LETRAS GALEGAS 2023/FRANCISCO FERNÁNDEZ DEL RIEGO/ARTIGO XORNALÍSTICO


Viaxe á Hita do Arcipreste

Francisco Fernández del Riego

Estabamos en Madrid, alá polo 1930. Cursabamos o primeiro de Dereito nas aulas do vello caserón de San Bernardo. Acostumabamos visitar daquela con certa frecuencia as librerías anticuarias establecidas en rúas veciñas á que percorríamos cotiamente para asistir ás clases na Facultade. Un día mercamos nunha dela un primeiro volume.

Era unha vedraña edición do Libro de Buen Amor de Juan Ruiz Arcipreste de Hita. Tempos despois se rematar a súa lectura decidimos coñecer a localidade onde o autor exercera o seu arciprestado. Puxémonos en camiño. 

Lembramos vagamente o paso por Humanes de Mohernando no val do Henares. Desde alí fomos a Hita. Subían roteiros de ferradura serpeando entre alcores pelados e cañadas profundas.

As eminencias salientables da comarca eran a muela e o colmillo de Alarilla. Tamén o agudo pico de Ocejón sinoreaba o panorama desde os azuis perfís de Somosierra.

Chegamos a un encostado outeiro que dominaba unha extensa zona. Xa non a campía de Guadalajara de hortas e frutais. Nin aínda a Alcarria. Viña ser onde se apoiaba Hita, saudosa de pasadas grandezas medievais.

Fora fortaleza cristiá na segunda metade do século XI. Estaba coroada por un castelo do que só quedaban ruínas informes.

Ruamos de vagar pola histórica vila. Achegámonos á igrexa de Santa María, á que Juan Ruiz servira. Atopábase no medio da aba do outeiro, dominando o casarío. Restos de muros toscos comidos por herballos eran a única reliquia daquel tempo onde o poeta medieval se inflamara en devoción a Virxe.

Por riba do amor mundano no que tanto se recreou a súa vea poética, había outro aspecto. A exaltación das excelencias do Bo Amor para exemplaridade da súa freguesía. Prolongados debates da posteridade produciu crítica e erudicións.

Houbo un poeta dos días que andabamos a vivir que cantou a decadencia da vila: "Hita es como una infanzona, que otea desde un balcón/sobre el dilatado valle/la vuelta de su señor". O balcón cumiado de Hita, dominaba os entón humildes poboados veciños: Torre del Burgo, Taraguda, Alarilla.

Con gran extensión de fondigonadas e cuíñas. Memoramos asemade, da xa lonxana viaxe, a paisaxe de Hita. O ocre violento dos barbeitos unha e outra vez nos pregues do terreo. Ou se detiñan perante o verde claro dos trigais, as liñas sobrias das oliveiras, e os retortos muñóns dalgún viñedo. Choupos aillados como severos ciriais denunciaban algún regueiro disimulado ntre as lomas. A nosa lectura do Libro de Buen Amor, completámola con aquela viaxe hai tantos anos. Serviunos para coñecer o ambiente no que a obra se escribiu. Xa non quedaban apenas vestixios da época en que o poeta medieval exerceu o seu arciprestado.

Ademáis do que levamos dito, lembramos as leviáns pegadas que restaban da mansión do marqués de Santillana detrás da cuíña do castelo. Pois Iñigo López de Mendoza era señor de Hita. O gran poeta do século XV tiña de entronque literario co arcipreste a continuación do xénero popular das serranillas. Pero as do marqués ran máis finas e estilizadas, último relustre dunha tradición medieval.







6 de setembro de 2008
La Voz de Galicia

Comentarios

Publicacións populares