BENDOLLO, SEMPRE NA MEMORIA
Un mundo que esmorece
Na Casa da Cultura de Quiroga foi presentada a obra Bendollo, sempre na memoria, de Xerardo Rodriguez Arias, quen, entre outro motivos, tivo en conta facer unha crónica urxente dun mundo que esmorece.
O autor engade en relación con libro:
A obra recolle o devir da historia dunha aldea da montaña das terras de Quiroga, centrándose fundamentalmente na Idade Contemporánea e máis polo miúdo no século XX.
Malia que o estudo está focalizado na parroquia de Bendollo, os similares aspectos físicos e humanos, así como o sistema produtivo, co resto de aldeas que abeiran ao Sil, fai que podamos falar dunha historia compartida: sistema de propiedade, explotación do monte, pastoreo, oliveiras, impostos, loita cos franceses, asociacionismo, xénese da emigración americana, repoboación forestal, crise social e emigración europea, etc.
Compartidas son tamén as vías de comunicación: camiños de segadores, camiño de peregrinación, ferrocarril, estradas e pasos de barca. Os habitantes do Val de Quiroga das dúas beiras do río, mesmo os das ladeiras dos montes que o rodean, forman por natureza un grupo enteiramente homoxéneo; as relación sociais e económicas entre veciños ribeirans non terían sido posíbeis sen a existencia de barcas e barcos de pasaxe.
Polo que respecta a Bendollo profúndase na colaboración interveciñal, fundamental no sistema produtivo, nos lugares de culto: igrexa e ermidas; crenzas e patrimonio relixioso; revolta de 1934, Guerra Civil, etc. Recuperamos unha longa listaxe de topónimos que reflicte a paisaxe sonora que acompañou a vida dos que nos precederon.
A obra vai destinada á cidadanía interesada en coñecer parte da historia destas terras, especialmente a unha parte importante da mocidade que descoñece os valores e os bens culturais acumulados polos seus antepasados así como o duro traballo desenvolvido ao longo de séculos. O reencontro coa historia, co idioma, en definitiva coa cultura dos devanceiros, foi o obxectivo fundamental para mergullarme no noso pasado.
Comentarios