LETRAS GALEGAS 2023/FRANCISCO FERNÁNDEZ DEL RIEGO/LIBRO


Lembranza dunha amistade

A primeira relación persoal que establecín con Ánxel Casal data do outono de 1921. Durante o curso 1930-31 fixera nos estudios do primeiro ano da carreira de Dereito na Universidade de Madrid. Alí vivín de cheo as revoltas que precederon á proclamación da República. Alí emprincipiei tamén a sentir —a través de leituras e referencias de diversa cras— os problemas de Galicia. Rematado o curso, regresei nas vacacións de vran á miña vila natal. O 25 de xullo organizamos en Lourenzá  —un estudiante de Mediciña, Carlos Rodríguez Alonso, e máis eu— a celebración do Día de Galicia. Izamos na baranda do Concello  a nosa bandeira, e desde ela fixen una evocación emocionada do significado da data. Publicamos, asimesmo, un manifesto no que exaltabamos as características diferenciadoras do país e da súa cultura. Finalizaba cun colofón poético, que reproducía versos alusivos de Rosalía de Castro.

Por aquel entón andaba a traballar na cidade de Mondoñedo —situada a uns nove kilómetros de Lourenzá— un pequeno grupo de intelectuais galeguistas. Formábano Álvaro Cunqueiro, o notario Lafuente Bermúdez, o estudiante Raimundo Aguiar, o abogado Alexo Barxa, o poeta Díaz Jácome e o debuxante Bernardino Vidarte. Ao teren estes coñecemento da celebración que fixéramos, escribiume Cunqueiro unha fermosa carta de aplauso. Verquía nela soños e degaros galeguizadores, e convidábanos a nos sumar ao labor que eles viñan realizando no ámbito mindoniense. Confirmouse daquela, entre nós os dous, unha fraterna amistade que, pese a avatares posteriores, mantívose sempre ate o instante mesmo do pasamento do que foi grande escritor.

Nos comezos do mes de setembro, trasladouse toda a miña numerosa familia a Santiago, onde fixemos a nova residencia: e alí proseguín os estudos da carreira de Dereito encetada en Madrid, simultaneándoos cos de Filosofía e Letras. Apenas chegado a Compostela púxenme en contacto co Dr. Rodríguez Somoza, director do Sanatorio de Conxo, vello amigo dos meus pais, e moi vencellado á actividade da cultura galega. Presentoume decontado Rodríguez Somoza ao profesor de Historia do Dereito, Luís Tobío Fernández, e a Xan López Durá. Ámbolos dous introducironme no ambiente do galeguismo universitario, e o primeiro no do Seminario de Estudos Galegos. Nesta institución coñecín axiña a Ricardo Carballo Calero e outros membros representativos que alí traballaban.

Foi tamén por eses días cando entrei en relación con Ánxel Casal. Acababa entón de se instalar coa Imprenta Nós na rúa das Hortas, que trasladara desde A Coruña. No seu local comezamos a nos xuntar, en tertulia cotiá, varios mozos universitarios, intelectuais e artistas que compartiamos as mesmas anguieiras. Episódicamenge concurrían a ela as figuras do galeguismo, con ocasión dos viaxews que realizaban a Compostela. E con maior asiduidade, os integrantes do que ía ser o primeiro grupo do Partido Galeguista organizado en Santiago: Luís Tobío, Sebastián González García-Paz, Antón Fraguas, Xoán López Durá, Xoán Brañas Cancelo, Manolo Beiras, Barreiro Salaño e máis eu, entre outros. Desde aquelas datas, as relacións que mantiven con Casal, ao longo de cinco anos arreo, foron sempre estreitas e de grande intimidade. Admirábamos todos nel a súa xenerosidade, o seu feitío fondamente humano, a súa galeguidade increbantable. O norde da súa vida xiraba arredor dunha identificación total co ser de Galicia. Era home de sorriso aberto, de faciana acesa, apertando decote un xaruto entre os seus dentes. Con fogaxe ás veces no decir, facía gala dun idealismo galeguista sen feblezas, e dunha grande fe no porvir. 

Na mesma casa da rúa das Hortas, onde instalara Casal a súa imprenta, vivira e traballara un dous seus meirandes amigos. O escenógrafo e debuxante Camilo Díaz Baliño. A fonda amistade entre ámbolos dous viña de lonxe: desde cando comezara a colaborar xuntos na primeira empresa editorial. Nefeito, Camilo Díaz interviu como artista gráfico nas publicacións que Casal foi tirando do prelo, a partir dos momentos iniciais. De primeiras, na presentación das coleccións literarias de Lar, e como ilustrador nas páxinas de A Nosa Terra e da revista Nós. Imprimiu tamén nos talleres tipográficos que aquel rexía na cidade coruñesa. un Conto de guerra, breve narración ilustrada por el mesmo que apareceu o ano 1929. Os vencellos de colaboración e de amistade que o xunguía, non aflorarían nunca. Aforraláronse, incluso, incluso, durante a etapa compostelana, ate o momento no que os afastou a dramática morte que un e outro sofriron.

Ánxel Casal e o libro galego
Francisco Fernández del Riego

Ediciós do Castro
Documentos para a historia contemporánea de Galicia
O Castro Sada A Coruña
1983

Comentarios

Publicacións populares