recordo todo aquelo —escribe— sinto unha tristura moi doce e moi fonda. Alí quedou a miña mocidade».


«El Progreso», 30-IX-79

Recollido en:
Viaxes con Ánxel Fole
Manuel Rodríguez Castro
Ediciós do Castro
serie testemuña 
1988

Comentarios

Publicacións populares