COUREL E O MOVEMENTO ASOCIATIVO
Un camiñar ate a devesa da Rogueira e a lagoa da Lucenza, desde as beiras do Lor ate os altos cumes, sempre na compaña de dous libros reveladores nos petos: 'Os Eidos' de Uxío Novoneyra e 'Primaveira no Lor' de Eduardo Moreiras. Este último un libro incomprensiblemente olvidado.
Mais agora queriamos falar das dimensións materiais, ambientais, humanas e políticas deste paraíso. E, en concreto, do seu porvir, da súa permanencia e máis despois dos lumes inmisericordes que devastaron parte deste territorio historicamente indefenso, con fartura de beleza mais tamén con fonda sede de xustiza.
Sempre houbo almas da serra, que miraron pola súa conservación e desenvolvemento, gardiáns, anxos custodios e alerta: non queremos deixar de nomear a xente coma Evaristo Méndez de Froxán, coa Asociación A Fonte do Milagro e a revista Candea; Orlando Álvarez, de Ferreirós, fundador de S.O.S Courel e histórico defensor das serras; Xan de Vilar, o pastor dos soutos, as ermidas humildes e os castros, do seu senlleiro museo; Ramón Vila Anca, desde A Seara, historiador, alpinista, fotógrafo, un gran coñecedor de cada cova, de todas as devesas, dos cumes máis arredados de Courel; Uxío Novo Rey, nai e irmáns, da Casa da Fonte, sempre en Parada; Federico García Cabezón, tamén fotógrafo dos seus moradores e outras desditas; Vicente Reboleiro, poeta e gaiteiro de Ferramulín; Marcos Reinoso e a comunidade de Paderne; Sechu Sende desde o Soldón; Roberto Castro en Ribas de Sil; Martín Alemparte, infatigable, desde o seu observatorio de Bóveda... Así podiamos seguir nomeando a tantos outros amadores anónimos ou recoñecidos de Courel como Xosé Luís Foxo co seu Festival de Músicas da serra ou Wim Ettema, o gran xeógrafo e investigador holandés.
Agora son diversas as asociacións e institucións que velan polo futuro deste territorio: a Fundación Uxío Novoneyra, a Estación Científica de Seoane do Courel- USC, Courel Vivo, a Asociación de Desenvolvemento Rural Serra do Courel, a Asociación A Volta Grande do Courel, os integrantes do Xeoparque Montañas do Courel, o Grupo de Desarrollo Rural Ribeira Sacra-Courel e outros diversos colectivos veciñais, culturais, lúdicos, científicos ou medioambientais.
Esta complexa rede asociativa e institucional, en gran medida dispersa e con múltiples limitacións, cómpre que reflexione, que os seus membros se encontren, dialoguen e poñan sabre a mesa os seus puntos en común, que definan as necesidades perentorias de Courel e coordinen, na medida do posible, os seus obxectivos irrenunciables. Todo o seu traballo histórico e sacrificado, e os seus proxectos de presente e futuro, vense ameazados.
Que liñas de actuación esenciais lle poden propoñer ao conxunto da sociedade courelá e de toda Galicia?
Unha renovada cooperación é unha urxencia tras a desolación. E precisamente por seren limitadas, todas as forzas son necesarias.
Fotografía 4: © X.P. Mondelo
Fotografía 5: © Manuel Valcárcel, Piro
Comentarios