MADRID - ILLA DE SAN SIMÓN - OAK PARK
Cousas de Hemingway
O primeiro curso de Xornalismo na flamante Facultade de Ciencias da Información da Universidade Complutense de Madrid incluía a materia de Redacción xornalística I, materia que tiña como profesor a un veterano literato: José Luis Castillo-Puche (1919-2004), quen aproveitaba as clases para falar das súas experiencias vitais, principalmente viaxes e contactos con escritores de diferentes nacionalidades. Acompañado sempre dunha secretaria de pelo louro, o mestre, co seu deixe murciano, xuntaba máis alumnos que a maioría de docentes universitarios do citado centro naquel afastado ano de 1974, ata o punto que varios rapaces escolleron a ateigada aula, onde o laureado autor contaba anécdotas, para entrar nela esporranchados. O "streaking" comezaba como forma lúdica reivindicativa a dar as súas primeiras carreiras nun Madrid aínda gris e neorrealista.
Pero como din por aí, forzas do mesmo signo repélense, a Castillo-Puche non lle gustou a brincadeira que lle quitaba protagonismo e convidou aos sen roupa a que abandonasen a sala, mentres as mozas que tiña detrás de min berraban que se afastasen os de diante porque non vían ben as partes baixas dos aireados novos. As belidas ao me carón pasaron aos susurros para comentar, entre elas acompañándose de xestos e risos, o pequena que a tiñan os "strikers". Un que non era de cebola e non perdía "ripio", dicía: 'probes, co frío que fai non me estraña o engurrado total das partes pudendas do espido grupo'.
Ao que ía, os relatos do escritor de Yecla aos seus pupilos case sempre estaban relacionados con literatos. O profesor atopábase moi afanado coa traída a España do aragonés Ramón J. Sender, cuxo estilo lle cativaba, como tamén declaraba a súa devoción cara ás obras de Pío Baroja e Ernest Hemingway. Sobre o galardoado autor estadounidense, a quen coñecera persoalmente, Puche chegou a afirmar que non lle que non lle sorprendeu a truculenta morte do nobel con disparo de escopeta de caza auto infrinxido.
Castillo Puche entendía que Hemingway, según dicía con aire melancólico, á parte doutros problemas psicolóxicos quizais de orixe xenética -os suicidios na súa familia creo que só foron superados, no caso de escritores, pola do uruguaio Horacio Quiroga-, quedou marcado por experencias moi negativas e dolorosas, entre elas a infantil que viviu xunto ao seu pai, un médico que atendía a todo tipo de pacientes.
O pequeno Ernest participou xunto ao seu proxenitor nun dificultoso parto dunha paciente de raza india, mentres o marido desta desesperábase na espera. Enfrascados no difícil choio de sacar o bebé á vida, o futuro literato e o doutor, por fin remataron felizmente a faena. Cando foron a felicitar ao nervioso indíxena, este estaba sen vida, pois cortouse o pescozo cun coitelo. A dramática experiencia, segundo Puche, foi unha das tantas que influíron en que Hemingway arrastrase en vida unha personalidade depresiva que terminou por impoñerse cando a súa forza física e capacidade psicolóxica decaían.
A anécdota do meu primeiro profesor de Redacción xornalística, a pesares de que para min semellaba máis ben unha lenda, quedoume para sempre gravada, como pasou con outras máis divertidas. Pasaron os anos, e un día estaba na illa de San Simón -esa de as ondas do trobador-, pero non "atendendo o meu amigo", senón amarrado o duro traballo de xuntaletras, cando de súpeto nunha esquina da minúscula insua vexo ao meu vello profesor coa súa esposa.
Tras os saúdos, recordos e "flashback" cara o ano 1974 , fíxenlle a entrevista de rigor a Castillo-Puche, que era bastante interesante, pero a empresa onde laboraba non estaba para literaturas -latíns como dicía un dos xefes-, así que só sacaron unhas cantas liñas do escrito por min para xustificar o titular, a fotografía, o desprazamento de redactor e fotógrafo, "el mercadito, la casilla de la feria, la ganchera, el mostrador..."
Daquel día en San Simón, onde por certo respirábase un aire tranquilo como o que inspirou ao xograr que cantou á illa e o amor, gardo unha fotografía que me regalou Castillo-Puche. O que son as coincidencias, pregunteille sobre como ían os seus escritos sobre vida e obra de Hemingway, ao que respondeume que acababa de estar en Chicago onde se celebrou unha homenaxe ao autor de O vello e o mar, no que participaron especialistas de todo o mundo.
Na fotografía aparece, Castillo Puche xunto á casa natal de Ernest, en Oak Park -Illinois-, lugar do que saíu un día o novísimo Hemingway para acompañar ao seu pai para adentrase nas cousas da vida e da morte. Clarence Hemingway, tamén depresivo, a pouco tempo do crac do 29, matouse no interior dese edifiicio cun disparo de revólver na cabeza cando tiña 57 anos de idade.
Comentarios