XERARDO RODRÍGUEZ ARIAS E MANUEL BLANCO

Quiroga-Ribas de Sil: vilas literarias

Escritores do val

X.  Pérez Mondelo

É unha alegría saudar a aparición de dous novos libros da autoría de sendos escritores nacidos a unha e outra banda do val. Dous creadores que seguen o camiño aberto por grandes escritores clásicos como Ánxel Fole, Eduardo Moreiras ou Ernesto  Guerra da Cal, así como o de outros  poetas, narradores e ensaístas de hoxe que conforman todos eles un gran patrimonio literario e cultural que non podemos deixar de coñecer e valorar.

Manuel Blanco coa ponte de ferro de San Clodio ao fondo. Foto: La Voz de Galicia.

Saúdamos, en principio, a publicación de 'Varaderos' (2022), o primeiro libro publicado por Manuel Blanco, profesor e poeta de Ribas de Sil. Despois dunha lectura demorada do seu poemario decatámonos de que estamos diante dun poeta auténtico, fondo e delicado, perante un libro moi meditado, no que Manuel Blanco vai deitando sobre a páxina en branco a memoria espida, estilizada, da súa travesía vital, desde a súa infancia perdida nas ribeiras do Sil até a conciencia asumida do pasar do tempo e da imposibilidade do regreso, só posible a través da palabra, ese ancoradoiro, o último amparo. Un libro confesional, de despoxamento e busca, memoria poética da súa andaina existencial.

     Hagamos
     un fuego con palabras,
     el último fuego,
     un refugio
     contra el tiempo
     y contra todo.

Xerardo Rodríguez Arias na presentación dun libro da súa autoría. Foto: El Correo Gallego.

Xerardo Rodríguez Arias é fundamentalmente un investigador que xa tiña publicada unha interesante achega sobre a aviación galega, unha querenza por esta temática sen dúbida despertada pola súa profesión de controlador aéreo: "Cen anos de aviación en Compostela" (2017).

Mais a súa máis recente investigación, "Bendollo, sempre na memoria. Crónica urxente dun mundo que esmorece" (2022)  ten como obxecto de estudo o seu pobo natal, unha documentada análise sobre o pasado, o presente e o futuro dun dos núcleos de poboación máis singulares da contorna quiroguesa. Un estudo transversal dos distintos aspectos que foron definindo a súa idiosincrasia ao longo do tempo. Un traballo que pretende transcender o simple localismo, extensible á historia de calquera outro lugar do país quirogués, pois foi moi semellante, salvando as particularidades, o seu destino: a desaparición dun microcosmos propio, harmónico na súa cosmovisión do mundo, nun contexto de subsistencia e resistencia económica e cultural, mais vivo e pleno de significado. Un mundo que se foi esvaendo paseniño, esborrallando de vez cara á segunda metade do pasado século e que hoxe tenta rexurdir do abandono, facer memoria, reinventarse e sobrevivir nun presente incerto.

A parroquia de Bendollo, no concello de Quiroga. Foto: Arquivo.

Dicía o escritor ruso Leon Tolstoi: "se queres ser universal, fala da túa aldea". Neste senso, Bendollo é unha metáfora do devir dos nosos lugares e da Galicia mesma. De tantos pobos e xentes á intemperie do tempo e da historia.

Se ao falarmos de 'Varaderos' faciamos fincapé no resgate da memoria vital do poeta ribasilense, no libro 'Bendollo, sempre na memoria' salientamos, á par da vivencia persoal e emotiva do autor quirogués, o seu intento de recuperar a un tempo a memoria comunal do seu pobo, un trasunto da memoria colectiva de todos os pobos a unha e outra banda do Sil, da montaña ao val. Ao cabo, un único territorio, cunha marcada identidade.

En días de Nadal, que mellor agasallo que estes dous libros de Xerardo Rodríguez Arias e Manuel Blanco.

Dous libros que están a falar de nós. 

Comentarios

Publicacións populares