SUMRRÁ EN PADERNE
X. Pérez Mondelo
Ata cando iste tempo de elexia? (Uxío N.)
A devesa da Escrita, o Taro Branco, Meiraos, Miraz, Vilasibil... Paderne. Ata aquí chegaron un ano máis os músicos de Sumrrá, desta vez recibidos aínda con maior entusiasmo, a súa presenza como un talismán benéfico para a serra, despois da devastación.
En véndoos baixar cos seus instrumentos polos rúas costentas de Paderne, do cimo ao fondo do Iugar, non puidemos deixar de pensar nos vellos músicos de Os Padernes, a célebre orquestra da serra, que durante máis de medio século non deixaron de alegrar o corazón das xentes de toda a contorna, da montaña ao val.
O concerto tivo lugar na aira do quintairo da aldea. Pouco e pouco, á medida que a tardiña ía caíndo foron chegando de todos os puntos de Galicia amadores destas serras e seguidores do mellor trío de jazz do noso país e mesmo de todo o estado. Daba gloria ver o quintairo ateigado, as luces do escenario a acenderse entre a arboreda, unha vez que o solpor se esvaía por tras da serra da Escrita. Foi daquela que, despois da presentación vibrante de Marcos Reinoso, outra alma da serra, Sumrrá deu comezo a un concerto transcendente: ao piano Manuel Gutiérrez, no contrabaixo Xacobe Martínez e á bateria LAR Legido.
Un concerto que se converteu nunha celebración do bosque ao tempo que nunha proclama pola súa permanencia, en chamada a unha revolución lenta, plural e permanente das conciencias.
Un acto epifánico, toda a aira un ámbito de harmonía. A música como común unión, como acougo e invitación á introspección, o mellor bálsamo nun tempo de elexía.
Eiquí sempre foi e será bosque e brisa.
Fotografías de © X.P. Mondelo
Comentarios