RULFO E A INUTILIDADE DA CHUVIA
X. Pérez Mondelo
En determinados momentos da novela "Pedro Páramo", chove sobre unha Comala abrasada e fantasmal, vítima do abandono histórico e da desolación.
Sempre nos deu en pensar que "Pedro Páramo" era a mellor novela da literaratura galega malia non estar escrita na nosa lingua e estar ambientada en terras de Jalisco, que non en van foran bautizadas polos conquistadores como Nova Galicia. Certamente ... na nosa propia terra, non temos coñecido historicamente a mesma desolación, padecido seculares Pedro Páramo?
Nunha entrevista preguntáronlle a Rulfo se cría que esa chuvia era un signo de esperanza para ese territorio ermo e sombrío, outrora fértil e vizoso. O escritor mexicano, que non era precisamente un home moi esperanzado, respondeu:
- Pedro Páramo deixou un pobo miserable, triste, árido (...) Parece que agora vai renacer, que Comala pode voltar a existir como era antes. Por eso esa obsesión pola chuvia. A chuvia está rexenerando unha terra que, agora que non a necesitan, está volvendo a ser produtiva, xa cando non ten remedio.
É ese pesimismo que existe de que cando suceden cousas que non suceden no tempo xusto, suceden cando xa non hai ningunha esperanza, xa sen remedio.
Ollando para o Pía Páxaro a arder, acordeime destas palabras de Rulfo sobre a inutilidade da chuvia e o destino de Comala, esa sorte de Galicia.
Estes días, outras voces, a pé de souto, recórdannos que o lume apágase durante o inverno e non agora, cando prende. E que a ferida é profunda e vén de lonxe.
Fotografías © Fundación Juan Rulfo
Comentarios