AS OLIVEIRAS MÁIS ANTIGAS DE GALICIA

Debaixo da oliveira

Unha fermosa e centenaria oliveira en Montefurado, ao pé do camiño de inverno. Aquí están as oliveiras máis antigas de Galicia. Non estaría demais facerlle unha proba para comprobar a idade, poderiamos levarnos unha agradábel sorpresa. Se a de  a Vigo ten 206 anos, a de Montefurado pode ter bastantes máis. Mentres a de Vigo é o símbolo da cidade e está moi protexida e coidada, a de Montefurado parece estar aí sen que lle fagan moito caso. 

A oliveira  é a árbore máis venerada por parte das diferentes culturas e relixións. É o símbolo da eternidade porque pode vivir miles de anos, incluso despois de varios incendios. 

Unha oliveira en Mouriscas, Abrantes, Portugal (Oliveira do Mouchão) é unha das oliveiras coñecidas máis antigas que aínda viven, cunha idade estimada de 3.300 anos, plantada aproximadamente a comezos da Idade de Bronce. Outra, tamén en Portugal, de Santa Iria de Azóia ten máis de 2.850 anos.

Merece a pena visitar Montefurado, non só pola Boca do Monte, senón tamén pola oliveira, a igrexa, os vellas rúas,  as covas na terra para gardar o viño, a fonte romana...

Mentres debuxo véñenme á memoria dúas cantigas, unha portuguesa e outra galega que ben poderían ir xuntas e a galega ser a contestación da moza a oferta de amor do mozo.

Debaixo da oliveira
non vai frío nin orballo.
Meniña, se has de ser miña
non me deas máis traballo.

Debaixo da Oliveira 
non se pode namorar
porque a folla miudiña
non deixa pasar o ar.

Outra di:

Á oliveira da serra
o vento lévalle a flor;
só a min niguén me leva
da beira do meu amor.


Texto e imaxe de Manuel R. Crespo

Comentarios

Publicacións populares