NO COLO DA TÚA TÚNICA
Li Yian escribe o seu amante
Ando polo xardín das orquídeas de inverno
e todo meu amor
a ti me leva: as aves as abellas
as cousas máis humildes
a auga que baixa dunha fonte vella
as formigas
os gusarapos que nin sei se alentan
as folliñas das herbas
aquela pomba branca que apousaba
no colo da túa túnica amarela
Todo me leva
a ti
todo me enleva
as nubes
as lembranzas
o perfume das flores
os aires nas almeas
todo se muda meu amor no tempo
no prestixio da luz
na pura ausencia...
Luz Pozo Garza
Comentarios