O SIL CORRÍA AOS NOSOS PÉS

A porteliña

Non me imaxino como serán as estacións do futuro; nin me importa. A verdade é que é das naves espaciais non vai comigo. Eu son un home de trens, de paisaxes ao alcance da man. Vou facer unha confesión, aparentemente sen importancia: viaxei bastante. Unhas veces, malamente, aínda que as máis coa imaxinación. Dicir que un viaxou desde Ponferrada ata Monforte de Lemos, por exemplo, é limitar moito a cuestión. E non é porque se pode chegar a París ou á bela Ámsterdam, senón por algo moito máis fondo; por algo que fixo do tren un vehículo máis entrañable desta época nosa que xa quere irse...

Iso de que non hai tren sen estación, non ten volta de folla. Ser un home de trens inclúe, como non?, as estacións. Pero as estacións son ámbitos de tránsito, ámbitos de inquietude. Non hai nada comparable a verse un acomodado no seu asento e coa equipaxe, que pode ser superfluo, colocado no seu sitio. Con todo, non é isto o esencial. Pode un considerarse viaxeiro sen unha porteliña á beira? Un tren sen porteliña non é un tren. A paisaxe, a imaxinación, o viaxeiro ou viaxeira de en fronte...

...Saímos dunha curva para meternos noutra, dando pé a que o sol daquel radiante día, nun suxestivo xogo de luces e sombras, sorprendésenos constantemente, non só coas mil tonalidades da vexetación, senón coas irisacións da auga, pois xa o río Sil corría aos nosos pés. De súpeto, vin a cara dela reflectida no cristal da porteliña. Os seus ollos confundíanse coas matizacións solares e nos seus beizos parecía pousarse a humidade. Mireina. Perdera a abstracción e parecía fixa dun modo absolutamente concreto nun punto da paisaxe. E seguín a súa mirada. De momento todo concluía nun profundo remanso do río Sil: un remanso en semipenumbra e que, se mal non recordo, adquiría esa graza que dan algúns dos raios ao penetrar, a través da ramaxe, neses recodos húmidos que tanto abundan no nosos ríos do noroeste...

Lauro Olmo
Revista: Paisajes
Nº 30, abril de 1993
Edición: COMFERSA

Imaxes © Roque Soto Soto

Comentarios

Publicacións populares