COMO ROSAS QUE CHEGAN DA SOMBRA

Os nenos

Escondido o seu terror
antre os plegues do manto
das nais,
asusta sentir o seu corazón veloz
dentro dun peito tan mísero.
¿Cómo se sostén ou defende
tanta fraxilidade?
(¡Unha folla no vento!)

¿Recordades, como rosas que chegan da sombra,
esas filas de olladas dos expósitos
en domingo?

(En non falemos da infancia dos príncipes.)

¡Oh, as navallas sempre abertas
pra ferilos,
dentro do terror dos seus sonos!
E nos escuros currunchos
as súas silenciosas bágoas.

O neno non conoce a morte;
mais ás veces chéganos un berro
dun mundo desconocido pra o home.

¿I esa pregunta fonda
que se para por un intre nos seus ollos?
¿I esa luz tristeira, doce,
sobre unha frente mol e tenra,
de ónde ven?

Mais eisisten nenos solitarios,
estranos nenos
que conocen a morte.

Luís Pimentel
Pinturas de Joaquín Sorolla

Comentarios

Publicacións populares