BRILLA A DISTANCIA


Vía Láctea

A Alicia Castro e Carlos Díaz Martínez

País de luz nevada e vendimia de estrelas!,
nos labios da cantiga a  brancura do tempo 
teceu lentos outonos e solpores de néboa.

Nas arxilas da noite levedou un milagre
e un mar iluminado abriu todos os ollos
como un fervor de praias no devalar do vento.

Camiño branco e pedra, signo de alba e escuma,
arborecidos meses de silencio e soño
acenden flores novas no ronselar da altura.

Un sopro de ar fecundo nace na pel dos astros:
queimadura e camelia, brancor de sangue súbito,
claridade e navío, exaltación de espello.

O tempo onde cintila a sede e ferve o frío
constelado de seivas, delicado volume
no corazón da auga, na fonte estrelecida.

Paisaxe de frescura, camiño de alta noite,
cicatriz e piedade do inverno transmigrado
na música tremente das abóvedas núas.

Arde o ceo é a semente, raíz dentro da luz,
arde o río somnánbulo, árbore transparente
que acende o ar: o centro invisíbel do mundo.

Brilla a distancia, o lume, a vertixe das pombas
no corazón da noite, todo un fulgor de viñas
brancas como a memoria, inmensa cifra pura.

Un manantío aceso, acio vivo de orballos.
urdime poderosa onde vibra a alta choiva,
lentísima espesura de lagoa estrelada.


A onde leva o camiño, a que país soñado.
Por bosques e por chairas ramos de lonxanía
e unha febre de néboas e florecer na brisa.

Oh corazón alzado entre poeira e seda,
sabes que no horizonte respira o mar e o ceo
e a noite máis antiga é unha espiral de vida.

Agora, xa no abismo, fronte o mar que é destino,
entre sal e azucenas, entre mercurio e gloria,
esa ferida branca na saúde da sombra.

Alba de branco corpo, luz crecente do tempo,
compostela diurna como unha praia, un labio
de cantiga no vento, perfil de eternidade.

O camiño é un silencio na alma como un vidro,
delicada substancia de séculos e olvido
fronte á morte que foxe desta luz entrañada,

deste mar, desta terra, deste regreso á vida.

Poemas de lenta nudez (1994)
Miguel Anxo Fernán Vello

Fotografías: Nicholas Roemmett (1), Yuri Zvezcny (2) e Rick Whitacre (3).

Comentarios

Publicacións populares