SON AS SETE NACIÓNS CELTAS




Unha cantiga morta

Hai xa unha regular presa de anos, os mozos da Universidade de Compostela e os rapaces dos institutos de Galicia, sabían cantar a Cántiga das Sete Irmás, que emprincipiaba diste xeito:

                                       "Ei Armórica, Cornubia e Cambria,
                                        Escocia, Eirín, Galaecia e a Illa de Man,
                                        Son as sete nacións celtas..."

Nas sete estiveron, dende logo, os celtas. En cinco delas consérvase algo das falas gaélicas ou britonas, mais denantes de que nada disto pasara, as sete eran xa irmás. Érano polo menos, dende o tempo das construciós megalíticas; dende os anos en que Ith e os seus Milesiáns embarcaron cara o norte; dende o día en que Creidne o mercader de ouro, afogóu no mar.


Son istas, historias vellas, pro nas que hai máis verdade que mentira, pois ninguén poderá  negar que as insculturas galegas viaxaron por todos os fisterres atlánticos; que hai tipos de alfaias que se atopan soio en Galicia i en Armórica; e que unha lúnula irlandesa e dous pequenos discos da mesma procedencia apareceron en Cabeceira de Bastos, na terra farta e ben procurada do Minho portugués. E ninguén poderá negar tampouco, que istes feitos non son máis o comezo dunha longa serie de outros feitos análogos e concordantes.

As sete irmás son todas países terminaes, polos que Europa estivo asomada moitos milenios a un mar que entón non ía para ningures; mais que durante moitos séculos os mantivo nunha relación sostenida, que non pode explicarse nin por causas económicas, nin por arelas, nin por motivos políticos; e que, por forza, compre apor a unha orixe común, ou a unha parentela espiritual.

Agora, como pasa nas familias, as sete irmás esparexéronse, e unhas forman parte dun estado,  e outras doutro; e a mais de exparexerse, esqueceron á máis nova, máis meridional e máis distante. A probe Galicia, ou millor a probe Galaecia quedou privada da axuda das súas curmás, e arrecantada nun curruncho como aquela nena do conto que, gracias a un zapato, chegou a princesa.

Aquiles rapaces e aquiles mozos que hai, unha presa de  anos, botaban a cántiga das sete irmás, tencionaban espertar as lembranzas esquecidas e restaurar en certo modo o mundo remoto dos fisterres atlánticos; mais viñeron os acontecementos, un após dos outros e o estrondar de dúas guerras estinguíu a cántiga que xa ninguén canta.

Fálase no día, doutros temas, de escolas de arte que son <<super>>, <<post>> ou <<neo>>, por riba doutro nome coñecido; fálase de filosofías vellas, resucitadas ou reformadas; e fálase de universalidade, nun senso no que semella que non se lembra de que o universo está feito de pexas ou de órganos. E imos andando, mentras ollamos como deica morrer a nosa cultura, que naceu en Grecia, vai debecendo deica morrer calquera día nun "dancing" ou nun cine.


Prosas galegas
Florentino Cuevillas

Comentarios

Publicacións populares