LETRAS GALEGAS 2023, FRANCISCO FERNÁNDEZ DEL RIEGO/ARTIGO XORNALÍSTICO DE 1995

Ánxel Fole, narrador


Francisco Fernández del Riego

No ano que vén, cumpriranse dez anos do pasamento do escritor lugués Ánxel Fole. Foi un dos máis notables narradores do noso tempo.

Características moi de seu eran o amor á terra propia, sentimento de paisaxe, sintonización coas tradicións populares. Viña ser un autor de relatos vencellados ao mundo aldeán. Fixo un tipo de conto no que puxo ao servicio da imaxinación a contemplación do inmediato. Compuxo famosos cadros, e amosouse como maquinista singular dos personaxes que neles se moven. Levou Fole os asuntos da súa narrativa ata as raizames do mundo campesiño. Nese mundo inspirouse, con fluidez, a súa pluma de pintor da paisaxe.

Tentou contar historias do ser vivo do pobo. As xentes que buligan nos seus relatos son sempre xentes do común. Así, o que neles reflexou, vén ser o universo cotián dos seres que habitan o  ambiente rural. Un ambiente temeramente humano, narrado co  notas axeitadas, ternas, implacables, cheo de soños e de angurias.

Fóra do acento popular, tradicional que os contos de Fole traducen, revélase neles outro aspecto: O elemento onírico que o escritor usou con relativa frecuencia. Amosan, nefecto, os relatos, certos feitos sobrenaturais, fantásticos: soños, alucinacións, insomnios artísticos. O tema dos soños e da psicoloxía anormal supuñan un grande atraemento para o narrador. Os soños técense no entramado argumental: Adiantan algún suceso futuro, ou desenvolven aconteceres presentados por medio do soñado. Por veces, os soños poñen de manifesto as supersticións dos personaxes. En ocasión serven para fuxir das normas do realismo e facer voar a imaxinación. Pero tamén, noutros momentos, suxéitase o autor a terra polo natural. Esta dobre tendencia pode parecer paradóxica. Mais cando tenta a afastar os ollos do real, sonda as forzas misteriosas que semellan gobernar o funcionamento da realidade, e especialmente das persoas. En Á lus do candil, Fole recolleu unha serie de quince contos, contaos entre señores e criados: todos ao redor do lume na vella torre de Abrantes, nunha comarca de <<lobos e aguias>>. O misterio priva neles: Mortes, aparecidos, premonicións, lendas, forman o substrato fundamental da obra.


Na súa maior parte, escoitoullos Fole ás xentes que compartían o agarimos das lapas no fogar aldeán. Un libro posterior, Terra brava, escribiuno o autor na Casa Grande da Proba, no Incio. Tamén estes contos parecen contados. Pero a diferencia dos outros, a inventiva sobrancea ao que cabería chamar tradición -transmisión oral-. En calquera caso, o eixo central segue a ser a vida rural galega. E o narrador expresou neles o seu gusto polo que denominaba contos realistas. Ambolos dous libros inclúen, pois, relatos directos, vividos nas súas raíces. Son produto dun alongado, atento, trato cun ambiente e unhas xentes, ou con singulares experiencias psicolóxicas. Por veces, o lector bate con alucinantes relumbres de pesadelo e arrepío. Decátase de que os personaxes que buligan nas narracións non son meros retratos, nin meras fantasías. Veñen ser como invencións encarnadas, feitas carne. Fole acadou transformar a experiencia subxectiva en materia artística. A converter a lembranza persoal en sentimento humano. Os seus contos revelan unha vocación traspasada de  sensibilidade. Tamén gracia de estilo, sen xiros pedantescos, sen artificios nin cultismos arcaizantes. Un estilo clásico, pero vivo e popular, que flúe dacordo coa realidade dos sucesos. O narrador escribiu os contos na soidade, mais non para que fosen lidos na soidade. Escribiunos para o lector, pero así mesmo para un público anónimo, disposto a escoitar un relato. 

La Voz de Galicia
25 de agosto de 1995

Comentarios

Publicacións populares