FORMAS XURDINDO


Oda ás forzas de Patiño e Jackson Pollock

I

Atrévete nos mares
de babexiña ou golpe
con aguación e coso
pra dar aínda na pedra e dar coas formas
tenciona aínda escuro entre os tronos
tempestade dos tempos
(¿Que ten que caian follas?
Ti pintarás máis dentes).

Mira
bucía
palpa
no mar os carromeiros mestos
no mar
na terra
no ámbar de sangue
dentro
descontrolando estatísticas e reixas
xurde
zurricha
vente
ollo de iodo
isco
batume
esencia
anque doan as tripas
envísgate nos océanos
neste gran mar que miro
(¡ah qué gran mar amigo!)
sé máis feliz que os congresos máis lóxicos e serios
sé laño que está a cebarse en marés e invernos
xordamente
agarda a dar un bo golpe
ti que vives ti que andas ti que sabes do vento.

II

Como o sol ou o mar non hai nada
como as formas xurdindo ou preguntas
non hai nada máis grande que o tigre
ou o peixe que no átomo xa agroma
e por iso defendo
unha lingua de carne e de lama
unha lingua de lama que aprenda
que non todo é falar e hai materia
e hai que andar e marchar de contado
e fender no universo ou na nada
en máis frescos e inéditos celmes
polo que é necesario aguantarnos
contra todo ese medo de estrelas
ANQUE DOAN AS TRIPAS
contra todo o futuro horizonte
e a distancia terríbel das presencias.

E haberá máis diluvios e loitas
e a noite arredando aos que son febles
pra que poida saberse se é preciso
sementar con máis paixón homes nas femias
co semáforo en ritmo do pulso
debalando no espacio
por sempre.

III

E Jackson Pollock vive e Jackson Pollock tenta
porque nas mans buligan células e bacterias
e fillos de pais naceron e remaneceron e repetíronse todos os movimentos

E HABERÁ MÁIS DILUVIOS E DESASTRES
e cambiarán os semblantes das nubes de osíxeno das galaxias
e novos xelmos e lígamos darán novos víveres e cadáveres tenros
comeremos falaremos cubriremos o chan de papeis de poderes
cruzaremos contigo e Jackson Pollock e Mark Tobey e os amigos
moitedumes de xente e cidades
e puntos e liñas
kilombos e mares
guerras e baleiro.

Profecía do mar
Bernardino Graña
Pinturas 1 e 2 de Reimundo Patiño; 3 e 4 de Jackson Pollock

Comentarios

Publicacións populares